O Psoe celebra o compromiso do goberno central con ourense nos orzamentos xerais

O PSdeG-PSOE de Ourense celebra o compromiso do Goberno central coa provincia, reflexado nos Orzamentos Xerais do Estado para 2022, que recollen para Ourense uns investimentos de 157,4 millóns de euros, 35 millóns máis que nos orzamentos de 2021. Os socialistas subliñan que o executivo presidido por Pedro Sánchez comprométese con 3 obras históricas que o PP “tivo paralizadas e quixo tombar” como son o último tramo do AVE entre Taboadela e Ourense, a variante norte entre a A-52 e Quintela e a fase definitiva da estación de tren. “Ourense está máis que nunca no centro da política estatal cun Goberno que cumpre e incrementa os investimentos e o gasto social co obxectivo de que ningún ourensán e ourensá quede atrás”, sinalan os socialistas.

Publicidade

Os representantes do PSdeG-PSOE no Congreso, Adolfo Pérez Abellás e Uxía Tizón valoran “moi positivamente” os investimentos do Estado na provincia e destacan que “6 de cada 10 euros deste orzamento destinaranse a gasto social, o que supón o maior desembolso da historia nesta materia”. Ademais tamén salientan que aumenta o investimento por habitante con respecto a 2021, “onde se pasa de 402,98 euros a 513,97 euros investidos por cada habitante na provincia”. Unhas contas que en palabras dos socialistas “implican máis recursos para sanidade, educación, dependencia ou pensións, o que se traduce en máis investimentos nas persoas para unha recuperación económica e social xusta”.

En materia de infraestruturas destacan os 22,96 millóns de euros para a circunvalación do Barco de Valdeorras, que permitirá enlazar a N-120 e N-536, evitando o paso de vehículos pesados polo centro da capital da comarca de Valdeorras. “Unha obra coa que se pretende dar solucións aos problemas de tráfico na comarca e que demostra que para os socialistas a comarca de Valdeorras, existe”, apuntaron Pérez Abellás e Tizón.

Os socialistas tamén sinalan que os orzamentos cumpren cunha demanda “histórica” da cidade, como é a variante norte entre Eirasvedras e Quintela á que se destinan 2 millóns de euros e que onte mesmo licitaba o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Tamén se inclúen partidas de 100.000 euros para o tramo Quintela – A Casilla e 100.000 máis para o tramo Cambeo – A Casilla. Súmase tamén outra partida de 100.000 euros para o tramo da A-76 entre Requejo e a Veiga de Cascallá. “Destacan tamén os 11,34 millóns que o Goberno destina a as actuacións de conservación e explotación das estradas, que permitirá mellorar a circulación e a seguridade viaria en toda a provincia”, apuntan dende o PSdeG-PSOE de Ourense.

En materia ferroviaria, a partida máis importante de 22,7 millóns de euros vai destinada á variante exterior e á estación intermodal de cara a integración do AVE na cidade. “Trátase dunha demanda histórica para un proxecto clave para a integración final da alta velocidade ferroviaria na provincia e que o Goberno levará a cabo tras anos de desleixo dos gobernos do PP, que retrasaron a chegada do AVE a Ourense”, afirman os socialistas. O ADIF reserva ademais 60 millóns para os proxectos do corredor europeo de mercadorías, que permitirá melloras na liña ferroviaria entre Ourense, Lugo e Valdeorras e deixa 10 millóns pendentes para a liña de alta velocidade que unirá Ourense coa Meseta.

Nos Orzamentos Xerais do Estado tamén hai dúas importantes partidas como son os 3 millóns de euros para a rehabilitación do Museo Arqueolóxico en Ourense e 342.570 euros que se destinan á recuperación dos corredores norte e sur do claustro de hospedería de Melón.

O deputado e a deputada socialista tamén destacan que nos orzamentos “aparecen fondos vencellados ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia no marco do programa Next Generation da Unión Europea a raíz da pandemia da COVID-19”. Segundo explican os representantes socialistas da provincia de Ourense no Congreso “trátase dunha partida da que se financiarán diferentes proxectos na provincia”.