O delegado territorial da Xunta Gabriel Alén subliña o carácter social dos orzamentos do 2022 para a provincia de Ourense

  • Gabriel Alén valorou os orzamentos para 2022 como “beneficiosos para Ourense e que poñen de manifesto a discriminación positiva do Goberno galego cara a nosa provincia principalmente nos eidos social e rural”
  • O delegado territorial significou que estas contas públicas, concentran na provincia a maior parte dos investimentos na nova estratexia trazada polo Goberno galego para a recuperación do rural con medidas pioneiras que loiten contra o abandono da nosa terra e poñan en valor os extraordinarios produtos que  producen
  • A Xunta de Galicia inclúe nos orzamentos do ano que vén unha nova liña de axudas para potenciar e consolidar o termalismo en Galicia. En concreto, diríxese a instalacións de aproveitamentos lúdicos de augas termais, unha orde de apoios á que se destina 1 M €

A Xunta de Galicia incrementa o investimento na provincia de Ourense nun 27,18%, pasando de 254 millóns de euros no ano 2021 a mais de 324 millóns de euros no próximo ano 2022. No que respecta ao gasto per capita na provincia incrementase un 7,8% o que supón pasar de 4.461 € a 4.809 €.

Estamos a falar, -segundo e delegado territorial- dos orzamentos máis altos da historia de Galicia (11.627M€), dos orzamentos máis sociais, duns orzamentos con rebaixa de impostos para o 90% dos cidadáns e duns orzamentos que procuran que Galicia saia reforzada desta crise sanitaria poñendo en valor os seus potenciais do sector primario e do sector turístico.

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén, valorou os orzamentos para 2022 como “positivos para Ourense e que poñen de manifesto a discriminación positiva do Goberno galego cara a nosa provincia; provincia favorecida nesas políticas sociais como a reforma e a construción de infraestruturas sanitarias nos centros de saúde e hospitais de Ourense, Verín e do Barco de Valdeorras, as melloras importantes nos centros educativos (estruturais, de eficiencia enerxética e mellora dixital), os novos recursos de conciliación no rural pioneiros en toda España como as Casas do Maior e Casas Niño implantadas maioritariamente na nosa provincia; ou tamén a gratuidade total das escolas infantís de 0 a 3 anos.

O delegado territorial significou que estas contas públicas concentran na provincia a maior parte dos investimentos na nova estratexia trazada polo Goberno galego para a recuperación do rural con medidas pioneiras que loiten contra o abandono da nosa terra e poñan en valor os extraordinarios produtos que  producen, a través de mecanismos como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais, os pasteiros, e a plantación de castiñeiros e recuperación dos soutos tradicionais, contribuíndo á dinamización económica da provincia ao mesmo tempo que se loita activamente contra a lacra dos incendios.

Neste senso, os orzamentos para Ourense supoñen tamén un importante investimento en infraestruturas e medios de extinción de incendios coa construción dun Centro Integral da Loita contra o Lume en Toén, de referencia internacional; coa construción dunha base aérea e de aluguer de avións en Verín; coas melloras na rede de oficinas agrarias comarcais e dos distritos forestais, nunha provincia como a nosa, a máis castigada polos lumes, principalmente intencionados, e na que se vai a seguir incidindo, a través dos orzamentos, na liña da mellora das unidades de investigación.

Para o representante do Goberno galego, “as contas están encamiñadas, non só á recuperación da crise sanitaria e da recuperación da riqueza de niveis prepandemia, senón que pretenden contribuír á Galicia do futuro; unha Galicia social, con menos impostos e máis prestacións sociais; unha Galicia orgullosa do seu rural e un rural que contribúa ao crecemento económico; unha Galicia hospitalaria que, orgullosa dos seus recursos naturais e patrimoniais e da súa paisaxe, siga a ser destino de ocio para turistas de todo o mundo, tal como esta a ser na actualidade”.

O maior gasto social da historia

Os orzamentos reforzan un ano máis o gasto social tradicional e as políticas de emprego, que, para Gabriel Alén, implican a priorización do Goberno galego nas políticas de emprego dirixidas aos colectivos con maior dificultade para a inserción laboral como mozos e mozas, parados de longa duración, mulleres, e o mantemento como eixos aos incentivos á contratación, ao emprendemento, ás persoas traballadoras autónomas e á economía social galega, destacando por exemplo os obradoiros de emprego que duplica o seu orzamento na nosa provincia.

As políticas de emprego xuvenil terán un lugar destacado durante o novo exercicio, promovendo, tal e como subliñou o delegado, a formación para persoas novas ou os contratos de formación e aprendizaxe para que accedan ás empresas.

Galicia convértese na primeira Comunidade Autónoma na que todas as escolas infantís serán 100% gratuítas, tanto para os segundos fillos e sucesivos —como ata agora— como para os primoxénitos. Alén incidiu en que a Xunta agarda que o Executivo central se sume a esta medida e colabore no seu financiamento, como xa acordou a semana pasada o Parlamento de Galicia no Debate sobre o Estado de Autonomía.

