-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda

Karl Heinrich Marx legoume un torrente de memorias, que se entrelazan coa súa propia historia, naquel encontro que tivemos na súa casa de Tréveris o pasado mes de febreiro. Nese fogar, onde viu a luz por primeira vez aquel afastado 5 de maio de 1818, despregáronse as súas evocacións como un mosaico fascinante, coidadosamente cincelado baixo a mirada introspectiva dun home que, máis aló do revolucionario, revélase como ser humano. Os seus recordos, rigorosamente seleccionados e narrados con precisión, conducíronme polos carreiros da súa infancia e mocidade, polos piares da súa formación intelectual e polas tormentas económicas e políticas que marcaron a súa existencia. Como un eco persistente, tamén ecoaron as enfermidades que o abateron con implacable dureza, arrastrando consigo á súa familia nunha danza de sufrimentos compartidos. Así, as memorias de Marx non só son fragmentos biográficos, son o testemuño vivo dunha vida que palpita entre as marxes do pensamento e a acción.
Pouco antes de que as memorias da súa vida chegasen ao seu ocaso, a súa voz, aquela que me acompañaba polos recunchos das distintas salas da casa, desvaneceuse nun silencio inquietante. Non atribuín aquel mutismo á Intelixencia Artificial (IA) que mediaba entre nós; máis ben, considereino unha sorte de represalia do narrador, quizáis por formularlle algunha pregunta que rozase os límites do incómodo. Con todo, cando me dispuxen a clausurar o relato da súa existencia como ser humano e abrir as portas cara á súa dimensión ideolóxica, aquela voz, áspera e discordante, volveu murmurar na penumbra da terceira sala do edificio. Foi entón cando ambos, coma se un pacto tácito nos unise, decidimos deixar atrás as páxinas da súa vida e penetrarnos xuntos no vasto territorio das súas ideas.

Creo, Karl, que as grandes obras que publicaches, ás que se engaden outros escritos secundarios (artigos, prólogos, discursos e correspondencias) reflicten, nunha perfecta ensamblaxe, as etapas do desenvolvemento do teu sistema ideolóxico coas experiencias da túa vida. Penso que a unidade e coincidencia do teu pensamento transitan simultáneas coa túa vida, tanto de mozo, coa túa filosofía teórica -hegeliana-feuerbachiana-, como na túa etapa posterior, coa doutrina económico-social. O teu pensamento circulou sempre na mesma dirección. Desde que asumiches o principio dialéctico, herdado de Hegel na túa primeira etapa, aplícáchelo de forma rigorosa nas etapas posteriores, onde tomas conciencia da unidade da teoría e a praxe.
Centrémonos agora, exclusivamente, na túa faceta ideolóxica. Na miña opinión, e logo de coñecer a túa vida, foches desas persoas que son capaces de cambiar a historia da humanidade, aínda que a miúdo non son capaces de arranxar a súa propia vida. Como e cando se iniciu o punto de partida da túa ideoloxía? Onde apareceron as primeiras raíces do teu pensamento ideolóxico?
-As miñas primeiras ideas xerminaron no xardín da filosofía alemá, concretamente no parterre da filosofía de Hegel e de Feuerbach, por esa orde. A miña formación hegeliana recibina no “Club de doutores”, ubicado nun suburbio de Berlín, onde se reunían os hegelianos de esquerda dirixidos por Bruno Bauer. Alí coñecín aos mozos hegelianos, que xa renunciaran á doutrina do mestre, conservando só o método dialéctico. Aqueles mozos, levados do seu radicalismo, dedicábanse a criticar ao Estado prusiano e á relixión cristiá na que o Estado se apoiaba.
Teño que confesar que admirei a visión histórica de Hegel, que describe o desenvolvemento humano como un proceso triádico (tese, antítese e síntese). Con todo, critiqueino porque considerar ese proceso como algo abstracto e idealista, así que transformei a súa dialéctica idealista en materialista, argumentando que as condicións materiais moldean as ideas e non ao revés. Así mesmo, mentres Hegel interpretaba ao Estado como a culminación da historia, eu modifiquei esa idea identificando o proletariado como o motor do cambio social cara a unha sociedade sen clases.

