A Deputación aproba por unanimidade o Plan de Sustentabilidade Turística que permitirá investir máis de 3 millóns de euros no Ourense Termal

En colaboración coa Secretaría de Estado de Turismo e a Axencia Turismo de Galicia, a institución provincial xerará maior competitividade en quince municipios termais rurais con novas infraestruturas, servizos e equipamentos para presentar unha oferta turística innovadora e sostible 

Na sesión ordinaria de outubro aprobáronse definitivamente os orzamentos para o ano 2022, por un importe de 85,7 millóns de euros, así como os plans de Mocidade, Empregabilidade e Limpeza de marxes viarias.  

AVANTAR ACTIVIDADES

A corporación provincial referendou tres declaracións institucionais, dúas delas sobre a recuperación do ferrocarril como servizo público, de calidade, proximidade e social, e unha terceira en apoio da reclamación dun máster exclusivo en Enxeñería Aeronáutica no campus de Ourense  

 O pleno ordinario da Deputación de Ourense, correspondente ao mes de outubro, aprobou hoxe por unanimidade o convenio de colaboración entre a Secretaría de Estado de Turismo, a Axencia Turismo de Galicia e a Deputación de Ourense para a execución do Plan de Sustentabilidade turística en Ourense Termal, cuxo obxectivo é xerar competitividade en quince municipios termais rurais co investimento de máis de tres millóns de euros nas anualidades 2022-2024, dos que a Deputación achegará preto de 400.000 euros. Da contía total, case dous millóns destinaranse a infraestruturas, servizos e dotación de equipamentos que permitan presentar unha oferta turística innovadora e sostible, ademais de realizar captacións hidroxeolóxicas orientadas a futuros investimentos. 

O Plan, aprobado o pasado 28 de xullo pola Conferencia Sectorial de Turismo, sendo un dos 23 proxectos elixidos entre 301 candidaturas, abordará desde a súa singularidade termal o deseño de modelos turísticos máis competitivos e sostibles tanto no medio rural como nos destinos urbanos, así como tamén en espazos naturais protexidos. 

Cinco son os eixos de actuación nos que se distribúen os proxectos a desenvolver. O primeiro xira en torno á gobernanza colaborativa e intelixencia turística, e inclúe entre outras iniciativas un sistema de fontes de información turística e a creación da sede do Observatorio Mundial do Termalismo. No segundo capítulo, crecemento sostible, figura o “eco-barco termal” e o desenvolvemento de dermocosmética e creación de produtos coa imaxe do Ourense Termal.  

O terceiro eixo, transformación competitiva, abrangue un programa de investigación para a mellora da calidade de vida, I+D+I aplicado á hixienización da auga mineromedicinal en equipos termais de uso colectivo, captacións e declaracións de utilidade pública como auga mineiro medicinal, e mellora da formación e apoio a proxectos. No cuarto punto, espazo turístico, empresas e persoas, proponse a mellora e remate de infraestruturas e un miniparque termal lúdico-pedagóxico; e por último, en quinto lugar, traballarase no marketing turístico con produtos que inclúan o Camiño de Santiago, deporte, natureza, rutas termais e a visita de prescritores estratéxicos. 

Na sesión desta mañá tamén se aprobaron definitivamente os orzamentos da Deputación de Ourense para o ano 2022, por un importe de 85,7 millóns de euros, un 7 % máis que no presente exercicio o que supón un incremento de seis millóns. O acordo supuxo, ademais, o rexeitamento das alegacións presentadas ao plan económico, a proposta do preceptivo informe emitido polos servizos de Intervención da Deputación. 

A corporación provincial aprobou ademais as bases reguladoras de tres plans de cooperación para 2022: Mocidade, dotado con 549.000 euros para financiar as actividades que os concellos de menos de 20.000 habitantes organicen para os máis novos; Empregabilidade, cun importe de 1.830.000 euros para axudar ao mantemento dos servizos de competencia municipal mediante a contratación de persoal; e Limpeza das marxes viarias municipais e provinciais, que con 350.000 euros ten como obxectivo garantir o mantemento das estradas en axeitadas condicións de seguridade, así como cumprir coa lexislación galega en prevención de incendios. 

