O Psdeg saca adiante por unanimidade a proposta para que a Xunta active un programa urxente para blindar aos menores ante o uso problemático de internet

A deputada socialista Marina Ortega defendeu a necesidade de adoptar medidas por unha cuestión “de saúde pública e de convivencia” e remarcou que “a prevención na saúde da infancia sempre será a mellor inversión que pode facer unha sociedade avanzada”

O Grupo Socialista sacou adiante hoxe por unanimidade a proposta para instar á Xunta poñer en un programa de medidas, orzamentado con fondos propios, coa finalidade de dar unha resposta efectiva ao uso problemático da Internet e das redes sociais por menores e adolescentes. A  voceira de Política Social do PSdeG, Marina Ortega, liderou esta iniciativa ante as graves consecuencias que implica ese uso problemático, e que ademais está tendo un maior impacto nun contexto difícil derivado da pandemia e da recente guerra de Ucraína.

AVANTAR ACTIVIDADES

Neta liña, Marina Ortega animou a tomar consciencia de que “estamos inmersos en acontecementos sen precedentes que afectarán á saúde mental de moitas persoas, especialmente na poboación infantil e adolescente”. Por iso, “a inmediatez das nosas actuacións determinará o futuro desenvolvemento e prognóstico dos mesmos”.

Entre os problemas derivados do uso problemático de Internet entre menores e adolescentes, a deputada socialista enumerou, por exemplo, que cada vez existen máis conflitos familiares entre pais e fillos, así como máis trastornos do sono, da alimentación ou de malos hábitos en menores a causa do mal uso das tecnoloxías. Tamén puxo o acento na adicción aos videoxogos, a falta de aceptación da propia imaxe ou o acceso á pornografía dende idades moi temperás, o que ten unha maior afectación sobre as mulleres.

“Cando todo isto pasa, hai que tomar medidas de calado”, proclamou porque “non podemos deixar que a autoestima dos nosos fillos se mida nunca en número de likes”.

A maiores, Marina Ortega advertiu de que as listas de agarda nas unidades de saúde mental infantoxuvenil está a ser “inasumibles para os problemas dos que estamos a falar”. Trátase dun escenario que “entorpece o bo curso do tratamento que os grandes profesionais que temos precisan para atender de xeito apropiado aos menores con problemas de saúde mental”. Así, consciente de que se trata “dun gran desafío”, tamén remarcou a necesidade de que se tomen medidas de maneira urxente “por un problema de saúde pública e de convivencia”.

Tras incidir en que “a grandes retos fan falta grandes solucións”, Marina Ortega tamén subliñou que “a prevención na saúde da infancia sempre será a mellor inversión que pode facer unha sociedade avanzada”. Así, non só avogou por “poñer na axenda política o foco en cuestión para que se traslade á opinión pública”, senón que tamén “temos a obriga moral de dar solucións potentes e ambiciosas cando se trata da saúde dos menores”.

Na súa exposición, Marina Ortega defendeu que ese programa de medidas debe ter carácter integral e transversal e, polo tanto, debe incluír accións coordinadas en diferentes niveis como o da educación, o da sanidade, o da seguridade, o da familia ou o dos servicios sociais e igualdade.

Tamén debe ser comunitario para que conte coa participación e o consenso de diferentes institucións e axentes sociais. Ao mesmo tempo sinalou que debe estar enfocado a dar unha resposta eficaz, en tempo e forma, e baseado na evidencia científica para que sexa pilotado por expertos da nosa comunidade, co asesoramento dun consello científico internacional.

No acordo transaccionado no Pleno do Parlamento, tamén se incide en que permitirá actualizar a carteira de servizos en materia de prevención de adicións, incorporando intervencións específicas sobre o uso axeitado de dispositivos e tecnoloxías dixitais. A maiores tamén dará máxima prioridade á prevención como mellor ferramenta para conseguir que os adolescentes fagan un uso responsable das novas tecnoloxías, aproveitando as súas potencialidades e evitando os riscos asociados ao seu uso.

RECOÑECEMENTO A EXPERTOS, ACTIVISTAS E ENTIDADES SOCIAIS

Nesta liña, Marina Ortega puxo de relevo a presenza no salón de plenos do Parlamento, seguindo o debate, do profesor Rial, líder do equipo universitario galego no que Unicef España se fixou para realizar o Estudo sobre uso problemático de internet en adolescentes. “El hoxe simboliza e representa”, subliñou, “o gran talento que temos en canto a expertos e investigadores na universidade pública galega, capital humano que temos que saber aproveitar para aplicar as políticas que fagamos”.

Tamén enfatizou a presenza dunha representación da Plataforma Galega pola Infancia, coa súa vicepresidenta Mónica Viqueira, quen “representa hoxe máis ca nunca aos movementos sociais e activistas que loitan día a día polos dereitos da infancia no momento histórico tan complexo e sen precedentes que estamos a vivir, cunha crise humanitaria que afecta duramente a centos de miles de nenos e nenas”.

Tamén lembrou a moitas outras entidades que “directa e indirectamente loitan todos os días na sombra polos dereitos e a protección dos menores e que ante os acontecementos que estamos a vivir coa invasión de Ucraína”.

Marina Ortega fixo un a todos eles recoñecemento pola “loita constante por protexer e blindar o benestar nosos nenos e nenas”. De maneira complementaria, expresou o seu apoio aos distintos gobernos e administracións “para afrontar unha situación de violación do dereito internacional sen precedentes”.

Nesta liña reiterou o impacto que estas situacións poden ter para “os nosos fillos e fillas” ao medrar “nun contexto moi difícil de dixerir”. “Todo isto”, advertiu, “ten consecuencias, e unha delas é que moitos deles refuxiáronse nas redes sociais ou nas novas tecnoloxías”.

TEXTO DO ACORDO APROBADO HOXE NO PARLAMENTO

O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a elaborar un programa de medidas, orzamentado con fondos propios, coa finalidade de dar unha resposta efectiva ao uso problemático da Internet e das redes sociais por menores e adolescentes e que responda necesariamente aos seguintes criterios:

1. Carácter integral/tranversal (que inclúa accións, no ámbito das competencias autonómicas,  coordinadas nos diferentes ámbitos: educativo, sanitario, social,…)

2. Comunitario, consensuado: incorporará achegas que poidan realizar diferentes institucións, expertos na materia e axentes sociais ao respecto.

3. Permitirá actualizar a carteira de servizos en materia de prevención de adicións, no marco do proceso de elaboración dunha nova Lei de prevención de adicións en persoas menores de idade en Galicia, incorporando intervencións específicas sobre o uso axeitado de dispositivos e tecnoloxías dixitais.

4. Dará máxima prioridade á prevención como mellor ferramenta para conseguir que os adolescentes fagan un uso responsable das novas tecnoloxías, aproveitando as súas potencialidades e evitando os riscos asociados ao seu uso.