Non supliques, non preguntes, só debate con valentía
(cadro na casa-museo de Tréveris)
Esa crítica a Hegel nace antes ou despois de ler a Feuerbach?
– Eu, nun principio, consideraba practicamente todo o que Hegel dicía, aínda que o consideraba como unha defensa do statu quo. Logo, critiqueille por inverter as relacións suxeito-predicado, e a maioría dos meus comentarios versaban sobre as súas formas idealistas de expresión. Recoñezo que lin a Hegel como un feuerbachiano. As críticas que fixen gardan relación ao esquema hegeliano, segundo o cal o Estado reforza privilexios e xerarquías xa existentes na sociedade civil, e que máis aló disto hai unha “sociedade civil” dentro do funcionariado. Coincido con Hegel en que a historia é un proceso dialéctico de desenvolvemento onde as contradicións impulsan o cambio e o progreso. Concibo a historia como un movemento cara a un obxectivo final, pero Hegel contémplaa cara ao Estado racional e eu cara ao comunismo.
Queres dicir que coincidides na visión filosófica da historia como proceso dialéctico, pero non na meta final do proceso.
-Exactamente. Hegel interpreta a historia desde o idealismo, onde o Espírito Absoluto guía o progreso histórico, mentres eu a xestiono desde o materialismo, enfocándoa nas condicións materiais e económicas como motor do cambio. E así, mentres para Hegel o suxeito da historia é idealista, pois o Espírito Absoluto guía o progreso histórico que se realiza a través das institucións e da conciencia, para min son as clases sociais, especialmente o proletariado, quen transforman a historia mediante a loita de clases.
A que se debeu ese cambio tan radical respecto a Hegel? É posible que esas diferenzas non nazan exclusivamente da influencia de Feuerbach sobre ti, senón tamén dos cambios en Europa nese intervalo entre os últimos anos da vida de Hegel e os primeiros alzamentos proletarios?
-Resultaba obvio que os cambios no mundo chegaron a Europa grazas á loita política da clase obreira industrial. O desenvolvemento do capitalismo rompera todas as antigas relacións e ía ser a clase obreira industrial quen lideraría a transformación. Ademais, os líderes do movemento obreiro non esixían ser incluídos no sistema, senón destruír o Estado. Iso era algo inimaxinable na época de Hegel e eu vivía aqueles cambios. Por outra banda, ao meu hegelianismo inicial sumeille o socialismo francés e a economía política inglesa.
Entendo que a medida que ías creando e desenvolvendo esas ideas irías entregándollas á sociedade a través de publicacións?
-Evidentemente. Desde os meus primeiros escritos introducín e describín conceptos clave para fortalecer a miña ideoloxía definitiva. Así, nos Manuscritos económicos e filosóficos, publicados en 1844, inserín, entre outros, o concepto de alienación no traballo, que sería imprescindible na miña crítica ao sistema capitalista.
Estoume decatando de que os teus inicios foron un auténtico alicerce dunha ideoloxía inquebrantable.
Por que non examinamos a evolución do teu pensamento a través do paso dos anos? Resultaría máis pedagóxico e comprensible.
-Pois adiante. Sen problema.
Empecemos por saber a que te dedicaches despois de rematar os estudos na Universidade de Berlín, no ano 1841?
-Despois de obter o doutoramento na universidade de Iena, recibín unha invitación do meu amigo Bruno Bauer, filósofo e teólogo, para ir a Bonn, onde Bauer esperaba poder crearme unha cátedra naquela universidade. Así que me trasladei a Bonn, e ambos pensamos en publicar conxuntamente un libro que se titularía Diario do ateísmo. Bauer acababa de publicar a Crítica dos evanxeos sinópticos -un libro tremendamente extremista e radical- e A trompeta do xuízo final contra Hegel, un ataque inexorable e desapiadado contra un dos grandes filósofos alemáns, que era inmensamente respectado naquel momento polo statu quo. Ante aquelas publicacións, o Goberno prusiano confiscou os seus libros e desposuíuno da súa cátedra, expulsándoo deseguido de Bonn. Daquela, decateime de que a miña oportunidade de exercer como profesor en Bonn disipárase.