Medidas concretas para autónomos e fomento e promoción do emprego (2M€); a creación dun polo de emprendemento rural en cada unha das provincias, (4 M€); o novo centro de atención a persoas con discapacidade CAPD (6,7 M€); reforzo da atención aos nosos maiores no rural, cunha inversión de 430.000 euros para as novas Casas do Maior; os centros de Coidados de Longa Duración; a creación do novo Punto de Atención Familiar en Verín (125.000 €) ou a remodelación dos novos modelos de residencias de maiores son só unha pequena parte das medidas que contemplan os orzamentos neste eido.

Sanidade

Os orzamentos da Xunta para o 2022 suporán un investimento de máis de 90 millóns de euros en tecnoloxía e equipamento sanitario para o conxunto de centros da rede sanitaria pública galega.

En materia de infraestruturas, o delegado territorial indicou que se traducirán estes orzamentos nun investimento de 21,8 millóns de euros para o hospital de Ourense, posibilitando iniciar a obra do novo edificio de hospitalización e de reforma do materno-infantil. Tamén fará posible iniciar a reforma da unidade de críticos; e a da unidade de medicina nuclear da que adxudicarase o proxecto en próximos días. Así mesmo, licitarase o proxecto dos novos edificios ambulatorio e administrativo. En consecuencia, estes preto de 22 millóns de euros, van supoñer unha transformación integral do CHUO.

Os orzamentos do vindeiro ano tamén contemplan importantes partidas para os hospitais comarcais e para atención primaria. En concreto, 1,1 millóns de euros para obras de reforma, xa adxudicadas, do Hospital de Valdeorras nas consultas externas e nas súas áreas de cirurxía maior ambulatoria, hospital de día e farmacia; e 1,3 millóns para comezar a obra de ampliación do Hospital de Verín, proxecto xa adxudicado e do que agora vaise licitar a obra. Así mesmo, estes hospitais beneficiaranse da modernización de equipamentos.

No que atinxe á atención primaria, ademais das partidas destinadas ás obras de reforma que xa teñen adxudicatario proposto en Arnoia, Ribadavia e Castro Caldelas, o delegado destacou os 1,5 millóns de euros para iniciar a obra do Centro Integral de Saúde en Ourense, do que xa está a piques de adxudicarse o proxecto.

En definitiva,  para Gabriel Alén, “estes orzamentos consolidan o investimento sanitario da etapa covid para construír a etapa poscovid e supoñen boas novas para o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, para esta provincia e para o conxunto de Galicia”. En concreto, en materia de persoal, estes presupostos permiten dotar con 1.330 prazas máis de profesionais do ámbito sanitario, no conxunto de Galicia, acadándose o máximo da taxa de reposición permitida polo Goberno central.

Termalismo

A Xunta de Galicia inclúe nos orzamentos do ano que vén unha nova liña de axudas para potenciar e consolidar o termalismo en Galicia. En concreto, diríxese a instalacións de aproveitamentos lúdicos de augas termais, unha orde de apoios á que se destina 1 M €, e que en palabras de Gabriel Alén “a nosa provincia será a gran beneficiaria desa achega que contribuirá a mellorar a calidade dos espazos termais, maioritarios en Ourense”.

De feito, o delegado territorial indicou que poderán ser beneficiaras desta orde de axudas as entidades locais de Galicia que sexan titulares dun aproveitamento lúdico recoñecido como tal segundo a Lei de aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia ou que á data de presentación da solicitude teñan un expediente en tramitación ao amparo desta lei e que no momento da xustificación teñan resolución favorable. Calcúlase beneficiar ao redor dunha decena de instalacións ao longo de 2022 con axudas que chegarán ao 80%.

Apoio ao rural

O delegado territorial explicou que “a Xunta ten como principio fundamental de acción contribuír a que as zonas rurais e os sectores agrícola, gandeiro e forestal participen do progreso social e económico, reducindo as desigualdades entre os territorios e que os sectores primarios se adapten ao contexto dunha economía máis global e competitiva”.

As liñas básicas de acción do Goberno galego centraranse na mellora da calidade de vida e na diversificación económica nas zonas rurais, na mellora da renda agraria, na garantía de produción de alimentos sans e seguros, na mellora da transformación e a comercialización dos produtos, na innovación tecnolóxica e na valorización do monte.

Alén Castro destacou a construción dunha base aérea e aluguer de avións no concello de Verín (3 M €), a construción de 42 pozos para a mellora de regadíos da Limia (3,7 M €) ao que hai que sumar o xa anunciado Centro Integral de Loita contra o lume no Concello de Toén, novas aldeas modelo, proxectos de polígonos agro forestais así como tamén novos pasteiros.

