Unidas Podemos: “O desleixo da Xunta obriga ao Goberno a intervir para protexer As Conchas e A Limia en grave risco medioambiental”

O Miteco confirmou o estudo dun Real Decreto tras varias iniciativas de Unidas Podemos  

Antón Gómez Reino: “É unha boa noticia que o Goberno actúe aínda que sexa algo que lle corresponde ao Goberno de Feijóo”

AVANTAR ACTIVIDADES

O Ministerio para a Transición Ecolóxica respondeu a unha iniciativa parlamentaria de Unidas Podemos sobre a declaración de zonas vulnerables por contaminación de nitratos de orixe agraria na praia das Conchas e nos acuíferos da Limia e informou que ambas foron incluídas no borrador dun Real Decreto. 

O regulamento “Protección das augas contra a contaminación difusa producida polos nitratos procedentes de fontes agrarias” actualmente está en fase de audiencia ás Comunidades Autónomas, e propón que As Conchas sexa declarada como “masa de auga afectada por contaminación de nitratos” e a masa de auga da Limia como “masa de auga en risco de estar afectada por contaminación de nitratos”. 

“É unha boa noticia que o Goberno actúe aínda que sexa algo que lle corresponde ao Goberno de Feijóo”, engadiu o deputado Antón Gómez Reino. O Ministerio para a Transición Ecolóxica xa confirmara á formación noutra proposta parlamentaria que é competencia exclusiva da Xunta de Galicia a declaración de zonas vulnerables aos nitratos de orixe agraria, con todo, aínda non declarou ningunha en 20 anos de aplicación desta figura de protección ambiental, o que supuxo a apertura dun procedemento sancionador por parte da UE.

Os niveis de contaminación difusa en Galicia son moi significativos e afectan tanto a augas subterráneas como superficiais, procedentes da actividade da gandaría industrial e do uso na industria agrícola de fertilizantes sintéticos e presentes nos excrementos dos animais, sendo a razón da elevada concentración de nitróxenos nas augas. 

Por exemplo no caso da Limia, a elevada carga gandeira provocou que en tres anos (2014-2017) a contaminación dos acuíferos aumentasen nun 40%. Fai unhas semanas, a Consellería de Sanidade tivo que decretar o nivel 3 de contaminación no embalse das Conchas. “É un episodio de contaminación moi grave que pode desembocar nun problema de saúde pública”. 

A Comisión Europea xa abriu en 2015 unha investigación debido aos incumprimentos constantes do Goberno Feijóo a pesar de que Galicia ten 45 puntos eutróficos ou hipertróficos sen designar como zonas vulnerables. “Como consecuencia da desidia da Xunta, non se toman en consideración os plans de actuación pertinentes, algo que si ocorrerá no caso de aprobarse este Real Decreto”, explicou Gómez Reino.