O pleno do Debate sobre o estado da provincia celebrarase o próximo 16 de novembro

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou hoxe o decreto de convocatoria do pleno do Debate sobre o estado da provincia, fixado para o 16 de novembro, e de cuxa celebración foron informados os grupos políticos durante a xunta de portavoces deste pasado luns. A Deputación ourensá converterase así unha vez máis na única institución provincial de Galicia, e unha das poucas de España, en celebrar este tipo de debates. En concreto, a do presente ano será a sexta convocatoria que se realiza, seguindo o establecido no Código Ético e de Conduta da Deputación, logo dos plenos extraordinarios celebrados desde 2014, agás no ano 2015 por coincidir en período preelectoral.  

Aínda que todas as comisións e plenos ordinarios “constitúen unha oportunidade para afondar na xestión política”, dixo Manuel Baltar, “o Debate do estado da provincia é o escenario perfecto para poñer de relevo a autonomía na xestión da provincia, tal e como recolle a Constitución española”. A sesión do 16 de novembro, engadiu, “é unha gran oportunidade para que os grupos políticos e os deputados non adscritos presenten as súas propostas para o futuro da provincia”, destacado que desde a presidencia da Deputación “tamén farei públicos unha serie de anuncios que van na dirección de profundar no autogoberno provincial, potenciar a colaboración público-privada e abrir novos espazos para que a veciñanza teña claro o incuestionable liderado da Deputación de Ourense entre as administracións públicas, nas que somos un referente de xestión tanto a nivel nacional como internacional”. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Para o Debate, que principiará ás 10.00 horas, os grupos políticos poderán presentar ata un máximo de dez propostas de resolución, que no caso dos deputados non adscritos reducirase a cinco. As propostas poderán rexistrarse ata o 12 de novembro. A sesión desenvolverase no formato de anteriores edicións, coa intervención inicial do presidente por un tempo máximo de vinte minutos, ao que seguirán os portavoces dos grupos políticos por espazo de dez minutos, que serán cinco para os deputados non adscritos, en orde crecente segundo o número de representantes. Tras estas intervencións, o pleno suspenderase durante media hora para que os portavoces podan negociar posibles acordos. No último tramo do pleno o presidente da Deputación disporá de dez minutos, os portavoces de cinco e os non adscritos de tres, para finalizar cunha última intervención de Manuel Baltar.