Esta fin de semana, a 59 edición da Festa do Pulpo terá formato de Xornadas Gastronómicas

Unha trintena de locais de restauración do Carballiño forman parte das Xornadas Gastronómicas da Festa do Pulpo na súa 59 edición, un formato motivado pola situación sanitaria actual. Deste xeito, ofrecerán un menú especial para a celebración deste evento, con especial participación o domingo día 8. Tamén nesta xornada haberá unha vintena de pulpeiras por todo o Carballiño para os que queiran desfrutalo na casa. Esta edición está adicada ós comerciantes e hostaleiros, os máis afectados pola pandemia.

A pesar de celebrarse en restaurantes, as medidas sanitarias deberán cumprirse para garantir unha festa sen incidentes. Para iso, tanto os hostaleiros coma o concello piden que se fagan reservas previas para poder garantir o cumprimento do aforo.

AVANTAR ACTIVIDADES

FEIRA DO STOCK

A fin de semana da Festa do Pulpo do Carballiño, terá lugar a Feira do Stock do Carballiño por primeira vez adiantada no calendario. Dende hoxe pola tarde xe se puideron aproveitar os grandes descontos, que estarán dispoñibles sábado 7 e domingo 8 de agosto, de 11h a 14h e de 17:00h a 22:00h na Praza Maior.

Será unha edición especial da Feira de oportunidades dos comercios locais de Carballiño Centro Comercial Aberto, onde se ofertan produtos de todos os sectores.

Nesta ocasión, coa premisa de manter todas as medidas de seguridade, haberá tres grandes carpas, ca entrada e saída delimitada e con control de aforo.

PROGRAMACIÓN CULTURAL

Dentro da programación do Verán Cultural, e en especial nesta semana previa á celebración das xornadas gastronómicas da Festa do Pulpo, haberá numerosas actuacións musicais. Esta tarde, ás 20:00 horas na Pista Roxa, será a presentación da mascota oficial da Festa do Pulpo, o pulpo Octavio. Hoxe venres, será a quenda de Pablo Milanés, ás 23:00 horas na Praza da Veracruz, e que xa completou o aforo.

Este domingo día 8 de agosto, a asociación Agarimos do Arenteiro  organizará a feira de artesanía e antigüidades xa tradicional nesta vila. A mostra poderá visitarse na rúa Tomás María Mosquera e na Praza Emilia Pardo Bazán durante toda a xornada.

E ademais, tamén o domingo día 8, haberá unha actuación de música tradicional a cargo da banda Cantigas e Agarimos, ás 20:00 horas na Praza da Veracruz.