O Psoe tacha de “inadmisible” o gasto de máis de 3.000 euros das arcas públicas en cinco cortinas

O PSdeG-PSOE tacha de “inadmisible” o gasto de máis de 3.000 euros das arcas públicas en cinco cortinas para un despacho municipal por parte do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. Os socialistas censuran o “despilfarro vergoñento e suntuario” dun alcalde que “dilapida fondos públicos en redecorar o Concello mentres suprime o investimento en cultura ou recorta o gasto social sen pudor”.

Publicidade

“É indignante que o alcalde non escatime en mobiliario de luxo para os despachos municipais e en dispositivos móbiles de alta gama do seu staff e pola contra elimine partidas relacionadas con cuestións fundamentais para o benestar da veciñanza” censuran os socialistas.

“Queda demostrado cal é o criterio deste alcalde para decidir en que cuestións inviste os cartos de todos e todas, que non é en absoluto o ben común, senón o seu benestar persoal e satisfacer os seus custosísimos antollos”, subliñan.

Dende o PSdeG-PSOE teñen constancia de que existen máis gastos relacionados co mobiliario e o redeseño das dependencias municipais do Concello polo que anuncian que veñen de solicitar a desagregación pormenorizada de todas as facturas a este respecto no que vai de mandato. “Non imos tolerar que empregue os cartos de todos e todas coma se o Concello fose a súa empresa privada”, advirten os socialistas, ao tempo que reivindican “principios eficiencia no gasto público” e “un goberno responsable”. 

“Só unha semana despois de sacar á luz que o alcalde pretendía gastar preto de 40.000 euros en reloxos, móbiles e incluso unha scooter para o seu staff, agora temos constancia de que tamén está a realizar gastos accesorios e peregrinos que son eticamente reprobables polos elevados importes e polo fin que perseguen, que é colmar os caprichos do alcalde”, conclúen.