O venres, 17 de setembro, ás 20 h na Fundación Vicente Risco presentación do libro “Do Doutor Alveiros á Porta de Palla: o ocultismo na obra e vida de Vicente Risco” de Félix Castro Vicente.

Acolle: Celia Pereira Porto, presidenta da Fundación Vicente Risco.

Publicidade

Interveñen: Félix Castro Vicente, autor, e Felipe Senén López Gómez.

A obra, publicada pola Fundación Vicente Risco, foi a gañadora do XXIV PREMIO CCSS VICENTE RISCO, e pretende ser un primeiro achegamento ao importante papel que xogou o Ocultismo na obra e vida deste autor.

Nela demóstrase que o ocultismo tivo unha influencia fundamental no pensamento de  Risco durante a súa vida e está presente en toda a súa obra, tanto xornalística, ensaística, como de ficción, en elementos e citas espalladas aquí e acolá. Aparece dende as súas primeiras obras como “D’o caso que lle aconteceu ao Dr. Alveiros” até as últimas como pode ser “Orden y Caos” ou “La Puerta de Paja”.

Despois da Guerra Civil e na Ditadura o propio Risco destruíu cartas, libros e calquera cousa que lle comprometera e relacionara coa heterodoxia e o ocultismo, pero non puido acochar os seus artigos anteriores, en Revistas como A Centuria e Nós. Tamén se conservan apenas unhas poucas cartas en diferentes Arquivos que o relacionan coa Sociedade Teosófica Española e con ocultistas de recoñecido prestixio coma o teósofo estremeño Mario Roso de Luna.

Todo elo vale para artellar parte dun crebacabezas pendente de reconstruír, o da relación dos intelectuais e escritores daquela altura cos movementos ocultistas galego e ibérico.