A Deputación promove unha xornada de formación en xestión deportiva municipal

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acollerá o mércores, día 10, unha xornada de formación en xestión deportiva municipal, promovida pola Deputación de Ourense e organizada pola Asociación Galega de Xestores Deportivos (AGAXEDE), co obxectivo de achegar aos pequenos e medianos concellos unha visión actualizada dos novos retos do desenvolvemento do deporte a nivel local. A presentación desta iniciativa tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, coa asistencia do vicepresidente Rosendo Fernández, o presidente e coordinador xeral da asociación, Eduardo Blanco e Cristian Florin, e o asesor de Deportes da institución provincial, Bernardino González. 

A xornada formativa, de catro horas de duración, de carácter gratuíto e previa inscrición en agaxede.org, contará coa presenza de Laureá Fanega Macías, xefa do servizo de Deportes do concello catalán de Hospitalet e doutora en Ciencias da Educación Física, que impartirá dous obradoiros sobre a xestión deportiva na era dixital, abordando aspectos como a aplicación da tecnoloxía e os beneficios que implica para este ámbito nas organizacións municipais. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Rosendo Fernández destacou “a oportunidade que terán os participantes de interactuar presencialmente  nesta actividade, unha vez superados os atrancos provocados polos momentos máis duros da pandemia”, mentres que Eduardo Blanco sinalou que este novo curso “referenda a colaboración que desde hai dez anos mantemos coa Deputación de Ourense, e nesta edición cunha perspectiva, a dixital, que resulta novidosa”.