O centenar de galegos do exterior participantes do “Conecta co Xacobeo” rematan o Camiño en Compostela

O secretario xeral recibiu aos dous grupos que realizaron o Camiño Portugués e a Vía da Prata e que se atoparon chegando a Compostela a través do arco de Mazarelos

Publicidade

Nesta iniciativa participaron case un centenar de persoas vinculadas aos centros galegos de España e Europa de entre 18 e 64 anos que realizaron, dende o pasado domingo, cen quilómetros destes dous camiños

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado do subdirector deste departamento, Antonio Casas, recibiu ao centenar de galegos do exterior que participaron ao longo desta semana no programa “Conecta co Xacobeo” que organiza este departamento autonómico.

Estes galegos do exterior, que realizaron o Camiño Portugués e a Vía da Prata, entraron en Compostela a través do arco de Mazarelos, trasladándose posteriormente xuntos ata a praza do Obradoiro para ver cumprido o Camiño e selar posteriormente a Compostela que acredita que realizaron o Xacobeo.

“Deste xeito”, explicou Antonio Rodríguez Miranda, “a Secretaría Xeral reiniciou os programas de achegamento a Galicia dos galegos do exterior, centrándoos, nesta ocasión, no Ano Santo. Así, os centros galegos do mundo, que xa están a difundir e promover o Camiño de Santiago, poden contar agora con cen novos voluntarios que gozaron directamente desta experiencia para transmitila en cada unha das cidades onde viven e animar así a participar a todos no Xacobeo 21-22”.

En outubro chegarán os maiores de 65 anos que tamén realizarán actividades relacionadas co Xacobeo durante unha semana a través do programa “Reencontros co Xacobeo”.

Ambas iniciativas, o Conecta e o Reencontros, teñen coma obxectivo promover os lazos con Galicia e coa súa cultura a través do Camiño de Santiago das persoas vinculadas ás entidades galegas que existen tanto no resto de comunidades autónomas de España como nos países europeos, fomentando a súa participación no Ano Santo.

En total, participaron no Conecta co Xacobeo programa un centenar de galegos vinculados aos centros galegos de toda España e Europa, de países como Alemaña, Portugal e Suíza, de entre 18 e 64 anos. “Para eles, segundo nos transmitiron, foi unha fermosa experiencia que lles permitiu unir aínda máis os seus lazos con Galicia. Moitos, incluso, aseguran que agora repetirán facendo outro dos Camiños de Santiago e invitarán as súas colectividades alí onde viven a gozar deste Xacobeo histórico”, rematou Rodríguez Miranda.