Entre outros asuntos, na orde do día tamén figuraban senllas declaracións institucionais, ambas sobre o ferrocarril e a proposta da Confederación Xeral do Traballo e Comisións Obreiras, nas que se recollen a problemática deste medio de transporte na provincia de Ourense pola supresión de servizos e conexións de media distancia, a falta de atención persoal nas estacións, a redución de postos de traballo e falta de mantemento de infraestruturas, polo que se solicita a recuperación do ferrocarril como servizo público e de calidade, proximidade e social. A estas dúas declaracións engadiuse unha terceira presentada pola Plataforma pro-campus de Ourense para solicitar á Xunta de Galicia que se pronuncie a favor da implantación dun máster exclusivo en Enxeñería Aeronáutica antes do 15 de novembro, data límite para iniciar o proceso de verificación das titulacións que se desexen ofertar na primavera de 2022 para ser cursadas en setembro dese mesmo ano. 

A relación de temas tratados no pleno inclúe a desestimación das alegacións presentadas á modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) da Deputación na área de Asesoría Xurídica e a súa aprobación definitiva; unha segunda modificación da RPT pola que se suprime un posto de persoal eventual ao servizo do grupo político de Democracia Ourensana; a delegación de competencias do Concello de Carballeda de Valdeorras sobre abastecemento de augas; a actualización das taxas da recollida intermunicipal de lixo para 2022; unha modificación do plan provincial de cooperación coa incorporación de oito obras ao plan principal da rede viaria de 2021 por un importe próximo a 388.000 euros, con cargo a remanentes obtidos por baixas na adxudicación de obras; así como un acordo para solicitar ao Instituto Galego da Vivenda e Solo e á Xunta de Galicia que nos terreos que conformarían o parque empresarial de Taboadela se desenvolvan proxectos estratéxicos para a provincia de Ourense. 

A totalidade dos acordos do pleno foron os seguintes: 

Declaración institucional sobre a problemática do ferrocarril na provincia de Ourense 

A corporación provincial de Ourense reivindica: O compromiso institucional pola defensa do ferrocarril de proximidade, público e social na provincia de Ourense; o restablecemento inmediato dos servizos ferroviarios públicos de media distancia previos ás medidas adoptadas por mor do estado de alarma superado en maio de 2021; o restablecemento dos trens transversais Galicia-Euskadi e Galicia-Cataluña, imprescindibles para as comarcas orientais de Ourense; implantación de novos servizos de proximidade que enlacen coa Alta Velocidade e demais servizos comercias de longo percorrido, para tecer unha rede eficiente de comunicación ferroviaria entre as bisbarras e núcleos de poboación da provincia, co resto da comunidade autónoma e estado; a dotación da infraestruturas e recursos humanos necesarias para ofertar un servizo público digno e de calidade aos cidadáns da provincia, coa reapertura de estacións e dispensadores de billetes con venda e atención ao público presencial, e persoal de abordo de condución e intervención; harmonización das tarifas dos servizos públicos de media distancia-Avant co resto da comunidade autónoma; investimento para o mantemento regular e mellora das liñas de ancho convencional que percorren a provincia para unha circulación segura e eficiente dos nosos trens. 

Ourense e a súa provincia forman parte dun importante e antigo nó ferroviario da Rede Ferroviaria de Interese Xeral e cunha importante e extensa infraestrutura que debe ser aproveitada e explotada a prol dos veciños; negámonos a finalmente ficar como estación de paso e apoiamos promover, aproveitar e explotar estes recursos de acordo cos tempos e atendendo ás recomendacións sobre emerxencia climática ou despoboamento rural. 

Declaración institucional en defensa do ferrocarril público e social 

Os representantes políticos da Deputación de Ourense piden reverter o antes posible a situación do ferrocarril e traballar a prol da súa recuperación como servizo público e de calidade para a cidadanía da nosa provincia. 

