Gabriel Alén louva os recursos naturais, patrimoniais e ao Camiño de Santiago como os mellores reclamos turísticos de Galicia

Na inauguración esta mañá na sala José Ángel Valente de Ourense da exposición ‘Galicia a un paso de ti’

O delegado territorial subliñou que temos “a oportunidade de confirmar que somos privilexiados por vivir no mellor lugar do mundo, nun destino con tantos recursos turísticos’

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén sinalou que as 216 imaxes son unha mostra representativa de todo o esplendor de Galicia, que serven para seducir a quen non a coñece e para convidar a quen a habita a descubrir pequenos paraísos que están apenas a uns pasos

O representante do Goberno galego puxo en valor o recente nomeamento pola UNESCO da Ribeira Sacra e Serras do Oribio como a sétima reserva da biosfera da nosa Comunidade

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, subliñou que “temos a oportunidade de confirmar que somos privilexiados por vivir no mellor lugar do mundo, nun destino con tantos recursos turísticos dos que esta mostra plasma algúns exemplos das marabillas e tesouros da comunidade da que temos a obriga de presumir e o deber de ensinar”.

Así o fixo na inauguración da exposición ‘Galicia a un paso de ti’ que se levou a cabo esta mañá na sala José Ángel Valente, en Ourense, onde subliñou que “temos hoxe aquí a oportunidade para observar de novo o que nos rodea, poñelo en valor e protexelo. Ese é o obxectivo da deste certame que organizou de Turismo de Galicia”.


O delegado territorial explicou que a mostra de Turismo de Galicia xira arredor de tres piares fundamentais: natureza, patrimonio e Camiño de Santiago. Esta diversidade permite descubrir instantáneas da Galicia interior bañada por mil ríos, das súa praias e dos seus parques naturais, do Parque Nacional das Illas Atlánticas, pero tamén das rutas xacobeas e a zona histórica de Compostela ou monumentos como a Muralla de Lugo ou da Torre de Hércules, declarados todos eles pola UNESCO Patrimonio da Humanidade, ademais dunha multitude de imaxes das da gastronomía, das festas ou os costumes conservado ao longo dos séculos, nunha simbiose perfecta de tradición e modernidade.

Por iso – resaltou o representante do Goberno galego- “as 216 imaxes son unha mostra representativa de todo o esplendor de Galicia, que serven para seducir a quen non a coñece e para convidar a quen a habita a descubrir pequenos paraísos que están apenas a uns pasos”.

Neste senso, o delegado territorial puxo en valor o recente nomeamento pola UNESCO da Ribeira Sacra e Serras do Oribio como a sétima reserva da biosfera da nosa Comunidade, o que supón que a superficie que conta en Galicia con este recoñecemento internacional increméntase ata chegar a case o 35% de todo o territorio; pero tamén supoñerá que o 42% quede amparado baixo algunha figura de protección, afianzando o recoñecemento á riqueza do noso patrimonio natural en todo o mundo.


Por último, Gabriel Alén lembrou que temos a necesidade de fomentar a mensaxe de Galicia como un destino seguro e de calidade, o que está a permitir que a comunidade superase nestes meses tódalas expectativas en afluencia de turistas e peregrinos.