O BNG propón a creación dun Consello Municipal da Mocidade en Celanova

  • As nacionalistas tamén levarán ao seu programa a recuperación da FESTA CASTREXA e a ampliación de horarios da BIBLIOTECA PÚBLICA.
  • Nunha xuntanza con mocidade, o BNG comprométese a fundar, desde o goberno municipal, a CASA DA MOCIDADE e o CENTRO DE INFORMACIÓN XUVENIL.

CELANOVA, 26 DE MARZO DE 2023.- O BNG de Celanova comprométese a poñer en marcha un Consello Municipal da Mocidade, así como á fundación dun Centro de Información Xuvenil e da Casa da Mocidade, como elementos de dinamización da actividade de mozas e mozos durante o próximo mandato.

No encontro, con mozos e mozas celebrado este sábado, o BNG e Galiza Nova recolleron algunhas propostas para promover unha política real e participada de mocidade. Entre estas, a ampliación dos horarios da biblioteca pública, a recuperación da Festa Castrexa, a programación de foliadas populares ou a dotación e mellora dun ximnasio municipal para favorecer a actividade física máis alá do deporte federado.

AVANTAR ACTIVIDADES

“A cuestión das políticas de mocidade é que non as houbo. Nos últimos vinte anos, a acción pública dirixida a mocidade reduciuse a festas. E con iso non chega”, resumiu Xulia Paz, número 2 da lista para as municipais do BNG de Celanova, acompañada pola responsábel comarcal de Celanova, Laura Pérez, e por María Rodríguez Cabaco e outras candidatas nacionalistas.

O BNG, explicaron as candidatas, pretende elaborar unha estratexia municipal para a mocidade contando “cun órgano de participación de colectivos e persoas”. Ese órgano é o Consello Municipal da Mocidade, “aberto á participación individual e de colectivos”, que funcione como “foro para expoñer ideas e identificar necesidade e decidir que políticas queremos levar adiante”.

O BNG de Celanova pensa que se pode proxectar deste xeito “un programa anual de lecer, deporte e cultura” moi variado, en función das demandas das propias mozas e mozos e dos seus colectivos e asociacións. Onte puxéronse algunhas sobre a mesa: ciclos de cine e talleres de escritura ou de fotografíafoliadascharlas informativas sobre sexualidade ou sobre o medio ambiente ou a creación de programas de voluntariado.

Para iso, o BNG comprometeuse a fundar a Casa da Mocidade de Celanova, como espazo “para habitar e utilizar, para unha convivencia a construír desde a propia xestión por parte de mozas e mozos”, e a fundar tamén un Centro de Información Xuvenil, como servizo de atención e orientación sobre a sexualidade, a saúde, o ámbito laboral ou o medioambiental, ou dinamizar campamentos e festexos.

Entre estes últimos, hai unha xeración de mozas e mozos que avogan pola recuperación da Festa Castrexa, unha celebración popular que comezou a se celebrar a finais do século pasado e que decaeu até desaparecer. Agora hai vontade para rescatar aquel festexo e o BNG comprométese a animar esta iniciativa.