Que decisión tomaches ante aquel proxecto fracasado?
-Trasladeime a Colonia, onde había un grupo de hegelianos de esquerda que fundara a Gaceta renana, un xornal no que colaborei e acabei por ser o seu director. En Colonia, nun encontro fugaz, coñecín a Engels, que máis tarde sería o meu gran amigo. Máis tarde, convertín aquel Diario da Gaceta renana nunha publicación extremista, con ataques radicais ao goberno, ás leis, á relixión e ao Estado. E, outra vez, a censura do goberno suspendeu o xornal á vez que todos os órganos da esquerda hegeliana ían desaparecendo.

Sería para ti unha nova decepción aquela estancia en Colonia?
-Non, non. Aquela experiencia en Colonia foi decisiva no meu futuro ideolóxico, porque alí me apaixonei polos problemas económicos e sociais, apostei pola loita en defensa dos obreiros, comprendín que a filosofía é unha manifestación necesaria da actividade creadora do espírito e porque fun quen de aplicar o modelo idealista hegeliano a todos os problemas sociais a pesar da desconfianza que tiña do concepto de Estado de Hegel. Esta desconfianza expreseina inmediatamente nunha publicación titulada Crítica do dereito do Estado de Hegel, no que presento o Estado como unha alienación da sociedade civil, do seu poder e dereito. Coincidiu esta publicación co meu matrimonio con Jenny, así que lembrei sempre con cariño aquela estadía.
A onde te dirixiches despois de abandonar Colonia?
Ante a censura e o desamparo que imperaban, observando como parte da esquerda hegeliana era expatriada, decidín trasladarme a Kreuznach, un distrito do Palatinado en Alemaña. Alí, con entusiasmo e renovados ánimos, mergulleime na lectura de Rousseau e dos materialistas franceses. Durante ese período, dediquei un tempo considerable ao estudo profundo da Revolución Francesa e dos acontecementos da historia contemporánea.
Ficaches moito tempo en Kreuznach?
-Pouco tempo permanecín alí, porque a finais de 1843 me trasladei con Jenny a París, invitado polo meu amigo Arnold Ruge, un rico burgués alemán, hegeliano de esquerdas, que me propuxo un novo proxecto. Respondinlle de inmediato que aceptaba a súa invitación con esta mensaxe: “En calquera caso, sexa posible ou non a concreción do proxecto, estarei en París a fin de mes xa que a atmosfera aquí converte a un en servo, e en Alemaña non vexo ningunha posibilidade para a actividade libre”.
Como che foi en París? Tiveches problemas? Atopacheste con amigos?
-Atopeime de novo con Engels, que viña de Inglaterra a pasar uns días na capital francesa. Nese segundo encontro decatámonos os dous da coincidencia de ideas teóricas e dos nosos plans revolucionarios. Intercambiamos experiencias que en certos aspectos eran diferentes. Engels entrara no socialismo e no comunismo despois de estudar a situación obreira en Inglaterra e de centrarse na crítica económica. Tratou de influir en min para que estudase a economía política de Adam Smith e de David Ricardo. Eu, en cambio, aconselleino a asimilar as bases filosóficas do materialismo histórico.

O que parece evidente é que cando renunciaches á dirección da Gaceta Renana, Francia estaba axitada por cuantiosas revoltas obreiras e París fervía de movementos revolucionarios. En Gran Bretaña, os obreiros ingleses acababan de crear o primeiro partido de clase obreira na historia (a National Charter Association) desafiando as normas burguesas. Entretanto, en Alemaña emerxía unha avanzada clase obreira industrial. Naquel ambiente, programastes en París actividades revolucionarias, publicastes algún libro ou houbo algún acontecemento importante para vós?
