O Psdeg-Psoe de Toén expresa a súa “indignación” polo perigoso estado da estrada 0u-0564 que une mugares e alongos debido ao paso de camións de gran tonelaxe

Os socialistas denuncian que levan meses solicitando a prohibición de circulación dos camións e que se reforme a estrada, na que nos últimos días apareceu unha perigosa fochanca

O vicevoceiro do PSdeG en Toén, Antonio Fernández, denuncia que tanto Concello como Deputación “fan caso omiso das reclamacións socialistas” e afirma que a veciñanza “está farta da desidia”

AVANTAR ACTIVIDADES

 O PSdeG-PSOE de Toén expresa a súa “indignación” polo perigoso estado no que se atopa a estrada OU-0564 que une as parroquias de Mugares e Alongos e na que apareceu unha importante fochanca que pon en perigo a mobilidade e circulación pola mesma. Os socialistas denuncian que levan meses solicitando o arranxo desta estrada que se atopa en “moi malas” condicións debido o paso pola vía de camións de gran tonelaxe.

Dende o Grupo Municipal Socialista esíxenlle ao Concello de Toén que proceda a sinalizar con carácter de “urxencia” esta fochanca, situada a altura das antigas canteiras irmáns Cortiñas, e apuntan a que dende a Deputación de Ourense deben dar solución ao problema da circulación de camións por unha estrada que segundo manifestan os socialistas “non está preparada para soportar a circulación de gran tonelaxe”. Lembran que fai anos había unha sinal que prohibía a circulación de máis de 3 toneladas, que despois foi substituída por outra na que se prohibía o paso de máis de 12 toneladas e nos últimos tempos xa non hai sinal algunha.

Os socialistas avogan por buscar alternativas e “prohibir” a circulación dos camións de gran tonelaxe pola estrada e así llo fixeron saber tanto ao Concello como a Deputación de Ourense, encargada da xestión desta vía de comunicación provincial. Dende o PSdeG-PSOE de Toén tamén esixen a reparación da estrada e que se dote de beirarrúas a estrada ao seu paso polas localidades de Meabe e Moreiro, xa que tal e como afirman “non existen beirarrúas o que supón un perigo para o tránsito dos peóns, especialmente a carón dun barranco onde a Deputación se comprometeu co alcalde a instalación dunha valla, pero a día de hoxe nada se fixo”.

Para o vicevoceiro do PSdeG-PSOE de Toén, Antonio Fernández Feijóo, a situación “é indignante, debido ao silencio administrativo tanto do Concello como da Deputación, que sigue a facer caso omiso das reclamacións feitas polos socialistas con respecto a esta estrada. O concelleiro socialista tamén afirma que a veciñanza “está farta do continuo tránsito de camións por esta vía que non está preparada para a súa circulación e que sofre os estragos causados pola gran tonelaxe dos mesmos, pero tamén da desidia e deixadez municipal para dar solucións a este problema”.

Fernández Feijóo subliña que a OU-0565 é “unha vía de comunicación moi importante do municipio pois une Mugares con Alongos e a súa vez da acceso ao enlace coa autovía das Rías Baixas, a A-52 e coa autoestrada a Santiago, a AG-53”. O concelleiro socialista tamén denuncia que a parroquia de Mugares “é a máis abandonada polo Concello”, xa que segundo relata “non hai beirarrúas no inicio da localidade, o alumeado público é o máis antigo do municipio e os veciños e veciñas de Moreiro e Meabe non dispoñen de fibra óptica”. A elo súmase o estado da estrada entre Moreiro e Toén “totalmente intransitable”.

Os socialistas xa se puxeron en contacto co goberno municipal para que proceda en primeiro lugar a sinalizar a fochanca perigosa na estrada e para lembrarlles a “importancia” de prohibir a circulación dos camións e que se proceda a reforma da estrada o “máis rápido posible”.