A Piscifactoría do Carballiño cumpre 60 anos dende a súa posta en funcionamento

As instalacións da Piscifactoría carballiñesa foron inauguradas oficialmente fai hoxe 60 anos. O 15 de setembro de 1961 dous dos equipamentos que conforman o conxunto de referencias da vila entraban en funcionamento. Xunto coa Piscifactoría tamén iniciaba a súa andaina a Residencia de Tempo Libre, nas proximidades do recinto centrado na cría de troitas para a repoboación.

A Piscifactoría do Carballiño leva máis de medio século criando nos seus estanques ás troitas que, cando están na medida óptima, serven para repoboar os ríos das catro provincias de Galicia.

AVANTAR ACTIVIDADES

Entre o parque carballiñés e a zona de servizos de nova creación do entorno da Pena dos Namorados (que inclúe o futuro Museo do Papel de Galicia, o Muíño das Lousas, o parque etnográfico do Muíño do Anxo, o restaurante A Maquia, o cámping e a área de autocaravanas) a Piscifactoría do Carballiño asentouse nun remanso do Arenteiro, nunha zona de nova creación que se lle foi gañando ao río a base do recheo de materiais.

A Piscifactoría, que hai décadas pertencía ao Icona, e a Residencia de Tempo libre son dúas das infraestruturas da vila de competencia autonómica.