-Nese momento, o meu antigo amigo Bruno Bauer, que se atopaba no barrio de Charlottenburg (Berlín), xa estaba distanciado das miñas ideas revolucionarias, que fixo evidentes o ano 1843 na revista Xornal literario xeral (Allgemeine Literatur-Zeitung). Engels e mais eu reaccionamos con presteza publicando A sagrada familia ou Crítica da crítica crítica. Contra Bruno Bauer e consortes. Nesta obra criticamos a Bauer e ao seu grupo berlinés porque converteran o espírito ou autoconciencia nunha esencia trascendental. Aqueles mozos hegelianos, apoiados por Bauer, apelaban á conciencia humana como única divindade, unha actitude que eu catalogaba de clericalismo xa que suplantaban o individuo real polo espírito ou autoconciencia. Así que me reafirmei contra o idealismo defendendo a miña concepción materialista do ser humano e da natureza. Contra a crítica especulativa de Bauer e dos seus, sostiven que non se poden resolver os conflitos e as alienacións dos traballadores explotados no puro pensamento, senón mediante a revolución e a loita de clases.
Na súa publicación, A cuestión xudía (1843), Bauer argumentaba que a emancipación política precisaba abandonar as identidades relixiosas, como era o xudaísmo. Eu retruqueille a súa postura sinalándolle que el non entendía a relación entre emancipación política e emancipación humana, nin as contradicións entre o estado político e a sociedade civil.
Cal foi a túa visión da relixión? Por que discrepabas de Bauer sobre ese tema?
-.Eu reprobei a relixión desde a presentación da miña tese, que levou por título Diferenzas entre a filosofía da natureza de Epicuro e Demócrito. Considerei que a relixión é a primeira de todas as alienacións, porque nela o ser humano proxecta fóra de si, de maneira van, o seu ser esencial perdéndose na ilusión dun mundo trascendente. No meu libro Ao redor da crítica da filosofía do dereito de Hegel proclamei que “a relixión é o opio do pobo”. Tentei expresar que a relixión é un calmante para as masas que sofren a miseria fundamental producida pola explotación económica. A miña conclusión sobre ese tema pode reducirse a afirmación de Feuerbach: “homo homini Deus”, o home é Deus para o home. E este é o principio básico para a revolución.
O que parece evidente é que practicamente todos os revolucionarios do século XIX fosen estudantes de Hegel, hegelianos de segunda e terceira xeración ou homes influídos por outras figuras da filosofía alemá da época. Ao final, en que quedaron as vosas discusións en París con Bauer? Houbo acordos?
-Mentres discutiamos entre nós, o Goberno prusiano tramitaba co Goberno francés a miña expulsión. A razón de tal determinación foi a publicación de varios artigos meus na revista alemá Vorwärts (Adiante) criticando o Estado prusiano. Así que no mes de xaneiro de 1845 tiven que saír de Francia, trasladándome a Bruxelas, onde fiquei tres anos. Alí publiquei as Teses sobre Feuerbach. Nesa obra reivindico, en contra da teoría de Feuerbach, que a conduta primeira do ser humano fronte ao mundo non é a contemplación pasiva, senón a actividade sensible que transforma a realidade, e esta práctica ha de entenderse como “práctica revolucionaria”. Así que en Francia non houbo tempo de aproximar puntos de vista con Bauer.
Cando estabas en Bruxelas, onde estaba o teu amigo Engels e a tú esposa Jenny?
Jenny acompañoume no exilio, participando activamente na Liga dos Xustos e colaborando no Manifesto comunista. En 1848, deu a luz á nosa filla Laura.
