Marina Ortega advirte que a falla deste servizo obriga a desprazar aos pacientes, retrasando o tratamento nunha afección na que a rapidez é vital
A parlamentaria socialista Marina Ortega vén de presentar unha serie de iniciativas no Parlamento de Galicia para reclamarlle á Xunta que dote a Ourense dunha Unidade de Ictus plenamente operativa as 24 horas do día. A responsable socialista lembra que a provincia é a única que carece deste servizo, segundo os propios especialistas en dano neurolóxico, o que obriga a desprazar aos pacientes, retrasando o tratamento e poñendo en perigo a súa evolución.
Ortega lembra que os expertos fixeron pública esta demanda en varias ocasións, a última delas na Xornada sobre a situación de pacientes neurolóxicos organizada en Ourense pola Fundación Neoburgas, onde explicaron que “dispoñer dunha Unidade de Ictus é directamente proporcional á mellora do tratamento nas persoas afectadas”.
Explica que os facultativos de Ourense se atopan con non poden aplicar unha trombectomía mecánica, sinalada para os casos máis graves, obrigando a derivar aos pacientes a Vigo, “tendo en conta que as primeiras horas tras o ictus son claves para as posibilidades de mellora dos pacientes”.
Salienta ademais a importancia de ter un tratamento acaído para esta afección, que actualmente é a segunda causa de mortalidade no mundo e vai en aumento, de especial importancia para unha das provincias máis envellecidas do Estado, onde se ten rexistrado un aumento dos casos, chegando a activar o “código Ictus” do hospital provincial en 222 ocasións no pasado ano 2020.
A parlamentaria socialista reclama así unha unidade de Ictus na provincia de Ourense “que funcione ás 24h do día todos os días do ano e dispoña dos recursos humanos e materiais necesarios para o seu óptimo funcionamento”.