Gabriel Alén salienta o lecer activo dos minicampamentos de verán da Xunta

IES CHAMOSO LAMAS

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá, acompañado do 1º Tenente de Alcalde, Bernardo Varela, o minicampamento ‘Acción no Arnoia’ que se está desenvolver no concello de Allariz, o segundo na provincia de Ourense e o décimo terceiro en Galicia, e que se encadra no programa Coñece Galicia.

O delegado territorial explicou que baixo o lema ‘O verán que mereces`, esta iniciativa ten un dobre obxectivo: por unha banda, ofrecer unha opción de lecer activo ás mozas e mozos galegos, coa particularidade de que son estadías rápidas de cinco días de duración; e, por outra, axudar a dinamizar o sector hostaleiro, que tanto sufriu este ano.

OZOCOgz Deseño Galego

Gabriel Alén sinalou que 20 rapaces de entre 10 e 14 anos, están a desfrutar de actividades multiaventura como paseos en BTT, tiro con arco, kaiak, xogos na piscina, e actividades culturais e de orientación por contornas naturais.

O representante do Goberno galego salientou que esta iniciativa está encamiñada a apoiar a adquisición de competencias e habilidades por parte das persoas máis novas, fomentar o coñecemento da riqueza natural e patrimonial de Galicia, o coidado do medio ambiente e o lecer educativo.

Estas localizacións súmanse ás ofertadas nos campamentos e nos campos de voluntariado que, xunto aos minicampamentos, integran a programación da Campaña de Verán, na que está a participar máis de 7.800 beneficiarios. En todos eles, mantéñense as medidas de protección fronte á covid-19 postas en marcha o ano pasado, que inclúen a redución do aforo, a incorporación progresiva dos mozos e mozas, o reforzo do persoal monitor e o incremento das medidas hixiénicos-sanitarias. Ademais, este ano incluiranse probas de antíxenos completamente gratuítas para todos os participantes e monitores antes do inicio de cada campamento.

Bono Coidado

O delegado territorial lembrou tamén que está aberto o prazo para solicitar o Bono Coidado, unha axuda económica que serve para atender as necesidades puntuais que teñan as familias durante todo o ano. Ademais, este ano engádeselle unha novidade a este programa, a axuda para sufragar as necesidades das familias galegas en períodos de vacacións escolares, que servirá para financiar servizos de conciliación nestas datas, como campamentos. As persoas interesadas nesta axuda poderán solicitala ata o 30 de setembro.

Como nos anos anteriores, co Bono Coidado poderá solicitarse a contratación dun servizo de conciliación no caso de enfermidade do neno ou do coidador habitual, para cuestións de carácter laboral ou para outro tipo de situacións nas que se precise, sempre e cando sexan xustificables. Neste senso, grazas á novidade engadida este ano, ofrecerase unha axuda durante o verán para a contratación dunha persoa ou para acudir a centros autorizados como ludotecas, espazos infantís ou servizos semellantes, sempre que ambos os dous proxenitores acrediten que, por motivos laborais, non poden facerse cargo da atención do neno de ata 12 anos na época de vacacións escolares