240 inscritos na BTT ruta do cocido de Trasmiras deste domingo

IES CHAMOSO LAMAS
  • A primeira proba do calendario galego, que estaba prevista para o pasado 9 de xaneiro, tivo que ser adiada pola situación sanitaria.
  • Haberá dous percorridos, de 44 e 64 kilómetros. O premio será un bo cocido nun restaurante de Viladerrei.

A primeira proba de BTT do calendario galego, prevista para o pasado 9 de xaneiro e que tivo que adiarse a causa da situación sanitaria, volve esta fin de semana a Trasmiras con 240 inscritos e dous percorridos: de 44 e de 64 quilómetros. Como é habitual, non haberá crono nin trofeos para os primeiros en completar a volta. “Facemos festa, unha xornada entre amigos”, di José Alvar, o presidente do BTT Nocelo da Pena, organizador da proba.

O control de firmas e entrega de dorsais abrirase ás 08:00 horas deste domingo, 13 de marzo, na saída, diante da Casa do Concello de Trasmiras. O comezo está previsto para as 09:30 horas. A ruta curta (44 quilómetros) presenta un desnivel de 795 metros e unha dificultade moderada. A ruta longa (64 quilómetros) ten un desnivel de 1.207 metros e unha dificultade tamén moderada. 

HIPER MASIDE

O percorrido curto transcorre desde Trasmiras cara o norte, polo concello de Sarreaus, un camiño até Lodoselo e regreso que toca na parte final tamén terras de Cualedro. O máis longo inclúe unha volta cara o leste, pola zona das Estivadas, no concello de Monterrei. 

Haberá participantes de toda Galicia, aínda que o 84% son da provincia de Ourense, segundo unha estatística que difundiu onte a organización. Tamén hai inscritos de Albacete, Euskadi, León, Madrid e Toledo. “En xaneiro xa tiñamos completa a inscrición. Non podemos reunir máis xente porque a organización sería máis complexa. Cando decidimos aprazar, apenas houbo vinte baixas, e en canto abrimos de novo a inscrición para marzo, esgotáronse nuns días”, conta o presidente do clube.

“Somos unha proba asentada, moi coñecida por ser sempre a primeira do ano. O percorrido é sinxelo, pero a característica diferencial é que se disputaba con condicións meteorolóxicas extremas. Un ano saímos nevando, houbo outro de empezar cunha temperatura de -15 graos”. Para este domingo non se prevé tanto frío, aínda que a temperatura estará ao redor dos 0 graos á hora da saída, e hai risco alto de chuvia.


A organización conta cun orzamento que non chega aos 2.500 euros. O apoio principal vén do Concello de Trasmiras, que limpa camiños e bota unha man coas cuestións administrativas. “O papeleo, permisos, comunicacións… é terríbel”, confesa José Alvar, “pero non nos podemos queixar, temos moito apoio do Concello de Trasmiras e moitos patrocinadores tamén de Xinzo e Sarreaus”.


Despois da competición ciclista, haberá unha comida (o cocido) nun restaurante de Viladerrei. Este ano, algo menos concorrida, para 80 persoas. A Ruta do Cocido en Trasmiras é “unha xuntanza de aficionados á bici e á montaña”, di Alvar, “esperamos recibir á xente da Merca e de Taboadela, onde teñen outras probas nas que participamos. A de Taboadela a última vez fomos uns 50 de aquí, veciños de Trasmiras e Sarreaus. Agora devolverán a visita”.