Máis de medio cento de veciñas suben o Monte da Neve para dicir NON aos eólicos en Celanova

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

AplataformaSTOPEÓLICOSXURÉS-CELANOVAreuníu este sábado nunha mobilización de protestas contra a invasión eólica a máis de medio cento de veciñas, alén das que acompañaron à saída diante do Mosteiro de Celanova a primeira hora da mañá.

Máis de vinte asociacións e colectivos –entre elas, clubs deportivos, entidades veciñais como as de Vilanova dos Infantes e Ramirás, os Comités de Memoria Histórica da Comarca de Celanova e do Val do Limia, grupos ecoloxistas como Verdegaia, Adega, Amigos da Terra (que se sumou á andaina) e plataformas que loitan contra a invasión eólica en todo o país– apoiaron a I MARCHA EN DEFENSA DA AUGA, A PAISAXE E O PATRIMONIO DA CASA DA NEVE na que tomaron parte máis de medio cento de veciñas da comarca, das terras da Baixa Limia e outras, así como algúns veciños que arrouparon aos participantes na saída.

A MARCHA partiu da Praza Maior de Celanova, diante do Mosteiro, e subiu precisamente ao catalogados como “lugares primitivos da fundación” do Mosteiro e da vila: o chamado Monte da Casa da Neve, onde unha empresa con sede en Alemaña pretende chantar un polígono eólico que convertería en terreo industrial máis de 500 hectáreas de prados e bosques, con 7 aeroxeradores de 180 metros de alto, visíbeis desde toda a contorna e aproveitando as facilidades que concede a normativa vixente para levantar unha instalación industrial a menos de 1 quilómetro das poboacións, algo que estaría prohibido en Alemaña.

No alto do monte, desde a chaira coñecida como Pozos da Lagoa, onde aínda non hai tantos anos emerxía a auga no inverno, os participantes foron guiados por Xosé Benito Reza, ex director xeral de Conservación da Natureza no goberno galego 2005-2009, e polo arqueólogo Davide Pérez, que sinalaron os impactos ambientais e patrimonios que ocasionaría o plan da empresa no caso de executarse. Visitáronse os lugares do neveiro da Casa da Neve, os restos da mina romana a ceo aberto, e a área que domina todo o val onde estudos recentes sitúan a Casa Grande da familia de San Rosendo e as Torres de Velbís. E tamén se indicaron os lugares de abundante presencia de mámoas no que os informes arqueolóxicos vén unha continuade do conxunto megalítico do Laboreiro.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Na marcha participaron veciñas de Bande, Muíños, Cartelle, Ramirás, A Merca, Ourense, Verea e Celanova, e algúns representantes políticos, como a parlamentaria do BNG, Noa Presas, e o concelleiro nacionalista en Celanova, Leopoldo Rodríguez, así como membros de colectivos ecoloxistas, como Amigos da Terra e Amigos das Árbores, integrados na Rede Galega Stop Eólicos na que a plataforma STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA ten solicitado a súa inclusión. A última hora, tamén enviou a súa adhesión o colectivo de Mulleres Rurais As Pegureiras de Allariz, sumándose aos vinte e cinco colectivos que poden consultarse no cadro anexo.

STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA agradece a todas o seu apoio e o esforzo dos participantes, e continuará as súas actividades presentando alegación á LAT do Xurés, que abre a porta a dous polígonos eólicos nos límites da Rede Natura en Baltar, e que (no caso da LAT) invade directamente a área de protección en Calvos de Randín e Muíños.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------