O Psdeg-Psoe denuncia que Jácome e o PP torpedean a praza de abastos non pagando á construtora

O Psdeg-Psoe denuncia que Jácome e o PP torpedean a praza de abastos non pagando á construtora e incumprindo a obriga de xustificar a subvención do estado

Publicidade

Os socialistas aseguran que a subvención está nunha situación “crítica” posto que as alegacións do Concello presentáronse “de xeito incompleto” e con vaguidades

Denuncian que o goberno de Jácome e o PP carece dun plan funcional para o interior do edificio e non está a traballar activamente para que se estenda o proxecto ao Rianxo e á contorna da praza

 O PSdeG-PSOE de Ourense vén de denunciar que Jácome e o PP torpedean o proxecto de reforma integral do edificio da praza de abastos das Burgas non pagando á construtora “que leva nove meses executando as obras” e incumprindo a obriga de xustificar a subvención do Estado en tempo e forma. Así as cousas, os socialistas aseguran que a axuda concedida polo Ministerio de Fomento no marco do Programa do 1,5 % Cultural para realizar as obras está nunha situación “crítica” logo de que o Concello de Ourense presentase as alegacións fóra de prazo e con vaguidades.

“Somos coñecedores de que había un período definitivo de alegacións e agora sabemos tamén que esas alegacións están incompletas. Se a situación era grave, agora aínda o é máis” sinalou a concelleira Natalia González, quen reiterou o compromiso expresado polos socialistas a semana pasada en relación á petición de amparo por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma), xa que “sempre estivemos na defensa da subvención deste proxecto que debe ser clave para o futuro desenvolvemento da cidade”.

Non obstante, dende o grupo municipal socialista deixan claro que “os únicos culpables” se a subvención se perde son Jácome e o PP, unha situación á que cómpre sumar os “tics morosos” do alcalde, que segundo as informacións que manexan os socialistas, adebeda cartos á empresa que está a traballar na reforma do edificio.

“Dentro de seis meses rematarán as obras, temos unha empresa que as está executando e que leva nove meses sen que o Concello de Ourense estea ao corrente dos pagos. Parécenos inadmisible.”, condenou González.

Sen plan funcional nin Rianxo

Así mesmo, a concelleira preguntouse que vai pasar unha vez rematen de acometer esta primeira parte da reforma posto que “a día de hoxe non hai un plan funcional para saber cal vai ser a distribución dos postos na praza”, toda vez que “o alcalde e responsable de Comercio, que cogoberna co PP, non fixo nada ao respecto”, polo que os socialistas temen que o edificio quede reducido a un espazo “diáfano e formigonado” e poida acabar baleiro e abandonado.

“O primeiro paso sería o plan funcional, logo a urbanización da contorna. Se non se adecúa o Rianxo e a zona que rodea esta praza, isto quedará como un conxunto baleiro que será presa do abandono. A segunda fase suporía un modificado de proxecto pero nada se fixo. Está sobre a mesa do goberno municipal pero non hai vontade política para sacalo adiante”, asegurou a socialista, quen aproveitou para lembrar que “tampouco se sabe nada da piscina termal anunciada polo alcalde para o soto do edificio.

“Despois dun ano do anuncio, non hai nada feito. Estamos nunha situación dramática. Esiximos compromiso, non podemos arriscarnos a perder a subvención nin que isto quede como un proxecto abandonado no centro da cidade”, concluíu.