​O BNG denuncia o desmantelamento do CIE por parte de Jácome incumplindo prodecementos e mesmo ordenanzas municipais

O Centro de Iniciativas Empresariais atópase regulado a través dunha Ordenanza polo que, segundo as fontes consultadas polo BNG, calquera iniciativa para o cambio de usos do edificio debería se aprobado en pleno

O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense denuncia o proceder do alcalde, Pérez Jácome, no seu intento de desmatelar o Centro de Iniciativas Empresarias (CIE), e boa proba delo son as cartas que nas últimas semanas remitiu aos empresarios que empregan os niños do edificio advertíndolles de que debían abandonalo.

Publicidade

Desde o BNG lembran que o CIE atópase regulado a través da Ordenanza Reguladora do Centro de Iniciativas Empresariais do Concello de Ourense, aprobada por unanimidade do pleno da corporación na sesión do 03 de abril de 2008 e publicada no BOP o 23 de setembro do mesmo ano.

En dita ordenanza aparece recollido no seu artigo 2 a localización e natureza xurídica do mesmo, deixando moi claro que a súa localización “é o número 1-A da rúa Padre Feijóo de Ourense”. Tamén establece que o edificio “participa do carácter de ben de dominio público destinado ao servizo público, de acordo co disposto no artigo 4 do RD/1372/86 do 13 de xuño polo que se aproba o regulamento de bens das entidades locais”.

Igualmente, no articulado aparecen determinados os espazos dos que disporá, e dicir, nove despachos viveiros para emprendedores, unha sala de xuntas, unha sala de informática así como outra serie de servizos comúns.

Segundo o BNG, non é posíbel o desmantelamento de dito edificio para adicalo a outros usos por decreto tal e como pretende o alcalde xa que, tal e como queda perfectamente acreditado na ordenanza, o seu uso é exclusivo.

Unha vez máis, denuncian os nacionalistas, Jácome pretende impór o seu criterio pasándose os procedementos polo arco do triunfo, por mero capricho, pois non hai nada que xustifique prescindir dun espazo como o do CIE, lugar de onde xurdiron múltiples proxectos ao longo dos últimos anos e que serve como espazo de impulso para todas e todos aquelas emprendedores que buscan facerse un oco no complexo e difícil mundo empresarial.

O desmantelamento do CIE non se xustifica en ningún caso, máxime nun momento de crise derivada da pandemia na que as administracións, e en particular a local, deben ter un papel proactivo na recuperación e apoio a todas aquelas iniciativas que xeren emprego e actividade económica no concello.