Manuel Baltar anuncia o compromiso do grupo provincial de Goberno para impulsar “a normalización da lingua galega a todos os niveis”

Así consta no manifesto que o presidente provincial e as trece deputadas e deputados que apoian o goberno provincial asinaron hoxe no Concello do Irixo, ao remate da andaina “Camiño de Nós”, organizada para conmemorar o 101 aniversario do primeiro número da revista Nós facendo unha parte do traxecto que en 1926 percorreron varios membros desta xeración na súa peregrinaxe a Santiago de Compostela 

A proposta concretarase nun conxunto de medidas que, avaliadas por especialistas na materia, será presentada ao pleno da institución “para lograr o maior consenso posible”, reflicte o documento 

AVANTAR ACTIVIDADES

 O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, anunciou hoxe o compromiso do grupo provincial de goberno para impulsar “a normalización da lingua galega a todos os niveis”, proposta que se concretará nun conxunto de medidas que, avaliadas por especialistas na materia, será presentada ao pleno da institución para lograr o maior consenso posible”. Así consta no manifesto que hoxe asinaron no Concello do Irixo Manuel Baltar e as trece deputadas e deputados que apoian o goberno provincial, ao remate da andaina “Camiño de Nós”, organizada para conmemorar o 101 aniversario do primeiro número da revista Nós. 

Os participantes na andaina saíron da Insua dos Poetas, no Carballiño, para facer un percorrido de preto de oito quilómetros que rematou na Ponte do Irixo, “vieiro que fixeron no verán do Ano Santo de 1926, entre Ourense e Santiago de Compostela, os galeguistas Vicente Risco, Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas, Afonso Vázquez Monxardín, Lois Feixóo, Antón Sánchez  e Xavier Prado”, segundo recolle o manifesto. 

Os asinantes do documento renovaron o seu “circio compromiso co idioma galego, lingua propia de Galicia, como establece o vixente Estatuto de Autonomía, referendado e aprobado pola vontade soberana do pobo galego en 1981”. 

No manifesto, as deputadas e deputados declararon “o noso orgullo de galego falantes”, lembrando un vello pergamino de abril de 1228, conservado en Allariz, o Foro do Burgo de Castro Caldelas, considerado polos estudosos e investigadores como o documento máis antigo en lingua galega. “Animados polo espírito de afirmación galega”, con esta sinatura sumáronse a nomes destacados da literatura e a poesía ourensás, “ás ideas do sabio Frei Benito Jerónimo Feijóo acerca da nosa lingua, os poetas e xoglares medievais nados en Ourense que trobaron en galego, pola voz indomable de Manuel Curros Enríquez no rexurdimento, e polos escritores e escritoras que engrandeceron o idioma de noso, dende Valentín Lamas Carvajal a Xosé Luís Méndez Ferrín, e dende Pura Vázquez a Chus Pato”. Pero sobre todo, “as ourensás e ourensáns que alentaron a súa fala no lume do fogar, nas angueiras, nas ledicias e nas mágoas, dentro e fóra, alí onde os levase a vida”. 

A lingua propia constitúe “o cerne da identidade galega”, di o manifesto no que se compromete dar pulo ao idioma galego “dende a peculiaridade ourensá, dende a ourensanía, sentimento común que trascende límites administrativos e non entende de fronteiras”. 

O documento remata coas palabras de Eduardo Blanco Amor no número 145 da revista Nós, con motivo do 50 aniversario da publicación, que definen o ourensanismo como “unha sorte de deslocalización, refinamento e trascendencia do pulo galeguizante, dun filtro ourensán que sempre se traduce en compromiso, que condiciona e decanta, que enche as eivas, que complementa con fina ironía crítica, que vai por diante”. 

A andaina de hoxe e maila sinatura do manifesto engádese ao anuncio realizado por Manuel Baltar durante o acto de entrega do título de Fillo Predilecto da provincia ao escritor Alfredo Conde, no que alertou sobre “a saúde da lingua propia de Galicia” e a iniciativa de sufragar e realizar nun concello da provincia un traballo de campo, levado a cabo por sociolingüistas, que permita determinar “o estado do idioma galego nun espazo territorial que tamén integra e engrandece a Galicia, sempre disposto a promover o uso e a pervivencia do idioma propio”.