O evento, presentado hoxe no Pazo Provincial, alcanza a súa cuarta edición mesturando a historia e a lenda da raíña Dona Urraca que a tradición popular sitúa no Concello do Bolo, así como coa modernidade ao ser retransmitido por internet e ofrecer ao público a oportunidade de visitar, tamén a través da rede, a exposición de gaitas ibéricas que acolle o castelo
Tamén foi presentado o Anuario da Gaita 2020, que na súa edición número 35 fai unha especial referencia ao doutor alemán Friz Schneider, que dedicou máis de trinta anos á investigación da iconografía da gaita en toda Europa
A música máis tradicional volverá sonar no castelo do Concello do Bolo o próximo sábado, día 30, coa celebración do IV Festival Medieval que reunirá a preto de cen músicos nunha cita na que se renderá homenaxe ao polifacético gaiteiro coruñés Xosé Casal, cuxo autorretrato figura no programa do evento que se deu a coñecer esta mañá no Pazo Provincial, onde tamén se presentou o Anuario da Gaita de 2020. Neste acto participaron o vicepresidente da Deputación, César Fernández; o alcalde do Bolo, Manuel Corzo; o director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo; e a cantante María do Ceo.
César Fernández subliñou que con este festival “recuperamos os espazos de convivencia e actividade cultural a través dun intenso programa de actuacións musicais que porán en valor a tradición medieval nun lugar tan fermoso como o Castelo do Bolo”. Unha aposta continua da Deputación pola cultura, dixo, que tamén se reflicte no Anuario que elabora a Escola Provincial de Gaitas “como publicación de referencia para todas as persoas que se achegan a este instrumento tanto desde o ámbito da investigación como da interpretación”.
Pola súa banda, Xosé Lois Foxo indicou que a filosofía deste evento é destacar a mestura entre a historia e a lenda da raíña Dona Urraca, “que a tradición popular sitúa no Concello do Bolo e en varias localizacións da comarca de Valdeorras”, presenza recollida nun romance que o propio director da Escola Provincial de Gaitas presentará no festival. Esta cuarta edición, sinalou, renderá homenaxe ao gaiteiro coruñés Xosé Casal, “un home polifacético no ámbito das artes xa que ademais de estar considerado como o mellor gaiteiro da súa época tamén ten un amplo traballo como compositor, pintor e escultor”. Ademais, destacou a mestura da tradición coa modernidade, xa que o festival será retransmitido por internet “para chegar a todas partes xunto cun código QR que estará a disposición do público para que poda acceder á exposición de gaitas ibéricas que acollerá o castelo”.
No tocante ao Anuario da Gaita 2020, Xosé Lois Foxo explicou que a 35 edición desta publicación “recolle como sempre estamos a facer traballos científicos que de xeito desinteresado aportan colaboradores de todas partes do mundo, cunha especial referencia ao doutor alemán Friz Schneider que dedicou máis de trinta anos á investigación da iconografía da gaita en toda Europa”.
Manuel Corzo agradeceu a colaboración da Deputación de Ourense e de modo especial do presidente, Manuel Baltar, “que apoia todas estas iniciativas como unha forma de dar a coñecer o concello e o seu patrimonio cultural, con dúas xoias como o castelo e o santuario das Ermitas”. María do Ceo, entre tanto, dixo ser “unha honra colaborar neste proxecto marabilloso no que se ensalza musicalmente á provincia de Ourense”, ademais de ofrecerlle a oportunidade de se achegar por primeira vez ao Bolo.
O programa do IV Festival Medieval do castelo do Bolo comezará as 17.30 horas co himno do evento interpretado polos trompeteiros apostados na torre, aos que seguirá a banda de gaitas do Bolo, o romanceiro Xosé de Aceveda, Xabier Franco, María do Ceo, as Cantoras de Trives, o grupo de zanfonas da Escola Provincial de gaitas e os Gaiteiriños da Coruña homenaxeando a Xosé Casal. Continuará o programa coas Cantareiras da Real versionando o Romance de Dona Urraca, as Cantareiras da Seitura de Lentellais e o gaiteiro Xan Carlos Rilo, pechando o festival unha actuación conxunta da Real Banda e da banda de gaitas do Bolo. Os participantes recibirán como agasallo unha copia en cerámica das figuras do pesebre, gaiteiro e tambolireiro das Ermitas que forman parte do conxunto escultórico do Nadal.