Paloma Castro do grupo socialista reclama un novo convenio para mellorar a eficacia dos Ges diante da extinción e prevención de incendios

O grupo socialista reclama un novo convenio de consenso para mellorar a funcionalidade e a eficacia dos Ges diante da extinción e prevención de incendios

Publicidade

Paloma Castro urxe á Xunta a actualizar o marco normativo, que caduca este ano, para asegurar resposta real en tempo, medios e calidade

A portavoz de Interior do Grupo Socialista, Paloma Castro, reclamoulle hoxe á Xunta un novo convenio para os Grupos de Emerxencia Supramunicipais –GES- que mellore a funcionalidade e a eficacia destes organismos diante da extinción e prevención de incendios. Castro presentou unha pregunta na Comisión Institucional do Parlamento para reclamarlle á Xunta que garanta medios profesionais e técnicos e dedicación exclusiva.

A parlamentaria socialista reclamou un novo documento consensuado entre a Xunta, deputacións e Fegamp xunto con representantes da Asociación GES de Galicia –Agesa- diante do remate do actual, vixente ata final de ano.

Castro demandoulle á Xunta un novo marco normativo que “garanta unha resposta real en tempo, en medios e en calidade. A responsable socialista instou á Xunta a actualizar o actual convenio, que se ten demostrado inadecuado polas eivas detectadas “imputables á administración, como poden ser a falla de coordinación, de persoal ou de capacidade técnica dalgúns concellos”.

Puxo como exemplo do GES de Valga, que tiña 8 traballadores concatenando contratos de obra e servizo dende a constitución do Grupo, en 2013, ata que o Xulgado do Social de Pontevedra obrigou á súa readmisión. Sinalou ademais a Sanxenxo, que reduciu o cadro de persoal de 18 a 12 operativos, obrigando ao persoal a desempregar funcións que “nada teñen que ver coa súa cualificación profesional”.

Sinalou ao goberno galego para que tome a iniciativa e mellore o actual convenio “en aspectos tan importantes como a coordinación, a necesidade de aumentar a 3 a quenda obrigatoria do servizo, modificar a denominación a bombeiros – GES, a creación dunha bolsa de traballo para cubrir as baixas ou a delimitación das tarefas do grupo”.

O actual convenio prevé, lembra, a colaboración en materia de emerxencias, prevención e defensa contra incendios forestais, e o desenvolvemento e apoio do funcionamento dos GES. Sen embargo, sinala que hoxe en día “non existe unificación de material nin de condicións laborais –horarios, categorías, uniformidade-, que son diferentes en cada un dos máis de 30 grupos que hai hoxe”.

Reclama así adecuar estes medios a “un enfoque global na actuación preventiva e nas actuacións posteriores ante os incendios forestais, de xeito que as medidas que se implementen abrangan a todo o territorio”. Advertiu que os incendios deste ano, que afectaron a zonas de especial protección ambiental, “evidenciaron de novo que a Xunta carece de plans de prevención axeitados”.