Federico Engels tamén se trasladou connosco a Bruxelas. Nesa cidade, revisamos os nosos puntos de vista coa ideoloxía da filosofía alemá. E os dous tratamos de liquidar a nosa conciencia filosófica anterior utilizando unha crítica radical á filosofía poshegeliana. Como resultado daquela revisión naceu A ideoloxía alemá, onde sometemos a dura crítica a Feuerbach, a Bruno Bauer, a Stirner e, nun apartado especial, ao socialismo de Proudhon.
Foi esa obra o final da túa creación teórica? Quedou definitivamente definida a ideoloxía marxista?
-Coa publicación de A ideoloxía alemá parecía estar concluída, na súa dimensión teórica, a miña evolución filosófica, que transitou, como podes observar, desde o hegelianismo ao materialismo histórico. Aínda que de forma paralela á Ideoloxía alemá, publiquei A miseria da filosofía, unha réplica a Contradicións económicas ou filosofía da miseria, que publicara Proudhon en 1846, un libro contra a miña filosofía.
No ano 1848, os movementos revolucionarios axitaron Europa. Engels e mais eu, analizamos aquela insurrección desde Bruxelas, pero o Goberno belga expatrioume a París por considerarme responsable daquela rebelión. Máis tarde, voltei a Colonia con Engels, onde nos facemos coa Nova Gaceta do Rhin, que fora creada recentemente por extremistas alemáns. Alí publiquei, en 1849, Traballo asalariado e capital. Pero, outra vez, apareceu a represión anticomunista do goberno alemán para suprimir o xornal da Nova Gaceta do Rhin e para prohibirme a estadía en Alemaña, polo que me trasladei a Londres, onde residín ata o final da miña vida.
E como foron aqueles anos en Londres?
-Os dez primeiros anos, vivín bastante afastado da axitacion política, centrado no estudo da economía. Ademais, dadas as miñas míseras condicións económicas vivín subvencionado por Engels. Foron tempos de grandes dificultades.
Pero xa non seguiches publicando?
– Paralelamente ao labor organizativo político, continuei co meu traballo teórico. E así no 1867 publiquei o primeiro tomo de O capital, no que explico as propias análises e teorías económicas como fundamento da dialéctica materialista e histórica.

Certificado de nacemento e defunción
Seguín recadando material dabondo para publicar outro tomo de O capital, pero non puiden rematar a obra. Sería Engels quen organizou e editou, en xullo de 1883, o segundo tomo (eu finara o 14 de marzo dese ano), e o terceiro publicouno en 1885. Esta obra foi necesaria para fundamentar a crítica que levamos a cabo do sistema capitalista.
Podemos reflexionar uns momentos sobre esa crítica ao sistema capitalista? É fundamental oír a túa explicación sobre este asunto tan interesante como controvertido.
Logo das últimas palabras, aínda que a súa voz era máis doce e diáfana, Karl semellaba canso e esgotado. Demandeille que continuase conmigo un pouco máis para precisar algunhas ideas sobre esa crítica ao sistema capitalista, accedendo á miña petición, pero instándome a concedernos un breve descanso.
