Avelino Muleiro García :
-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda

A sociedade posmoderna, sobre a que camiña a nosa complexa e vacilante vida, regálanos en cada vereda do seu itinerario considerables privilexios, grandes oportunidades e non poucos retos que afrontar. Un destes desafíos aféctanos como persoas singulares, pero tamén como integrantes desa mesma sociedade.
Cada un de nós axuizámonos categórica e incondicionalmente autónomos e cunha identidade propia e irrenunciable. Levamos o “eu” como bandeira da nosa intransferible e inalienable personalidade. Somos unha soa persoa, exactamente unha, cunha propia e exclusiva identidade.
Excepcionalmente, existen patoloxías que invalidan e refutan esa usual e xeral convicción. É contrastable que na sociedade existen persoas que batallan con distintos alter egos propios, aínda que en cada momento cada un deses egos toma o protagonismo sobre os demais. Foi en 1791 cando o médico alemán Eberhardt Gmelin descubriu na súa consulta de Heilbronn (Alemaña) unha paciente xermana que nas súas sesións de terapia comezaba a falar en francés ou en alemán con acento francés. Gmelin inferiu que a personalidade primaria daquela paciente era a alemá e a secundaria era a francesa, unha conclusión deducida da conduta observada naquela moza que cando o seu eu actuaba como francesa podía mencionar recordos da súa propia persoa, en cambio, cando o seu eu era o alemán, descoñecía absolutamente calquera vivencia de si mesma na súa versión do eu francés.
En 1917, Doris Fisher era unha paciente que presentaba cinco personalidades distintas na consulta cos seus médicos. A personalidade primaria aparecía con moi pouca frecuencia, pero cando a súa personalidade emerxía como Margaret, se autolesionaba para danar á personalidade primeira.
Na película titulada As tres caras de Eva reprodúcese a historia real dunha ama de casa que sufría un trastorno de personalidade múltiple.
Ben coñecido é o caso do Doutor Jekyll e Míster Hyde, a famosa novela de Stevenson. Está inspirada nun caso real, o do mozo Louis Vivet, un home nado en París en 1863, fillo dunha prostituta, que despois de ser maltratado pola súa nai e dedicarse á delincuencia ingresou nun correccional; posteriormente, en 1880, entrou nun psiquiátrico converténdose nun home con dez personalidades distintas.
Estes casos reflicten, evidentemente, problemas patolóxicos relacionados con personalidades múltiples, coñecidos como trastornos de identidade disociativos (TID), que se caracterizan pola presenza de dúas ou máis identidades distintas que alternan no control do comportamento dunha persoa. Socioloxicamente, son casos limitados na sociedade. Pero tamén existen problemas sociolóxicos similares que afectan a toda unha sociedade que perdeu o seu eu e se ve obrigada a vestirse cada día con diferentes identidades. Por iso, a dúbida acósanos ao atoparnos con alguén que coñecemos pero ignoramos con que identidade ou con que eu estamos a falar nese momento.
A miña reflexión non trata de describir, nin moito menos de analizar, as patoloxías coñecidas como trastornos de identidade disociativos (TID), senón de focalizar ese problema sociolóxico, endémico na posmodernidade, que presenta características similares ás patoloxías anteriores.
A banalidade como fundamento dos múltiples “eu”
Non tomarás o nome de Deus en van (este segundo mandamento do decálogo bíblico prohibe a banalización do nome de Deus).
O concepto de banalidade refírese ao trivial, ao que carece de profundidade ou importancia. Banal é o común ou o insustancial. A diferenza da vulgaridade, que vai asociada ao badoco, á falta de refinamento ou falta de decoro, a banalidade maniféstase na cultura popular e no consumo masivo de contidos. Na sociedade actual os conceptos de banalidade e trivialidade adquiriron unha singular relevancia ao reflectiren un cambio profundo na imaxe coa que se experimenta a vida cotiá e se constrúen os valores culturais. A banalidade repousa nas mecedoras da superficialidade e da trivialidade, almas xemelgas da vulgaridade, quen con orgullo fai torpe ostentación da grosería e da súa falta de decoro.

