O carballiñés e ex-Fiscal Superior de Galicia Carlos Varela ofrece aos lectores de Badalnovas este artigo:
A xestión dos montes e a prevención de incendios forestais converteuse nun dos maiores retos estruturais para os países do sur de Europa. Nun contexto de cambio climático onde os lumes son cada vez máis voraces, as administracións buscan fórmulas innovadoras para acometer a urxente limpeza das masas forestais. Neste escenario, a recente reforma legal aprobada polo Parlamento portugués acendeu un debate clásico pero renovado: pode e debe utilizarse a poboación reclusa para a protección do medio ambiente? A resposta do país veciño foi un «si» condicionado, abrindo unha vía que pon o foco na reinserción, pero que inevitablemente mira de reollo cara o panorama internacional.
A nova Lei de Política Criminal (aprobada o 13 de xuño, para o trienio 2026-2028) introduce varias medidas de prevención e combate a criminalidade, entre as que se atopa a posibilidade de que os reclusos poidan participar activamente en accións de limpeza e mantemento de matas e zonas forestais para a prevención de incendios rurais, a través da coordinación entre a Direção-Geral de Reinserção e Serviços Prisionais (DGRSP) e os centros de internamento do país.
Porén, lonxe de imaxes anacrónicas de traballos forzados, a norma portuguesa deseñouse con fíos de precisión para respectar escrupulosamente os dereitos humanos. O texto vincula a medida a tres piares fundamentais: a voluntariedade, o réxime aberto (presos en fase final de condena cun risco de fuga residual) e unha remuneración económica adecuada tomando como referencia o salario mínimo. Tanto o Ministerio Público como os demais órganos consultivos relevantes informaron positivamente esta normativa integrada dentro da estratexia nacional de prevención prioritaria contra o delito de incendio forestal.
Desde a perspectiva do dereito internacional, o modelo adoptado por Lisboa cumpre cos estándares do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH). Ao non existir obrigatoriedade, a medida foxe da consideración de «traballo forzado» (prohibido polo Convenio Europeo de Dereitos Humanos). Pola contra, o traballo penitenciario transfórmase no que sempre debeu ser: unha ferramenta pedagóxica, para que o recluso adquira hábitos laborais que faciliten a súa volta á sociedade. Portugal asina así unha reforma pragmática que alivia a carga de traballo forestal do Estado mentres ofrece un camiño de dignificación social.
Na Europa comunitaria, en países como Portugal ou España, a participación de internos en tarefas de mantemento de espazos públicos e zonas naturais xa se realiza a través de convenios específicos con administracións locais ou rexionais que teñan transferidas as competencias penitenciarias (Cataluña e País Vasco). Nestes casos, o traballo está meticulosamente regulado por organismos estatais como ocorre co organismo español, equivalente a DGRSP portuguesa, Trabajo Penitenciario y Formación para el Empleo. Esta entidade está adscrita ao Ministerio del Interior a través da Secretaría General de Instituciones Penitenciarias e encárgase de xestionar o traballo produtivo e a formación profesional dos reclusos nos cárceres españois.
O obxectivo non é substituír a man de obra civil nin abaratar custos de emerxencias, senón ofrecer talleres de capacitación forestal. A reforma portuguesa demostra que a ecoloxía e a política penitenciaria poden converxer de forma ética. Para territorios con problemáticas forestais idénticas ás de Portugal —como é o caso de Galicia—, este espello resulta especialmente inspirador. A lexislación española actual xa permite este tipo de dinámicas sen necesidade de reformas estruturais complexas; basta con impulsar a vontade política para ampliar os convenios institucionais.
O segredo do éxito desta proposta reside en respectar os dereitos de quen perdeu temporalmente a súa liberdade. Con retribucións xustas, seguridade laboral e consentimento, os montes gañarán protección contra os incendios. Ao mesmo tempo, as prisións exercerán a súa función máis nobre: reincorporar á sociedade persoas comprometidas coa súa conservación.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Outros artigos de Carlos Varela:
A opinión de Carlos Varela (ex-Fiscal Superior de Galicia): “Menores e redes sociais”
A opinión de Carlos Varela (ex-Fiscal Superior de Galicia): “A Intelixencia Artificial vai ás urnas”
A opinión de Carlos Varela (ex-Fiscal Superior de Galicia): “Noticias falsas: o poder das mentiras”
Carlos Varela García :
- Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. (promoción 1974-1979)
- Ingresou, por oposición, na carreira Fiscal en maio de 1.985
- Comezou seu exercicio profesional na Fiscalía de Vigo, onde foi Fiscal de protección de menores e de delitos económicos.
- Fiscal Superior de Galicia desde xuño de 2004 a marzo de 2015
- Na actualidade é fiscal no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
DISTINCIÓNS :
- Premio Lois Peña Novo polo uso profesional do galego
(2001) - Fillo adoptivo de Cangas do Morrazo (2009)
- Premio Dolores Llopiz do Colexio Oficial de Psicólogos de
Galicia (2010) - Premio Freire Carril da Asociación Agromadas de Seixalvo (2013)
- Premio Cereixa de Ouro da parroquia viguesa de Beade
(2013) - Premio Arenteira do Carballiño (2014)
- Premio Agradecemento da Asociación Daravelo de Cangas
(2019)
Esta é unha pequena relación de distincións. Cabe destacar a firme defensa do uso da lingua galega no ámbito xurídico e público levada a cabo por Carlos Varela durante o seu exercicio profesional. Esta postura, fundamentada no marco legal, foi recoñecida de forma expresa polo Tribunal Supremo, que no seu día felicitou ao entón Fiscal Superior de Galicia pola presentación dun recurso escrito en galego, valorando tanto a lexitimidade como o rigor xurídico do mesmo ( https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2021/09/28/span-langgl-tribunal-supremo-felicita-ao-fiscal-carlos-varela-recurso-escrito-galegospan/00031632848628980364346.htm )
Este feito non só subliña o seu compromiso cos dereitos lingüísticos e a identidade cultural de Galicia, senón que tamén evidencia un profundo coñecemento da legalidade vixente e unha destacable valentía profesional na defensa de principios fundamentais.

















