A opinión de Carlos Varela (ex-Fiscal Superior de Galicia): “A era do odio en internet: cando a rede nos ensina a odiar máis”

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O carballiñés e ex-Fiscal Superior de Galicia Carlos Varela ofrece aos lectores de Badalnovas este artigo:

O odio acompaña á humanidade ao longo da súa historia. Porén, na actualidade, o discurso de odio atópase amplificado polas redes sociais, onde internet actúa coma unha poderosa ferramenta de propagación, con capacidade de alcance global e difusión inmediata a públicos diversos.

As cifras confirman un incremento sostido das mensaxes de odio no mundo dixital, un fenómeno que se intensifica especialmente en períodos electorais e coa presenza dos chamados haters —termo de orixe inglesa que designa «os que odian»—. Trátase de individuos que empregan internet e as redes sociais para insultar, burlarse, emitir comentarios ofensivos, practicar acoso cibernético (cyberbullying) ou difundir discursos de odio dirixidos tanto a persoas concretas como a colectivo

Particularmente preocupante é o impacto sobre a xuventude, que constitúe un dos principais obxectivos destes comportamentos. A súa maior vulnerabilidade convértea nun grupo susceptible de ser arrastrado por reaccións viscerais fronte ás opinións discrepantes.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Co auxe das redes sociais, os haters gañaron voz e visibilidade. Amparados no anonimato, senten reforzada a súa capacidade para expresarse sen límites nin ponderación, obtendo ademais a validación dos seus seguidores mediante os coñecidos «gústame», que funcionan como mecanismos de reforzo das súas publicacións.

A miúdo afírmase que internet non é un espazo neutral. Foi deseñado para captar a atención, e esta non se dirixe cara ao trivial, senón cara ao que esperta emocións intensas: indignación, medo ou ira. Non se trata dun erro de deseño, senón dunha característica estrutural do propio sistema.

Un estudo sobre a rede social X revelou que as publicacións con contido ofensivo xeran un 70 % máis de «gústame» diarios, fronte ao 22 % das publicacións aleatorias. Isto evidencia que a emoción negativa non só atrae a atención, senón que tamén incrementa a interacción, favorece a viralización e xera ingresos publicitarios

Así, os algoritmos non son incapaces de xestionar o odio: foron, en realidade, configurados para maximizar a interacción, e a ira é un dos seus principais motores.

En Europa, cando se fala de «odio», non sempre se fala dun delito. A Unión Europea emprega un concepto moito máis amplo: inclúe actitudes, discursos e comportamentos que poden fomentar a intolerancia ou a discriminación aínda que non cheguen a cruzar a liña penal.

Neste contexto de crecemento da intolerancia nas redes, sitúase a recente proposta HODIO (Huella del Odio y la Polarización), unha ferramenta tecnolóxica baseada en intelixencia artificial anunciada polo Goberno de España en marzo de 2026. O seu obxectivo non é a censura directa, senón actuar como un «termómetro dixital» que mida a propagación destes discursos e avalíe a responsabilidade das plataformas na súa difusión.

Este enfoque permite observar como o uso intensivo de internet contribúe á formación de perfís políticos, económicos, sociais e culturais marcados pola intolerancia e o radicalismo, favorecidos polo deseño dos algoritmos que organizan e distribúen a información. Estes algoritmos tenden a privilexiar contidos que reforzan o pensamento homoxéneo e os discursos extremos, en detrimento da diversidade e do pluralismo

Como consecuencia, xorde unha «vitimización difusa», que pode afectar simultaneamente a un número indeterminado de persoas, máis alá das vítimas directas.

As grandes empresas tecnolóxicas, sometidas á presión social e ás esixencias normativas, teñen desenvolvido políticas de control e mecanismos de detección e eliminación de contidos de odio. Non obstante, estas ferramentas non sempre resultan eficaces: en ocasións non detectan mensaxes ofensivas e, noutras, poden incorrer en excesos que afectan o dereito fundamental á liberdade de expresión.

