Espazo Común presenta unha moción para que o concello axude a familias e pemes en apuros a facer fronte ao recibo da luz

A brutal suba experimentada por este ben de primeira necesidade, fai urxentes medidas concretas.    

Despois de anos debatendo sobre pobreza enerxética e as súas consecuencias, este ano, tal concepto, adquire máis sentido ca nunca.

AVANTAR ACTIVIDADES

A voracidade das multinacionais do sector, sumada á falla de control, polo menos ata o de agora, por parte das administracións, levou ao prezo da electricidade a convertirse en artigo de luxo.

É por iso que moitas familias e moitos pequenos negocios van ter que sumar esta problemática ás xa moitas sufridas no último par de anos.

Pedimos nesta proposta que o Concello faga un esforzo para darlles un pequeno respiro e que realice a convocatoria dunha liña de axudas directas, rápidas e sinxelas para dar respaldo a estes veciños.

MOCIÓN

                                                    EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Xa se ten falado abondo nesta Corporación, ano tras ano, inverno tras inverno, do concepto tan manido de pobreza enerxética.

Todos compartimos e aprobamos mocións, unha e outra vez, condeando e demandando medidas que eviten que unha parte moi significativa da veciñanza poida verse marxinada e obrigada a sufrir serios problemas, sobor de todo nos meses máis fríos, polas súas dificultades para poder facer fronte aos custos dun ben de primeira necesidade como é a enerxía eléctrica.

O certo é que, ata o de agora, ningunha pasou de aí, dunha declaración de intencións.

Pois ben, se todos estes anos anteriores, todos tivemos conciencia da problemática, este ano, máis alá de botarnos ás máns á cabeza e amosar o noso enfado polo que está acontecer co precio da luz, toca tomar medidas concretas, tanxibles e útiles para a cidadanía do Carballiño.

O suministro eléctrico, imprescindible nos fogares para a calefacción, para dispor de auga quente ou para cociñar, ven de transformarse, tan só nuns meses, nun artigo de luxo. Inalcanzable para moitas familias con recursos xa xustos, para autónomos e pemes coma comercio ou hostalaría.

Todos eles, todos nós, asistimos aterrados a como a voracidade recadadora das empresas do sector fixeron que se disparase a factura. Así pois, segundo as estimacións actuais, un negocio ou fogar que pagara unha 176 € no mes de setembro do 2020, pasará a pagar 260 € no mesmo mes deste ano. En só 12 meses, un ben que xa considerabamos caro, subiu case un 50 %. Unha tolemia insufrible e unha mostra máis de como o capitalismo, igual ca Saturno, rematará por devorar aos seus fillos.

Unha sociedade hastiada, castigada dun xeito brutal pola pandemia ten que aturar aínda que a chamada fenda enerxética se agrande ata límites insospeitados.

Por todo o antedito, dende Espazo Común, consideramos que toca actuar dende esta entidade municipal para evitar máis sufrimento do que xa hai. Hai que loitar para que ningún negocio ou fogar teña que renunciar a uns mínimos como luz, calefacción, etc…

É hora, polo tanto, de acometer un pequeno esforzo e habilitar unha liña específica de axudas para previr este problema. Esta deberá ser directa, sinxela e rápida.

Para evitar erros do pasado coma o fracaso da partida de emerxencia social por culpa dunhas bases mal redactadas ou a tramitación das axudas COVID para o tecido económico local, das cales case é mellor esquecer a súa xestión.

Por outra banda, tamén se poderían organizar dende o Concello, cursos e charlas para asesorar á veciñanza nalgo tan necesario coma o aforro enerxético, dando información e pautas que permitan rebaixar, na medida do posible, o sablazo das multinacionais da electricidade.

Visto todo o anteriormente comentado,

                                                                         SOLICITAMOS

  1. Que o Concello do Carballiño convoque unha liña de axudas sinxela e rápida para familias, autónomos e pemes en dificultades para afrontar o encarecemento da factura do suministro eléctrico.
  2. A organización de cursos e charlas para formar á cidadanía en técnicas de aforro enerxético.