O representante do Goberno Galego puxo en valor o incremento da partida na provincia de Ourense en materia de vivenda,  destacando 761.831 euros para o Concello de Ourense, 170.000 euros para Carballeda de Avia, 526.800 euros para Ribadavia, 10.000 Cenlle, 166.000 para o solo empresarial de Paderne de Allariz e outros tantos para o Concello de Verín, aos que compre sumar 5,5 M euros para a creación da nova planta de biorresiduos neste concello, xunto cos 700.000 euros que se van destinar para modificacións nas plantas xa existentes en A Rúa e Ourense. Tamén se investirá na ampliación do parque empresarial de Xinzo de Limia, neste caso cunha partida de 3,7 millóns de euros, e no Tecnolóxico, con 1,7 M €.

En materia de infraestruturas, cun investimento de 64 millóns de euros para a provincia de Ourense, as obras en materia de estradas reciben a partida máis elevada, con máis de 39 M€, que permitirán continuar co reforzo da seguridade viaria, a mobilidade sustentable e a vertebración do territorio.

As contas reservan máis de 6,6 M€ para obras de conservación, vialidade invernal ou melloras de firmes nas estradas autonómicas da provincia.

No ámbito do transporte, na provincia ourensá a Xunta investirá o próximo ano 18,5 M€, dos que 15,4 M€ se destinarán ao mantemento do Plan de Transporte Público, e Augas de Galicia continuará traballando no reforzo dos sistemas de abastecemento vulnerables, especialmente no rural, para afrontar o cambio climático, destacando os 4,5 M € para abastecementos e saneamento nos concellos de Avión, Leiro, Boborás, Paderne de Allariz, Pereiro de Aguiar, Muíños, San Cibrao das Viñas e Beariz.

Continuarase co proxecto da Rolda Leste, entre a estrada OU-105 en Bemposta e a N-525, para pechar a circunvalación polo sur conectando coa A-52, cunha previsión plurianual de investimento de 6,75 M€ e tamén se impulsará  o acondicionamento da estrada OU-540 entre Celanova e a fronteira portuguesa (1,5 M€) e a mellora da estrada OU-533, entre Valdeorras e a estación do AVE e a A-52 na Gudiña, unha vez que, segundo subliñou Alén Castro,  os criterios impostos polo Goberno de España para o reparto dos fondos Next Generation de Mobilidade impiden avanzar, con maior intensidade nestas actuacións, ao primar os investimentos nos concellos de máis de 50.000 habitantes. As previsións plurianuais de investimento recollidas nos Orzamentos de 2022 para avanzar nestas dúas actuacións acadan os 19,5 M€.

Promoción do turismo e Xacobeo

O delegado territorial destacou o incremento orzamentario nun 88% chegando a preto de 23 millóns de euros das partidas destinadas á promoción do turismo e Xacobeo 21-22, e lembrou a recente posta en marcha do albergue de peregrinos da Gudiña, porta de entrada do Ave en Galicia, ao que temos que se sumar o novos albergues de peregrinos nos concellos de Riós (0,26 M €) e de Piñor (1,13 M €). E tamén destacou  inversións como a sinalización de Camiño de Santiago (1,5M€), fomento do turismo (4,6M€), e Xacobeo (3,2M€).

En materia deportiva, Gabriel Alén lembrou o recente anuncio da remodelación do estadio de O Couto, por valor de 1,6 millóns de euros aos que hai que sumarlles os máis de 250.000 euros para trámites de cesión e urbanización e mais outros 700.000 euros para a renovación do terreo de xogo, así como a reforma e ampliación do Parque Náutico de Castrelo de Miño e o Parque Acuático de Monterrei (5,2 M€).

Cultura, Educación e Universidade

A Xunta inclúe 12,3 M € entre os seus orzamentos para o ano 2022 destinados a executar obras na provincia de Ourense. Compre logo dunha década de posta en marcha de proxectos específicos, dar un salto cualitativo cara a excelencia, e os orzamentos deste ano, en palabras de Gabriel Alén, “proporcionan as ferramentas para acadar este reto, como a Estratexia de Educación Dixital 2030, o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, o Plan de Linguas, o Plan de modernización da FP ou a Estratexia de Inclusión e Atención á Diversidade para os vindeiros anos”.

Entre os grandes proxectos que se levarán a cabo,  o delegado salientou a rehabilitación Integral de tres centros educativos na cidade de Ourense -CEIP Mariñamansa, IES Blanco Amor e IES As Lagoas- (2.922.497,16€); as obras de conservación na Catedral de Ourense (200.000€); a rehabilitación Integral do Cpi Padrenda-Crespos en  Padrenda  (591.473,97€); a rehabilitación Integral do Ceip Manuel Respino da Rúa (534.357,73€); a licitación proxecto de ampliación para distintas familias profesionais do CIFP A Carballeira  (50.000€).

No eido cultural, destacou as obras de restauración e conservación en Pontepedriña. Celanova (175400€); na Igrexa de S. Pedro de Moreiras. Toén (130874€); na Igrexa Macendo. Castrelo de Miño (40.000€); na Igrexa S. Xiao de Lobios (160.000€); en Santo Estevo de Ribas de Sil (300.000€); no Santuario das Ermidas (300.000€) así como no Camiño Real no acceso á fortaleza de Monterrei (491.183,33€).