Con motivo da conmemoración, o 18 de outubro, do Día Europeo contra a Trata de Seres Humanos, instaurado por primeira vez pola Unión Europea no ano 2007, o Goberno Galego quere reiterar o seu absoluto rexeitamento ante unha das manifestacións máis extremas e crueis das desigualdades e da violencia contra as mulleres.
Todos os datos apuntan a que a trata, a prostitución e a explotación sexual, en calquera das súas formas, atópanse fortemente interrelacionadas entre si. Son moitos os instrumentos internacionais que inciden nesta dobre cuestión. Por iso, dentro da violencia de xénero e da desigualdade en xeral entre homes e mulleres, a trata con fins de explotación sexual ten unha especial gravidade, pois implica a redución máxima dunha persoa a mero obxecto, e a persoa reducida a esta condición está exposta a un trato vexatorio e incluso violento.
A situación xerada pola crise sanitaria derivada da COVID-19 aumentou a situación de especial vulnerabilidade para as vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral. Así pois, o Goberno galego reforzou todos os dispositivos no ámbito da intervención social en estreita colaboración cas ONGs que conforman a Rede Galega contra a Trata.
Galicia dispón de vivendas de seguridade para vítimas de explotación sexual que no último ano acolleron e atenderon a 32 mulleres e 8 menores en situación de risco. E tamén están activas as subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, cuxa implicación é imprescindible para desenvolver proxectos de atención integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual e vítimas de trata. A finalidade é apoiar a recuperación e a integración social e laboral. Nestes programas atendéronse a 685 persoas no ano 2020.
Reiteramos o compromiso da Administración autonómica na loita contra a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual. Proseguiremos o noso labor mediante o reforzamento dos mecanismos de atención, apoio e información ás vítimas, que quedarán garantidos no Plan Galego contra a Trata, potenciando a colaboración e a coordinación institucional e co terceiro sector, así como con outras comunidades autónomas a través do proxecto Rede por unha vida libre de violencia para as mulleres en contextos de prostitución e para a eliminación da trata e a explotación sexual infantil e adolescente.
Finalmente, e unha vez máis, o Goberno galego fai un chamamento á cidadanía para amosar o máis absoluto rexeitamento fronte á explotación sexual, que supón un atentado contra os dereitos humanos.
Inicio Actualidade Declaración Institucional da Xunta de Galicia con motivo do Día Europeo contra...