Outros artigos de Avelino Muleiro
Avelino Muleiro: “Karl Marx: De Tréveris ao mundo. (I) O ser humano “
Artigo: “Avelino Muleiro: “Descubrindo o encanto de Luxemburgo””
Artigo: “Avelino Muleiro: “A banalidade do eu””
Artigo: “Avelino Muleiro: “A crise da democracia baixo as fráxiles ás de Ícaro””
Avelino Muleiro: “As Festas do Nadal e a súa rocambolesca evolución”
Avelino Muleiro: “Matar ao reiseñor”
Avelino Muleiro: “A Festa da Filosofía do 2024 (II)”
Avelino Muleiro: “A Festa da Filosofía do 2024 (I)”
Avelino Muleiro: ” A terapia da paciencia “
Avelino Muleiro: “O poderío demoledor da estupidez (II)”
Avelino Muleiro: “O poderío demoledor da estupidez (I)”
Avelino Muleiro: “A felicidade, un estado cuántico (II)”
Avelino Muleiro: “A felicidade, un estado cuántico (I)”
Avelino Muleiro: “Marisa Crespo: Da modestia á excelencia”
Artigo: “Avelino Muleiro: “O triunfo da vulgaridade””
Artigo: ” Avelino Muleiro. ” A vida, un xogo total”
Artigo: ” Avelino Muleiro: “Se a vida estivese programada” “
Avelino Muleiro:”Os novos Retablos das Marabillas”
Artigo: “Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (II)”. Darwin, os foguinos e o espectáculo da Natureza”
Artigo: “Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (I)”“
Artigo: “Avelino Muleiro: ” Maldita soidade (II). A soidade psicolóxica “
Artigo: “Avelino Muleiro: ” Maldita soidade (I). A soidade na filosofía “”
Artigo: “Avelino Muleiro: “Perdón, rancor e cicatrices””
Artigo: “Avelino Muleiro: “A mentira como ascensión do nihilismo””
Artigo: “Avelino Muleiro: “Mi Buenos Aires querido…””
Artigo: ” Avelino Muleiro: ” O erro categorial nas Ciencias Sociais (I) O fetichismo das ideas””
Artigo: “Avelino Muleiro: “Mundos acoplados””
Artigo: “Avelino Muleiro: “As profecías da actual situación de naufraxio posmoderno (II)””
Artigo: “Avelino Muleiro:”Náufragos posmodernos nunha sociedade ideoloxizada (I)””
Artigo: ” Avelino Muleiro:” Do xene egoísta ao algoritmo suicida””
Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (II) A ética ao rescate”
Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (I) A ética ao rescate”
Artigo: “Avelino Muleiro: ” Cultura e Viño “”
Artigo: ” Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (II)” “
Artigo: “Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (I)””
Artigo: “Avelino Muleiro: As pseudociencias e a medicina convencional”
Artigo: “Avelino Muleiro: A vileza dos novos deuses fatuos do Olimpo”
Artigo: “Rebelión sentimental do amor contra o control lóxico da razón (II)”
Artigo: “Rebelión emocional da amizade contra o control lóxico da razón (I) “
Artigo: “Sofismas e falacias, torpedos do discurso lóxico”
Artigo: ” Festa da filosofía no metaverso “
Artigo: “Tempos de frio moral”
Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (II)”
Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (I)”
Artigo: “Avelino Muleiro: O bico envelenado de Casandra”
Artigo: “Avelino Muleiro: A ocorrencia como contraargumento político”
Artigo: “Avelino Muleiro: Rebelión na caverna”
Artigo: “Avelino Muleiro:” A razón á caza e captura do azar e da causalidade””
Artigo: “Avelino Muleiro: “Derradeiros poemas de Manuel Vilanova”
Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: ” Vítimas baixo sospeita “”
Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: “Retablo de Nova York””
Artigo: ” Da imbecilidade á loucura pasando pola estupidez “
Artigo:” Filosofía delenda est “
Artigo: ” Fronteiras borrosas na realidade xeracional “
Artigo: ” Auf Widersehen, Viena. Dankeschön ”
Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “
Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “
Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “
Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “
Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “
Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “
Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “
Artigo: ” Pienso, luego Resisto “
Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “
Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “
Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “
Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “
Artigo: ” Malos tratos e crueldade “
Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “
Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “
Artigo: ” Violencia patolóxica “
Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “
Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “
Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “
Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “
Artigo: ” De quen son os fillos? “
Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “
Artigo : ” Devalo da Galicia interior “
Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “
Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “
Artigo : ” Negacionismo e represión social “
Artigo : ” Reclamos tóxicos “
Artigo : “ Ditame aberto ás ideoloxías (II) “
Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I) ”
Artigo : “ Crise de Valores “
Artigo : ” A paz perpetua ”
Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos “
Artigo : ” Regreso ao futuro “
Artigo : ” Parte de guerra ”
Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño ”
————————————————————————————————–
Curriculum de Avelino Muleiro García
-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.
Obras
Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabra, Encontros coa tradición. Conversas no Ribeiro, Tres Campus, Verbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.