Emilio González destaca o investimento de máis de 4 millóns de euros na rehabilitación do firme da A-52

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, e o xefe da Unidade de Estradas do Estado en Ourense, Álvaro Aguiar, supervisaron esta mañá os traballos de reparación do firme da autovía das Rías Baixas A-52, que se están a levar a cabo na calzada dereita ao longo de sesenta quilómetros entre Verín e a cidade de Ourense.

Esta actuación conta cun orzamento de 4,46 millóns de euros e dende o mes de agosto estanse a executar as obras de fresado e reposición do firme deteriorado. Unha vez rematada esta fase, retomaranse os traballos de execución da capa de rodadura na primavera de 2022. “As temperaturas previstas durante o outono e o inverno, así como a probabilidade de choivas desaconsellan executar esa parte da obra durante eses meses”, explicou o xefe da Unidade de Estradas do Estado en Ourense.

AVANTAR ACTIVIDADES

O subdelegado do Goberno sinalou que esta obra “permitirá mitigar o déficit de conservación que arrastra unha parte da rede viaria na provincia de Ourense, o que reflicte o compromiso claro e firme do Goberno de España coa seguridade e a fiabilidade da rede, así como co patrimonio público común da cidadanía ourensá”.

Así mesmo, Emilio González informou de que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana está a traballar na redacción dos proxectos de reparación do firme da calzada esquerda entre os puntos quilométricos 176 a 236,300 da A-52, así como de ambas calzadas entre os puntos quilométricos 138 a 176. “Dende a Subdelegación do Goberno impulsaremos estes proxectos co obxectivo de poder licitalos o antes posible e completar a reparación da Autovía das Rías Baixas en toda a provincia”, sinalou.

Neste sentido, o subdelegado do Goberno salientou que o programa de conservación e mantemento do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que xera un impulso significativo para mellorar a calidade de servizo da infraestrutura viaria estatal existente, mobilizou na provincia de Ourense un investimento de 31,5 millóns de euros dende xuño de 2018.

CARACTERÍSTICAS DA REPARACIÓN DO FIRME

A actuación na calzada dereita entre os puntos quilométricos 176,000 e 236,300 da Autovía das Rías Baixas A-52 supón a reparación do firme mediante diferentes técnicas de rehabilitación, segundo o estado actual do mesmo: substitución completa de capa a  de explanada e novo paquete de firme, rehabilitación estrutural con reposición de entre 22 e 27 cm de mestura bituminosa, rehabilitación superficial dos 3 cm de capa de rodadura, e selado de gretas.

Ademais, contémplase a reposición de xuntas de dilatación de obras de paso e estacións de aforo de vehículos afectadas, e o repintado de marcas viais.