Neste sentido, a intelixencia artificial —especialmente no marco da Regulación (UE) 2024/1689— preséntase como unha ferramenta útil para analizar grandes volumes de datos e identificar patróns complexos. Porén, a súa aplicación require cautela.

A loita contra o discurso de odio esixe unha combinación de instrumentos: filtros automatizados, algoritmos robustos, sistemas de denuncia por parte dos usuarios e intervención humana a través de mecanismos como os chamados «vixilantes» (por exemplo, sistemas como SHS-ALBETO ou FARO deseñados por expertos

Con todo, dada a incidencia destas tecnoloxías na esfera pública, resulta imprescindible que o seu desenvolvemento e aplicación se sometan a criterios estritos de transparencia, rigor técnico e respecto polos principios democráticos. Só así se poderá evitar que as redes sociais se convertan nunha auténtica «terra sen lei».

Internet, como calquera tecnoloxía, non é boa nin mala en si mesma. O seu carácter depende do uso que facemos dela. O odio non naceu con internet. Pero, sen dúbida, internet ensínanos a odiar máis.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS



Outros artigos de Carlos Varela:

A opinión de Carlos Varela (ex-Fiscal Superior de Galicia): “Verificación de idade: próximo desafío regulatorio para as plataformas dixitais”

A opinión de Carlos Varela (ex-Fiscal Superior de Galicia): “Menores e redes sociais”

A opinión de Carlos Varela (ex-Fiscal Superior de Galicia): “A Intelixencia Artificial vai ás urnas”

A opinión de Carlos Varela (ex-Fiscal Superior de Galicia): “Noticias falsas: o poder das mentiras”

A opinión de Carlos Varela (ex-Fiscal Superior de Galicia): “Odio e intolerancia nas redes sociais dixitais”

A opinión de Carlos Varela (ex-Fiscal Superior de Galicia): ” Deepfake: unha tecnoloxía de riscos e desafíos legais”

A opinión de Carlos Varela (ex-Fiscal Superior de Galicia): “Eficacia da pulseira electrónica en incendiarios forestais “

A opinión de Carlos Varela (ex-Fiscal Superior de Galicia): “Incendios forestais: punición e reinserción”


Carlos Varela García :

  • Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. (promoción 1974-1979)
  • Ingresou, por oposición, na carreira Fiscal en maio de 1.985
  • Comezou seu exercicio profesional na Fiscalía de Vigo, onde foi Fiscal de protección de menores e de delitos económicos.
  • Fiscal Superior de Galicia desde xuño de 2004 a marzo de 2015
  • Na actualidade é fiscal no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

DISTINCIÓNS :

  • Premio Lois Peña Novo polo uso profesional do galego
    (2001)
  • Fillo adoptivo de Cangas do Morrazo (2009)
  • Premio Dolores Llopiz do Colexio Oficial de Psicólogos de
    Galicia (2010)
  • Premio Freire Carril da Asociación Agromadas de Seixalvo (2013)
  • Premio Cereixa de Ouro da parroquia viguesa de Beade
    (2013)
  • Premio Arenteira do Carballiño (2014)
  • Premio Agradecemento da Asociación Daravelo de Cangas
    (2019)

Esta é unha pequena relación de distincións. Cabe destacar a firme defensa do uso da lingua galega no ámbito xurídico e público levada a cabo por Carlos Varela durante o seu exercicio profesional. Esta postura, fundamentada no marco legal, foi recoñecida de forma expresa polo Tribunal Supremo, que no seu día felicitou ao entón Fiscal Superior de Galicia pola presentación dun recurso escrito en galego, valorando tanto a lexitimidade como o rigor xurídico do mesmo ( https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2021/09/28/span-langgl-tribunal-supremo-felicita-ao-fiscal-carlos-varela-recurso-escrito-galegospan/00031632848628980364346.htm )

Este feito non só subliña o seu compromiso cos dereitos lingüísticos e a identidade cultural de Galicia, senón que tamén evidencia un profundo coñecemento da legalidade vixente e unha destacable valentía profesional na defensa de principios fundamentais.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------