Máis de 190.000 euros en subvencións para cooperación con entidades locais e cultura

A xunta de goberno da Deputación de Ourense, reunida hoxe por vía telemática baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou a concesión de máis de 190.000 euros en subvencións para cooperación con entidades locais e actividades culturais. 

Publicidade

No primeiro dos capítulos, a cooperación cos concellos, aprobouse unha achega de 80.000 euros ao Concello de Sarreaus para o asfaltado de vías de titularidade municipal en oito núcleos de poboación: Cortegada, Melias, Codosedo, Pazos, Paradiña, Pedroso, Sarreaus e Sas. Este mesmo concello percibirá unha segunda subvención, por importe de 48.000 euros, para o arranxo das piscinas. Ademais, San Xoán de Río contará cunha subvención de preto de 29.600 euros para a potabilización de auga nos núcleos de San Xoán, Argas e Xunquedo, mentres que Xinzo de Limia recibirá unha axuda de 13.000 euros para a Festa do Esquecemento deste ano. 

Polo que se refire a cultura, a Xunta de Goberno aprobou unha subvención de máis de 21.000 euros a favor da produtora Ollo Vivo para o espectáculo “Semente de Nós”, que ten como base o centenario da publicación do primeiro número da revista Nós. Na orde do día tamén figuraba unha resolución pola que se desestimou un recurso de reposición contra un expediente de expropiación para as obras de saneamento e acondicionamento de camiños no municipio da Peroxa.