O BNG denuncia que Jácome está convertindo a Ourense nunha cidade “zombi”

Fanno ao cumprírense 200 días sen actividade cultural, namentres no resto de municipios sí se está programando dentro das limitacións existentes

O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense manifestou públicamente este martes o seu malestar polo feito de que Ourense leve 200 días co auditorio fechado e sen actividade cultural.

AVANTAR ACTIVIDADES

Para a concelleira Rhut Reza, “é insoportábel que o Auditorio Municipal, pagado cos cartos de toda a veciñanza leve 200 días pechado ás artes escénicas e que tampouco haxa programación cultural de ningún outro tipo”.

Segundo Rhut Reza, “o alcalde Jácome atopou na Covid-19 a escusa perfecta para desmantelar todo o tecido cultural. Un tecido cultural que desde sempre tivo tradición en Ourense. Jácome está privando ás veciñas e veciños de actividades e programación que contribúa a paliar a xa de por sí difícil situación económica e social na que nos atopamos. Parece que vivimos nunha cidade zombi”.

E é que como lembran desde o BNG, “a actividade cultural repercute económicamente en sectores tan importantes como é a hostalería ou o pequeno comercio, así como no turismo, ao tempo que contribúe a dinamizar a vida social da cidade”.

Por outra banda, desde a formación nacionalista tamén lamentan a cancelación da programación prevista polo Cineclube Padre Feijóo ao non poder facer fronte ás taxas esixidas polo concello e cuestionan a actitude do mesmo, quen amosa “unha nula sensibilidade e capacidade de colaboración”, e engaden, “o concello non só non programa senón que dificulta que outros o poidan facer”.

Ante esta situación, desde o BNG anuncian que levarán a pleno unha moción para a actualización da Ordenanza Reguladoras das Taxas polo Aproveitamento ou Utilización da Vía Pública e exonerar a aquelas organizacións, asociacións ou colectivos que organicen eventos ou campañas sen ánimo de lucro na vía pública. Cuestión que xa foi debatida no seu día en pleno e que concituou o apoio unánime de toda a corporación, incluído o de Democracia Ourensana, quen agora, e unha vez máis, incumpre un acordo plenario.