A banalidade paga unha factura de moi alto custo empobrecendo a nosa capacidade de reflexión e desconectándonos do que realmente importa. Con todo, esta banalidade non xorde da falta de capacidade intelectual ou emocional do ser humano, senón dun sistema que prioriza o efémero sobre o esencial e o aparente sobre o auténtico. Romper con esa tendencia require un esforzo consciente porque implica deternos a reflexionar sobre as nosas prioridades e preguntarnos que tipo de vida queremos construír.
Estes dous vástagos -banalidade e trivialidade- enxertados nos memes ou patróns culturais da sociedade afunden as súas raíces en territorio filosófico, que estimula o seu crecemento e co seu zume lles robustece de nutrientes. O banal brilla na conduta social porque reflicte a banalidade das persoas. A sociedade como colectivo non existe como realidade ontolóxica, senón que é o resultado conceptual do múltiple individual; a sociedade é consecuencia do conxunto de persoas, e estas foron evolucionando co paso do tempo gañando dereitos, adquirindo benestar coas novas tecnoloxías, superando enfermidades…, pero tamén cedendo privilexios, asumindo desafíos inéditos e malgastando partes importantes da súa herdanza ontolóxica. Heidegger lémbranos que “o mundo da vida –lebenswelt no vocabulario de Husserl- é o escenario onde cada eu se atopa ante o mundo” (Ser e tempo). Existir consiste, pois, nunha relación intrínseca entre o ser da persoa e a súa contorna. Ortega y Gasset dixese: “entre o eu e as miñas circunstancias”. Esa relación entre o eu e a contorna dá sentido á existencia.
Con todo, nesta existencia comprobamos como dun eu racional, nuclear, sólido e identitario pasamos a un eu emocional, atomizado, líquido e heteroxéneo. E moi frecuentemente tamén ideolóxico. Neste encadre, a linguaxe adquiriu un papel central na construción da nova realidade, perfilándose sagazmente na singular ourivaría da filosofía posmoderna, quen defende e promove que as identidades se volvan efémeras e reemprazables xa que son adquiridas a través de bens e de experiencias deseñadas para satisfacer necesidades inmediatas. Con todo, isto xera un paradoxo, xa que mentres se exalta a individualidade, as identidades acaban sendo homoxéneas e influenciadas por sistemas dominantes.
A filosofía circula no medio de todo
Parece estar fóra de toda dúbida que se produciu unha ruptura esencial no eu cartesiano, onde a racionalidade labraba co buril da súa ourivaría verdades únicas e universais. Agora, a verdade devaluouse porque pasamos dunha aposta ontolóxica do ser humano a un desafío epistemolóxico e ideolóxico. Neste vodevil sociolóxico, a verdade, como todo o profundo e substancial, foi ao paro. A actual demanda social nútrese de opinións, faladurías, enganos, erros categoriais, mentiras… e para cada situación créase un eu que pode contradicir a outros eu que cohabitan no mesmo individuo.
A filosofía da sociedade posmoderna afecta profundamente a esa procura da identidade persoal xerando unha crise profunda do “eu”, pois dilúe as identidades auténticas e prioriza a interacción social e o consumo como bases desa construción identitaria. A diferenza de épocas anteriores, onde as identidades estaban ligadas a factores predeterminados como o xénero ou a clase social, na posmodernidade o individuo asume un rol activo como arquitecto do seu “eu”, construíndo e reconstruíndo a súa identidade constantemente segundo as súas relacións e contextos. Este proceso reflicte unha multiplicidade de facetas onde as identidades subxectivas que se van adquirindo socialmente prevalecen sobre as obxectivas que veñen de orixe, permitindo que unha persoa participe en múltiples identidades de forma simultánea.
Esta situación descríbea magníficamente Jorge Luis Borges nunha breve obra titulada Borges y yo. O autor arxentino explora a dualidade entre o “eu” íntimo e o “eu” público, cuestionando a autenticidade do suxeito nun mundo fragmentado. O “eu” intimo presenta a Borges como o outro, o eu da dimensión pública e literaria. Neste ensaio, Jorge Luis Borges reflexiona sobre a dualidade da súa identidade. Distingue entre o seu “eu” íntimo, que representa a súa vida privada e emocional, e “Borges”, a súa figura pública como escritor. Esas dúas facetas interactúan e confúndense creándolle un enigma sobre a súa auténtica identidade, por iso a obra conclúe: “No sé cuál de los dos escribe esta página”.

