Déjà vu, de Manolo Alcántara e Cris, pequeña valiente, Premios do Público da MIT 2021.

A 37ª MIT completou a totalidade dos aforos e puido celebrarse sen ningunha incidencia.

O gañador do 1º Dramiturga foi Roi Vidal Ponte, co texto Noite Castelá, que publicará nun libro colectivo a Asociación DramaturgA, xunto coas seis versións da peza que realizaron os dramaturgos participantes do proxecto.

AVANTAR ACTIVIDADES

Foi unha edición especial, de recuperación internacional e cautela, onde a incertidume e o compromiso estiveron moito máis presentes. O público, acostumado ás votacións telemáticas, ao desaloxo ordenado do Auditorio por tramos e seguindo os protocolos do Plan de Continxencia da MIT ante a COVID-19, valorou a diversidade de espectáculos e a oportunidade de reflexionar sobre eles de novo nos foros da MIT, un formato de mediación plenamente consolidado no festival.

Os espectáculos Los que hablan e Bailar agora, quedaron en segundo e terceiro lugar, respectivamente. Co resultado final das votacións, evidénciase a valoración do público á diversidade de estilos e xéneros, pois prémiase o novo circo, os monicreques, a danza e o teatro textual.

No final apoteósico de onte no Castelo, domingo 25 de xullo, o artista Manolo Alcántara saía a saudar e dicía, non hai dous sen tres, en referencia ás dúas presentación que tivo o seu traballo artesán e delicado no marco do festival. E así será, na vindeira edición, que xa está en proceso de deseño e que recollerá todos os froitos, valoracións e axustes para seguir evolucionando, pero tamén o compromiso de convidar coa nova produción á compañía gañadora.

A MIT seguirá apostando pola esixencia, a non cancelación de todo canto se poida levar a cabo e imaxinar, a calidade fronte á cantidade e a distinción da coherencia e do risco, o que permite o debate, alenta a crítica e fomenta os valores de respecto e convivencia. Cada vez é máis importante reafirmar os valores comunitarios e a MIT seguirá sendo ese festival popular e reflexivo onde recalar por un tempo prolongado para vivir unha experiencia concentrada de innovación e apertura, fronte aos individualismos e a insolidaridade.