O BNG denuncia incumprimentos das ratios e dos pregos do Centro de Día da Farixa

 Na mañá deste xoves compareceron diante dos medios na sede do BNG en Ourense a deputada Noa Presas e o deputado Iago Tabarés xunto á concelleira no Concello de Ourense Rhut Reza.

Publicidade

O motivo da comparecencia non era outro que denunciar os incumprimentos de ratios e pregos do Centro de Dia da Farixa. Segundo a deputada Noa Presas, “nesta pandemia vimos a grave crise das residencias, que por certo, segue sen investigarse e segue sen poñerse enriba da mesa a necesidade dun novo modelo de residencias baixo a xestión pública e con redución de número de prazas”. E engade, “e vimos tamén como a política social do noso país tiña innumerables carencias, tamén nos centros de día”.

Un centro no que, segundo o BNG, “se están a vulnerar os dereitos de traballadoras e usuarias, no quese incumpren os pregos de condicións, non se cumpren as ratiose non se garante unha atención digna da vellez”.

Para Presas, estamos diante dun Centro de Día dependente da Xunta de Galiza, que como é habitual no PP, “privatizou concesionándoo aAtendo SLpor medio millón de euros no lugar de asumila con traballadores públicos, Un centro de día que abriu no ano 2019 disfrazado de proxecto vangardista pero que en realidade a día de hoxe é simplemente a mostra da desatención da Xunta, un centro de día que está incumprindo os pregos de condicións e quedebe ser inspeccionado”.

No ámbito laboral

Os nacionalistas advirten de numerosas irregularidades e vulneracións de condicións laborais xa denunciadas polas organizacións sindicais e que afectan non só ás traballadoras, senón tamén ás persoas usuarias e á calidade do servizo. “Falamos de que non se respectan os descansos, as categorías laborais, as vacacións, a cobertura de baixas e outros dereitos. Desvíanse traballadoras deste centro a outros, o que supón unha desviación de fondos públicos para a xestión de centros privados”.

Escaseza de persoal

Outro dos puntos chave en toda esta situación ten que ver coa escaseza de persoal no centro como consecuencia da falla de seguimento dos pregos é o incumprimento da ratio de traballadoras, por debaixo do requirido pola resolución de 2 de Decembro de 2008, de Secretaría de Estado de Política Social, Familia e Atención á Dependencia e á Discapacidade, dende a apertura do centro. A ratio de tituladas medias e superiores non chegou nunca ó 0.075 traballadoras/persoa usuaria que estabelecen os pregos.

Noa Presas denuncia que as diferentes categorías laborais “estiveron longos períodos de tempo sen cubrir, por exemplo, de terapia ocupacional ou de persoa responsable de centro, cuestión esta última resolta por vía xudicial”. Ao que engadiu que “a carencia de persoal tamén se observa en ámbitos como a limpeza, onde unha soa persoa, e sen xornada completa, asume estas tarefas”.

Por todo o anterior, o BNG anuncia unha serie de iniciativas encamiñadas a que “a Xunta de Galiza, que é a responsable da supervisión e avaliación da calidade na prestación dos servizos sociais, actúe ante a gravidade da situación, que inspeccione o centro e incoe sancións, que asuma o control da situación e se é necesario rescinda a concesión”.