Este sábado tivo lugar en Vilar de Santos o acto solemne da entrega da VII edición do Premio Pedra Alta, que concede anualmente a Asociación Padroado do Museo Etnolóxico da Limia, como recoñecemento a aquelas persoas ou entidades cuxa obra ou labor é capaz de proxectar unha pegada merecente de consideración nas Terras do Limia, ou fóra delas, se a súa a nacenza acontece neste territorio.
O galardón, consistente nunha réplica, obra do escultor limiao, Xosé Lois Carreira, do menhir situado no corazón da antiga lagoa da Antela, coñecido popularmente como Pedra Alta.
O acto de entrega das distincións, ao que acudiron preto de 200 persoas, desenvolveuse na sede do Museo da Limia e no salón multiusos do concello de Vilar de Santos.
O premio Pedra Alta, foille outorgado nesta séptima edición (2024) ao historiador limiao, don Edelmiro Martínez Cerredelo (Miro).
No acto estiveron presentes:
D. Julio Prada, Catedrático de Historia Contemporánea e Decano da Facultade de Historia do Campus de Ourense
D. Pablo Sánches Ferro, Director do Arquivo Historico Provincial
D. Antonio Blanco, Vicepresidente da Fundación Vicente Risco
D. Manuel Seoane, Presidente do Centro de Cultura Popular do Limia
D. Javier Casares Mouriño, Presidente do Liceo de Ourense
Tamén acudiron os Alcaldes de Xinzo e Vilar de Barrio, á deputada provincial, dona Elvira Lama, varios concelleiros da comarca e, por suposto, o Alcalde de Vilar de Santos.
Tampouco faltou o limiao, que forma parte da Biblioteca da Limia, don Luis Álvarez Pousa, recentemente recoñecido co Premio Xosé Aurelio Carracedo de xornalismo e o autor da réplica da Pedra Alta, o escultor limiao, Xosé Lois Carreira.
O acompañamento musical, nesta xornada de reivindicación da memoria colectiva da comarca limiá, correu a cargo de alumnos e alumnas do Conservatorio Profesional de Música de Xinzo, acompañados da Directora e profesores do centro.
Unha vez rematada a actuación musical, tomou a palabra o Secretario do Padroado, Xoán Jardón, para darlle lectura á acta onde consta a concesión do Premio Pedra Alta de 2024 a Don Edelmiro Martínez Cerredelo. Despois, o Decano da Facultade de Historia, en compañía da Xunta Directiva da Asociación, entregoulle o premio ao galardonado, despois de facer unha loubanza do traballo de Miro, como historiador local de paso que deixaba constancia da necesaria simbiose entre Memoria e Historia.
Antes de escoitar a lección maxistral de don Edelmiro Martínez Cerredelo, fixo a súa laudatio, o presidente do Centro de Cultura Popular do Limia e membro do Consello Asesor do Padroado, Manuel Seoane, quen nsos de detallou a vida e obra do limiao agasallado co Pedra Alta de 2024.
O homenaxeado desenvolveu a súa lección maxistral sobre “A vida do guerrilleiro limiao Juan Sorga”. Martínez Cerredelo ilustrou aos presentes, narrando cunha pulcra e documentada minuciosidade as actividades da guerrilla na nosa comarca, onde Juan Sorga (Cortegada-Sarreaus, 1921) tivo un papel preponderante e mesmo documentou aos asistentes sobre a segunda vida deste loitador antifranquista, finado en Madrid en 2009, despois de andar fuxido varios por España e Francia.
Finalmente, o acto foi clausurado por Delfín Caseiro, Presidente do Padroado, quen salientou a labor do Padroado da promoción da nosa cultura, amais de afirmar que este acto, o dos Premios Pedra Alta é un dos máis importantes da Asociación do Museo da Limia, que non deixa de apostar por facer país dende o espazo territorial no que desenvolve a súa labor: A Limia.