Hai que lembrar tamén que 2021 é o Ano do Ferrocarril a nivel europeo, e en España estamos a desmantelala e non só se privatiza un sector importante a nivel estratéxico e laboral, senón un servizo público e social clave para toda a cidadanía, e en especial para Ourense e toda a súa poboación rural, que se ven ameazadas polo despoboamento debido á falta de servizos. 

Resolución de alegacións á modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) 

Desestimar as alegacións e aprobar definitivamente as modificacións na vixente Relación de Postos de Traballo da Deputación de Ourense, mediante a corrección de erros, que inclúe o requisito do grao en Dereito, ou equivalente, como titulación requirida para o desempeño do posto de xefe do gabinete e de subdirector da Asesoría Xurídica e Asistencia a Municipios, así como nos dous postos de asesor xurídico. 

Modificación da RPT sobre persoal eventual 

Aprobación inicial da modificación da RPT, de tal xeito que se engade ao Gabinete de Presidencia un posto de asesor e suprímese un posto de asesor de grupo político ata agora ao servizo de Democracia Ourensana. 

Delegación de competencias de Carballeda de Valdeorras 

Aceptar a delegación de competencias formulada polo Concello de Carballeda de Valdeorras a favor da Deputación de Ourense para a recadación executiva da taxa polo abastecemento de auga. 

Servizo intermunicipal de recollida de residuos 

Aprobar inicialmente a modificación dos anexos I e II da vixente ordenanza fiscal reguladora das taxas do servizo intermunicipal delegado de recollida, tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos e dos puntos limpos da provincia de Ourense, para a actualización en 2022. 

Bases de execución do orzamento de 2021 

Aprobación inicial da modificación das bases de execución do orzamento xeral da Deputación de Ourense para o exercicio 2021, no que se refire á solicitude do Concello de Lobios para o cambio de obxecto dunha subvención nominativa por importe de 40.000 euros que pasa a ser para “Local social de Lobios”. 

Transferencia de créditos 

Aprobación de transferencia de crédito entre distintas áreas de gasto do exercicio de 2021 por valor de 117.500 euros para suplementar o pagamento de comisións bancarias. 

Resolución de alegacións e aprobación do orzamento de 2022 

Inadmisión da reclamación administrativa polo grupo provincial do PSdeG-PSOE contra a aprobación inicial do orzamento xeral da Deputación de Ourense para o exercicio 2022 e a aprobación definitiva do orzamento, integrado polos orzamentos da entidade, do organismo autónomo INORDE e do Consorcio Provincial de Ourense para a prestación do Servizo contra Incendios e de Salvamento. 

Plan de Mocidade 

Aprobación  inicial das bases reguladoras do programa provincial de cooperación cos concellos e a entidade local menor de Berán en materia de mocidade para o exercicio 2022. 

Plan de Empregabilidade 

Aprobación  inicial das bases reguladoras do programa provincial de cooperación cos concellos e a entidade local menor de Berán en materia de empregabilidade para o exercicio 2022. 

Plan de Limpeza de marxes viarias 

Aprobación inicial das bases reguladoras do programa provincial de cooperación cos concellos e mancomunidades para a realización de actuacións de limpeza das marxes das redes viarias municipal e provincial no exercicio 2022. 

Modificación do Plan de Cooperación 

Aprobación inicial da modificación do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2021, consistente na incorporación de obras ao plan principal da rede viaria provincial de 2021, con cargo a remanentes obtidos por baixas na adxudicación de obras. 

Plan de Sustentabilidade turística en Ourense Termal 

Aprobar o convenio de colaboración entre a Secretaría de Estado de Turismo, a Axencia Turismo de Galicia e a Deputación de Ourense para a execución do Plan de Sustentabilidade turística en Ourense Termal 

Parque empresarial de Taboadela 

Solicitar ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e á Xunta de Galicia que nos terreos que conformarían o denominado “Parque empresarial de Taboadela” desenvolvan proxectos estratéxicos para a provincia de Ourense. 

Máster en Enxeñería Aeronáutica 

Instar á Xunta de Galicia a que emita un informe previo de envío á verificación favorable para un Máster Exclusivo en Enxeñería Aeronáutica no campus de Ourense antes da data límite do vindeiro 15 de novembro.