A banalización desde un enfoque filosófico é un atentado ao “eu cartesiano”, xa que se interpreta como a perda de transcendencia e profundidade do concepto de “eu” proposto por Descartes, quen orixinalmente fundamentaba o coñecemento na autoconciencia e na certeza do pensamento propio (“penso, logo existo”). Con todo, na filosofía posmoderna, ese proceso da banalidade converte ao “eu” en algo trivial e superficial, desposuíndoo do seu carácter transformador e central. Desde ese punto de vista, o “eu” dilúese en contextos culturais ou sociais dominados pola banalidade e a sobreestimulación. A banalización disolve a autoconciencia racional cartesiana substituíndoa por outros enfoques máis continxentes e fragmentados da identidade.
Os síntomas incuestionables da banalidade emerxen, con paso firme e avasallador, nas redes sociais. Estas transformaron a nosa forma de relacionarnos co mundo e cos demais fomentando unha obsesión pola imaxe e buscando o recoñecemento inmediato. Nese escenario, a profundidade sacrifícase en favor do que é “viral” ou tendencia do momento (trading topic). A través das redes sociais pretendemos mostrar o mellor de nós, compartindo fotos, ofrecendo os nosos aspectos positivos nunha cultura narcisista na que se transforma o ideal da autoconciencia nun esaxerado individualismo autorreferencial.
É fácil detectar a invasión da banalidade na sociedade actual, xa que se delata claramente a través das súas manifestas camuflaxes nas distancias máis próximas, como son as conversacións reducidas a frases curtas, as opinións concentradas en eslóganes, as emocións condensadas en emoticonos…
Nun mundo saturado de superficialidade, atreverse a elixir a profundidade é un acto revolucionario que pode mesmo resultar insólito en determinados foros culturais e excesivamente sorprendente en contornas máis abertas. Defender a profundidade do ser humano e exaltar a categoría dos seus valores é unha invitación a reconectar coa nosa esencia humana porque nos facilita a capacidade para amar, crear e transformar a nosa contorna desde un lugar auténtico e xenuíno.
Somos nós quen decidimos se queremos vivir na superficie ou mergullarnos nas augas profundas do significado e da transcendencia. En definitiva, é ir máis alá de formas inconsistentes e fráxiles apostando por utilizar os resortes da reflexión. A irreflexión colectiva, como sinala Hannah Arendt, conduce a un afastamento da realidade e a unha insensibilidade emocional que dificulta o desenvolvemento de relacións auténticas.
Sartre describe ao eu como unha “falsa representación” que bloquea o autocoñecemento ao adoptar o punto de vista do outro. Lacan, con todo, vincúlao ao “estadio do espello”, onde o eu é unha ficción creada por identificacións especulares. Ambos autores ven o eu como unha construción alienada.
O choque do tránsito da modernidade á posmodernidade
A modernidade puxera a súa énfase no racionalismo cartesiano (cogito, ergo sum), colocando ao suxeito no centro do coñecemento. Naquela etapa, a razón aniñaba na coherencia e na evidencia. Agora, a emoción desprázase xogando coa contradición e convivindo co contrasenso, coas filias e as fobias. É así como a posmodernidade marca a perda daquel “eu” cartesiano, horizonte no que a modernidade situaba ao suxeito autónomo, racional e capaz de coñecer e transformar o mundo. Ese concepto do “eu” empezou a ser desmantelado por pensadores como Nietzsche, Foucault e Derrida, quen critica a noción dun suxeito forte e coherente, substituíndoo por un “eu” fragmentado e construído socialmente. Neste escenario, o suxeito dilúese en relacións e interaccións, perdendo a súa centralidade e capacidade de axencia, o que leva a un baleiro existencial e a un nihilismo característicos da era posmoderna.
Na posmodernidade, o suxeito perdeu tamén o seu centro ontolóxico. Esta afirmación, que ecoa nos discursos filosóficos e culturais contemporáneos, convídanos a reflexionar sobre o lugar que ocupa o “eu” nun mundo fragmentado, líquido e saturado de estímulos. Se na modernidade o eu era concibido como un núcleo estable, racional e soberano, a posmodernidade desmantelou eses fundamentos, delatando un suxeito disperso, continxente e profundamente influenciado polas estruturas sociais e culturais. Por tal razón, xorde unha inquietante pregunta: volveuse banal o “eu”? Perdeu o seu dominio e os seus privilexios?

