O Psdeg censura as “mentiras” e a “inacción” de Feijóo sobre o baleirado dos encoros e esixe á Xunta que “asuma responsabilidades”

Pablo Arangüena lembra que o goberno galego “ten as competencias, os medios e a obriga de actuar” e, malia isto, “non fixo absolutamente nada ata onte, aparte de mentir e botarlle a culpa ao goberno de España”

Publicidade

O vicevoceiro do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, vén de esixir á Xunta que “asuma responsabilidades” pola “tomadura de pelo á cidadanía” coa situación do baleirado dos encoros.

Así, o vicesecretario xeral do PSdeG incidiu en que “as mentiras e a inacción do señor Feijóo con este tema son moi graves” despois de que o pasado xoves asegurase que “as compañías non informaron á Xunta sobre o baleirado” e cando “ao día seguinte se publicaron correos electrónicos que demostran que o contrario” e, polo tanto, “mentiu”.

Tanto é así que a compañía eléctrica Iberdrola notificara ao goberno galego os días 10 e 12 de xuño “a súa intención” de baleirar os encoros de Cenza e As Portas, tal e como publicou o xornal Eldiario.es en dous e-mails que foron remitidos pola compañía ao servizo de Conservación da Natureza da Xunta.

“A Xunta sabe dende o minuto cero que ten as competencias, os medios e a obriga de actuar”, censurou Arangüena. Malia isto, incidiu, “non fixo absolutamente nada ata onte, aparte de mentir e botarlle a culpa ao goberno de España”.

Neste senso, Arangüena sinalou que “tanto o regulamento da lei de pesca (artigo 83) como la lei de protección ambiental de Galicia (artigos 33.c e 41) danlle competencias para sancionar e tamén para adoitar as medidas cautelares que considere oportunas, non só se hai dano, senón ante situacións de risco para o medio ambiente”.

Ante esta circunstancia, o Grupo Socialista presentou esta semana unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para acadar unha resposta por parte do goberno galego e clarexar a situación.