As Forzas de Seguridade controlarán a entrada de uva foránea nesta vendima

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, mantivo durante a mañá de hoxe unha reunión de coordinación para o control de entrada de uva foránea na temporada de vendima na que participou o delegado territorial da Xunta de Galicia, Gabriel Alén, representantes da Delegación Territorial da Xunta de Galicia, das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e dos Consellos Reguladores das Denominacións de Orixe da provincia.

Na xuntanza, realizouse unha valoración positiva das actuacións realizadas durante a campaña do ano 2020 na que non se rexistraron incidencias salientables en canto ao uso fraudulento de uva foránea. O subdelegado do Goberno sinalou que “a coordinación entre as distintas Administracións e os Consellos Reguladores das Denominacións de Orixe é fundamental para garantir o prestixio e a calidade dos viños das catro Denominacións de Orixe existentes na provincia, un sector de vital importancia para a nosa economía”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Así mesmo, Emilio González informou de que, durante o transcurso da vendima, a Garda Civil, a Policía Nacional e a Policía Autonómica realizarán operativos de vixilancia nos territorios das distintas Denominacións de Orixe, así como de control de vehículos nas estradas nacionais e nas vías secundarias para evitar a introdución de uva e mosto foráneos. O subdelegado do Goberno avanzou que, como en campañas anteriores, farase especial fincapé na vixilancia nocturna e reforzaranse os operativos de control por parte do Subsector de Tráfico da Garda Civil.

Emilio González resaltou os resultados satisfactorios na redución de casos de fraude conseguidos coas tarefas de coordinación na vixilancia e control de entrada de produtos vitivinícolas foráneos, polo que se agarda que a tendencia continúe á baixa durante esta campaña.  

O delegado territorial informou que a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, comezou xa, por terceiro ano consecutivo, os controis na vendima para asegurar e preservar a calidade dos viños das denominacións de orixe (DO) de Galicia. Así, o control de parcelas e de rendementos xa empezou nestes días e a parte específica da vendima iniciarase cando esta dea comezo de xeito efectivo, estando prevista para mediados de setembro.

Á reunión, presidida polo subdelegado do Goberno en Ourense, asistiron o delegado territorial da Xunta de Galicia, Gabriel Alén; o xefe territorial de Medio Rural, Luis Jorge Álvarez; o tenente coronel da Comandancia da Garda Civil, Indalecio Linares; o xefe da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma, José Antonio Estévez; o inspector da Brigada Provincial de Seguridade Cidadá, Carlos Fernández; e representantes dos Consellos Reguladores das distintas Denominacións de Orixe: Lara da Silva (Monterrei), Marta Villén (Ribeira Sacra) e Luis Manuel Vázquez (Ribeiro).