O filósofo Jean Baudrillard argumenta na súa obra Simulacros e Simulación (1994) que a hiperrealidade e a proliferación de imaxes e símbolos levaron a unha saturación que reduce a capacidade das persoas para experimentar autenticamente a vida. A realidade, desde ese punto de vista, convértese nunha simulación de si mesma, na que o banal prevalece sobre o significativo. A banalidade convértese nunha característica inevitable dunha cultura saturada de imaxes e simulacros, onde o valor se volveu efémero e o significado das cousas parece claramente diluído.
Nun sentido similar abordouno Hannah Arendt, quen dedicou á análise da banalidade un tempo moi significativo da súa carreira académica e gran parte da súa vida. Arendt expresouno de forma excelente na súa obra Eichmann en Xerusalén: Un estudo sobre a banalidade do mal (1963), na que introduce o concepto de “banalidade do mal” para describir como a maldade pode manifestarse en formas comúns e ordinarias. Aínda que Arendt nesa obra se refíre concretamente ao contexto da burocracia do aparello asasino dos nazis, eu considero que o seu concepto pode estenderse á banalización das experiencias e valores na era posmoderna, na que se banalizan o bo e o malo.
A posmodernidade rexeita as verdades absolutas e as identidades fixas, pois a perspectiva se diríxe a unha visión do “eu” como algo fluído e cambiante. Xa o advertía o filósofo e sociólogo polaco Zygmunt Bauman (1925-2017) analizando a banalidade do “eu” na súa obra Modernidade Líquida (2000) e contextualizándoa dentro dunha sociedade marcada pola fluidez, a superficialidade, a carencia de estruturas sólidas e un excesivo individualismo.

Para Bauman, as identidades vólvense efémeras e superficiais porque son moldeadas polo consumismo, o relativismo e a necesidade de adaptarse constantemente a cambios rápidos e fugaces. Na vida moderna, o trivial, o efémero e o superficial prioriza sobre os compromisos esenciais e sólidos. E iso reflíctese nas relacións humanas inestables, na obsesión polas novidades, en participar nas redes sociais e en todo aquilo que serve como evasión da realidade e no esquecemento dunha comprensión auténtica do ser. A “banalidade do eu” é, pois, un síntoma dunha cultura que idolatra o pasaxeiro e exculpa de toda responsabilidade aos compromisos profundos. O filósofo e sociólogo francés Gilles Lipovetsky indica que ese individualismo narcisista fomenta apatía e o baleiro existencial. O mito de Narciso é unha representación oportuna para expresar a banalización do eu. Narciso, absorto na súa propia imaxe reflectida na auga, ecoa coa obsesión pola autoimaxe e a superficialidade promovida por redes sociais e consumismo, onde o eu se converte nun obxecto banalizado, centrado na aparencia e carente de profundidade reflexiva.
E todo iso inflúe negativamente na ética, debido a que se debilitan os vínculos humanos e se reducen as responsabilidades persoais. Nunha sociedade líquida, os vínculos humanos son transitorios e as relacións carecen de compromiso. A verdade, o compromiso, a responsabilidade, o amor, a amizade, a empatía, o respecto, a reflexión crítica… quedan banalizadas no cambio de opinión (eufemismo da mentira), na despreocupación e irresponsabilidade, no interese persoal, no acoso sexual, no relativismo e na aceptación dese “eu” performativo baseado na dependencia das validacións externas. Por iso, este novo e excitante paradigma desvía ao individuo de reflexionar profundamente sobre a súa existencia sumíndoo de modo irremediable nunha vida banal.
A ética humanista quedou banalizada simultaneamente, porque o agatonismo, como credo moral humanista que se interesa pola humanidade e polas persoas, desaparece fronte ao imperio da trivialidade e insustancialidade que centran o seu horizonte no relativismo e na multiplicade da identidade do eu, así como nas ideoloxías tribais. Hai que regresar a unha axioloxía onde os valores da verdade, da beleza, da paz e da prosperidade regresen á sociedade.
