A Xunta inicia o proxecto integral de escavación, conservación e acondicionamento no Castelo da Pena

  • Os traballos adxudicados por máis de 200.000€ centraranse fundamentalmente na muralla exterior, unha das zonas menos visibles actualmente por mor da vexetación
  • Actuarase tamén noutros elementos como o torreón acaroado á torre da homenaxe de cara a rematar o seu bailerado e documentar o pavimento
  • A intervención complétase co acondicionamento dos circuítos de visita ao sitio e coa instalación de sinalética que permita realizar un percorrido autoguiado

A Xunta de Galicia inicia hoxe o proxecto integral de escavación, conservación e acondicionamento do Castelo da Pena, no concello de Xinzo de Limia. Trátase dunha actuación que conta cun investimento de máis de 200.000€ e que durante 9 meses se centrará fundamentalmente na muralla exterior, unha das zonas menos visibles na actualidade.

En concreto, a intervención que se pon hoxe en marcha consistirá na limpeza da muralla exterior do castelo que se sitúa nunha zona de forte pendente moi cuberta de vexetación e de restos de derrubes, o que dificulta a súa visualización por parte dos visitantes. Así, os técnicos traballarán para investigar e actualizar a documentación existente neste sitio, ademais de para deixar á vista unha parte importante que permita comprender e explicar o conxunto.

AVANTAR ACTIVIDADES

Tamén se actuará sobre o torreón acaroado á torre da homenaxe, de cara a rematar a súa escavación e conservación. Para isto, baleirarase o andar inferior por completo eliminando os recheos para documentar o pavimento.

Logo destes traballos, acondicionaranse os circuítos de visita ao sitio, de modo que se siga permitindo a correcta circulación dos visitantes ao redor da torre da homenaxe así como o ascenso á plataforma. Tamén se instalará unha nova sinalética que explique as características xerais do sitio e das diferentes estruturas conservadas co fin de facilitar un percorrido autoguiado.

Por último, para completar o proxecto cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia, habilitarase un código QR co que acceder a un vídeo que lles permita percorrer o interior da torre. Os resultados desta actuación, que está previsto que remate o vindeiro verán, divulgaranse entre a cidadanía mediante unha visita guiada.

Ben de Interese Cultural

O denominado castelo ou fortaleza da Pena sitúase na parroquia de San Pedro da Pena, do concello ourensán de Xinzo de Limia. O sitio está declarado ben de interese cultural e os terreos onde se empraza son propiedade da Xunta de Galicia. Trátase dun sitio patrimonial fortificado da época medieval que presenta un moi bo estado de conservación onde destaca a torre da homenaxe, de planta practicamente cadrada e fábrica de cantaría regular.

Esta sitúase en posición aproximadamente central a un recinto ovalado duns 3.000 m2 70 m de longo por 45 de anchura delimitado por unha muralla exterior. Dentro deste recinto poden apreciarse diversas estruturas de muros parcialmente cubertas pola densa vexetación. Nel realizáronse dúas campañas de sondaxes arqueolóxicas nos anos 2016 e 2017 co fin de comprobar o grao de conservación das estruturas do castelo e permitir valorar a viabilidade da súa escavación e posta en valor.