O Psoe esixe a flexibilizacion dos protocolos covid para o acceso e a practica do deporte

O voceiro de Deporte do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco, reclamou hoxe que se flexibilice o protocolo para o acceso a actividades e competicións deportivas en Galicia nun escenario no que o avance da vacinación “permite recuperar certa normalidade”. O deputado do PSdeG sinala a que non ten sentido seguir mantendo unas condicións de acceso tan esixentes para a celebración de competicións ou adestramentos cando, entre outras cousas, “a inmensa maioría dos deportistas xa teñen o certificado de vacinación”.

Juan Carlos Francisco lembrou que na actualidade a Xunta obrígalles a realizar tests de antíxenos cada dúas semanas, algo que non se lle esixe a outro tipo de colectivos. Incidiu, ademais, no paradoxo que supón que 20.000 persoas poidan acceder a un estadio de fútbol sen pedirlles que fagan ningún test e que, sen embargo, si se lles pidan aos propios deportistas. Por iso, o parlamentario socialista reclamou “que se reformulen unhas medidas que son moi esixentes e que estaban plantexadas para unhas circunstancias concretas que hoxe xa non se dan, tanto nos test como nos controis de acceso e limpeza das instalacións”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Ao mesmo tempo, alertou do elevado impacto económico que este protocolo implica para os clubs e federacións”, o que se suma aos prexuízos que tamén lles ocasionou a limitación de aforos ou a perda de patrocinadores.

FALLA DE COMPROMISO DA XUNTA CO DEPORTE GALEGO

Ao fío disto, Juan Carlos Francisco lamentou a pouca importancia que ten o deporte galego para a Xunta, malia que en Galicia hai máis de 2.000 clubs e case 200.000 fichas. Como exemplo, recordou que este ano o orzamento da Xunta incrementouse en 1.570 millóns de euros, pero só en 8 millóns para o deporte. Este aumento é “absolutamente insuficiente e demostra a pouca importancia que para a Xunta ten o deporte, non só como actividade esencial social e sanitariamente senón tamén no impacto que ten como actividade económica”.

Así, reclamou que no novo orzamento de 2022 o goberno galego atenda ao deporte como unha verdadeira actividade esencial e que, en consecuencia, se financie de acordo coa importancia dun orzamento que terá 11.571 millóns de euros, “grazas ás importantes achegas extraordinarias do goberno de España ou da Unión Europea”.

A maiores, Juan Carlos Francisco denunciou “o nulo papel do IGAPE na promoción da actividade económica en relación ao deporte”. Por iso, emprazou ao secretario xeral para o Deporte durante a súa comparecencia no Parlamento a que faga xestións para que o IGAPE sexa un instrumento útil para a promoción da economía a través do deporte, xa que “incentivar o deporte tamén significa incentivar a actividade económica”.

PLAN ESPECÍFICO DE PATROCINIO PARA OS CLUBS PEQUENOS

Por outra banda, o deputado socialista fixo fincapé na necesidade de elaborar un plan específico de patrocinio para os clubs que non están catalogados como de alto nivel. Na actualidade, denunciou que o modelo da Xunta “é un tapón para os clubs autonómicos e impídelles acceder a axudas e a financiación”.

No eido económico, Juan Carlos Francisco tamén reclamou que a Xunta aclare os criterios de distribución do fondo de consenso, que contempla catro millóns de euros en axudas a federacións e clubs.