Outros artigos de Avelino Muleiro:
Artigo: “Avelino Muleiro: “A crise da democracia baixo as fráxiles ás de Ícaro””
Avelino Muleiro: “As Festas do Nadal e a súa rocambolesca evolución”
Avelino Muleiro: “Matar ao reiseñor”
Avelino Muleiro: “A Festa da Filosofía do 2024 (II)”
Avelino Muleiro: “A Festa da Filosofía do 2024 (I)”
Avelino Muleiro: ” A terapia da paciencia “
Avelino Muleiro: “O poderío demoledor da estupidez (II)”
Avelino Muleiro: “O poderío demoledor da estupidez (I)”
Avelino Muleiro: “A felicidade, un estado cuántico (II)”
Avelino Muleiro: “A felicidade, un estado cuántico (I)”
Avelino Muleiro: “Marisa Crespo: Da modestia á excelencia”
Artigo: “Avelino Muleiro: “O triunfo da vulgaridade””
Artigo: ” Avelino Muleiro. ” A vida, un xogo total”
Artigo: ” Avelino Muleiro: “Se a vida estivese programada” “
Avelino Muleiro:”Os novos Retablos das Marabillas”
Artigo: “Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (II)”. Darwin, os foguinos e o espectáculo da Natureza”
Artigo: “Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (I)”“
Artigo: “Avelino Muleiro: ” Maldita soidade (II). A soidade psicolóxica “
Artigo: “Avelino Muleiro: ” Maldita soidade (I). A soidade na filosofía “”
Artigo: “Avelino Muleiro: “Perdón, rancor e cicatrices””
Artigo: “Avelino Muleiro: “A mentira como ascensión do nihilismo””
Artigo: “Avelino Muleiro: “Mi Buenos Aires querido…””
Artigo: ” Avelino Muleiro: ” O erro categorial nas Ciencias Sociais (I) O fetichismo das ideas””
Artigo: “Avelino Muleiro: “Mundos acoplados””
Artigo: “Avelino Muleiro: “As profecías da actual situación de naufraxio posmoderno (II)””
Artigo: “Avelino Muleiro:”Náufragos posmodernos nunha sociedade ideoloxizada (I)””
Artigo: ” Avelino Muleiro:” Do xene egoísta ao algoritmo suicida””
Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (II) A ética ao rescate”
Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (I) A ética ao rescate”
Artigo: “Avelino Muleiro: ” Cultura e Viño “”
Artigo: ” Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (II)” “
Artigo: “Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (I)””
Artigo: “Avelino Muleiro: As pseudociencias e a medicina convencional”
Artigo: “Avelino Muleiro: A vileza dos novos deuses fatuos do Olimpo”
Artigo: “Rebelión sentimental do amor contra o control lóxico da razón (II)”
Artigo: “Rebelión emocional da amizade contra o control lóxico da razón (I) “
Artigo: “Sofismas e falacias, torpedos do discurso lóxico”
Artigo: ” Festa da filosofía no metaverso “
Artigo: “Tempos de frio moral”
Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (II)”
Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (I)”
Artigo: “Avelino Muleiro: O bico envelenado de Casandra”
Artigo: “Avelino Muleiro: A ocorrencia como contraargumento político”
Artigo: “Avelino Muleiro: Rebelión na caverna”
Artigo: “Avelino Muleiro:” A razón á caza e captura do azar e da causalidade””
Artigo: “Avelino Muleiro: “Derradeiros poemas de Manuel Vilanova”
Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: ” Vítimas baixo sospeita “”
Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: “Retablo de Nova York””
Artigo: ” Da imbecilidade á loucura pasando pola estupidez “
Artigo:” Filosofía delenda est “
Artigo: ” Fronteiras borrosas na realidade xeracional “
Artigo: ” Auf Widersehen, Viena. Dankeschön ”
Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “
Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “
Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “
Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “
Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “
Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “
Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “
Artigo: ” Pienso, luego Resisto “
Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “
Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “
Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “
Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “
Artigo: ” Malos tratos e crueldade “
Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “
Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “
Artigo: ” Violencia patolóxica “
Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “
Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “
Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “
Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “
Artigo: ” De quen son os fillos? “
Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “
Artigo : ” Devalo da Galicia interior “
Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “
Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “
Artigo : ” Negacionismo e represión social “
Artigo : ” Reclamos tóxicos “
Artigo : “ Ditame aberto ás ideoloxías (II) “
Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I) ”
Artigo : “ Crise de Valores “
Artigo : ” A paz perpetua ”
Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos “
Artigo : ” Regreso ao futuro “
Artigo : ” Parte de guerra ”
Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño ”
————————————————————————————————–
Curriculum de Avelino Muleiro García
-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.
Obras
Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabra, Encontros coa tradición. Conversas no Ribeiro, Tres Campus, Verbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.