A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe a concesión de axudas por un importe total de 579.766 euros, un investimento que irá destinado a obras de infraestruturas e melloras viarias en concellos da provincia de Ourense. Tamén aprobou as programacións da Escola Provincial de Artes e Oficios, do Centro de Cultura Popular “Xaquín Lorenzo”-Escola de Danza e da Escola Provincial de Gaitas, para o curso 2021-2022, e deu luz verde á incoación de expediente para a resolución -por incumprimento da obrigación contractual- do contrato administrativo para a prestación do servizo denominado “Escola de equitación da Deputación de Ourense”, adxudicado en 2012 á mercantil Equus Ourense, SL.
No que atinxe á cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno aprobou unha achega de 125.000 € para o Concello da Rúa para obras na rúa Coballo, 1ª fase. e outra de 96.309 € para o Concello de Verea para a execución das obras de reparación de pistas e rúas neste termo municipal. Asemade, aprobou cadansúas achegas de 48.000 € para os concellos de Cortegada (acondicionamento do centro médico), Chandrexa de Queixa (acceso a Ventosa), Esgos (captación de auga en Gomariz e Campinas), e Lobios (accesibilidade á residencia da terceira idade), ademais de 47.970 € para Punxín (vías municipais), 47.553 € para Quintela de Leirado (musealización do edificio multiusos), 49.934 € para Riós (tubaxe de pluviais do regato Porto do Espino-Veiga de Seixo), 20.000 € para Trasmiras (obras de arranxo da Casa da Cultura para albergar a biblioteca de Isaac Alonso Estraviz) e 10.000 € para A Mezquita (viveiro de planta de castiñeiro).
Aparte destas achegas, a Deputación destinará 28.000 € para a concesión de “Bolsas Erasmus rural interreg Raia Termal”, do Programa Interreg V España-Portugal (POCTEP), 2014-2020 Feder; 6.000 € á Fundación “Estanislao Reverter” para o remate dos traballos de restauración do vehículo “Alpinche”, e 3.000 € á Federación Galega de Balonmán para Escolas Deportivas 2021.