As adegas poden solicitar o préstamo vendima ata o 15 de outubro

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, visitou hoxe o concello ourensán de Castrelo de Miño para coñecer a evolución dos traballos da vendima na denominación de orixe Ribeiro.

Publicidade

Nesta visita aos viñedos de Ramón do Casar, o conselleiro lembrou que as adegas interesadas poden solicitar o préstamo vendima ata o vindeiro día 15 de outubro. Esta liña de crédito, salientou González, ten por obxecto facilitarlles a compra da totalidade da uva da colleita deste ano en condicións normais de mercado. Está deseñada para facer fronte ás dificultades xeradas pola pandemia no sector vitivinícola.

O conselleiro destacou que, precisamente con esta mesma finalidade, a Xunta puxo en marcha Mercaproximidade. Trátase, recordou, dunha canle de venda alternativa que permitiu dar saída a boa parte da produción primaria galega e á que se adheriron arredor dun cento de adegas da nosa comunidade.

Neste sentido, José González indicou que as referidas medidas, adoptadas no contexto da pandemia, súmanse as diferentes liñas de apoio impulsadas pola Xunta a prol deste eido produtivo. Así, o conselleiro mencionou tamén a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, que segundo explicou pretende potenciar non só os ámbitos produtivo, industrial e distribuidor, senón tamén outros eidos “inseparables” do viño, como son o turismo, o patrimonio ou a paisaxe.


VIDEO SPOT CASTRELO DE MIÑO en BADAL TV

CONCELLO DE CASTRELO DE MIÑO