No debate sobre o estado da provincia o PP proporá 10 iniciativas de impulso

Np debate sobre o estado da provincia o PP proporá 10 iniciativas de impulso á cooperación, emprego, fondos europeos desenvolvemento rural, reto demográfico, turismo ou cultura

As iniciativas foron consensuadas co portavoz do grupo Democracia Ourensana, Armando Ojea, e a deputada non adscrita Monserrat Lama, nun acordo que segundo o portavoz popular Plácido Álvarez “demostra a inequívoca vontade do grupo de goberno por contar co máximo apoio á hora de formular unha serie de propostas, coas que responder a algúns dos retos aos que desde diversos ámbitos se enfronta a provincia de Ourense”

AVANTAR ACTIVIDADES

O grupo provincial do Partido Popular na Deputación de Ourense rexistrou esta mañá o seu decálogo de propostas para o debate sobre o estado da provincia que se celebrará o próximo martes, 16 de novembro, documento no que se fai constar que as iniciativas foron consensuadas co portavoz do grupo Democracia Ourensana, Armando Ojea, e a deputada non adscrita Monserrat Lama. Un acordo, dixo o portavoz popular Plácido Álvarez, “que demostra a inequívoca vontade do grupo de goberno por contar co máximo apoio á hora de formular unha serie de propostas coas que responder a algúns dos retos aos que desde diversos ámbitos se enfronta a provincia de Ourense”.

No decálogo de iniciativas, destacou Álvarez, “se reflicte o impulso que o goberno provincial quere dar á colaboración propoñendo a participación da Deputación nos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR), traballar xunto cos axentes económicos, nomeadamente a CEO, para crear a marca Ourense coa que promocionar os produtos e servizos con selo ourensán, ou cooperar coa Denominación de Orixe do Ribeiro para mobilizar terras de cultivo da vide”.

O emprendemento e o emprego tamén forman parte do documento que se presentará ao pleno, adiantou o portavoz popular, “para o que proporemos unha fiestra única para iniciativas empresariais no rural e unha plataforma dixital para poñer en contacto a persoas que estean á procura de emprego con empresas que precisen de traballadores”.

“Pero tamén hai espazo para as reivindicacións diante do Goberno central, reclamando un trato xusto coas entidades locais cos fondos europeos e pedindo que tamén Ourense participe dos plans de descentralización administrativa”, engadiu Álvarez.

O decálogo de propostas complétase coa ordenación do turismo de autocaravanas, a creación das medallas Blanco Amor e unha revisión do modelo do servizo de Vías e Obras da Deputación.

Relación de propostas

1.- Colaboración cos Grupos de Desenvolvemento Rural da provincia

A Deputación de Ourense impulsará diferentes vías de colaboración cos seis grupos de Desenvolvemento Rural da provincia de Ourense. Para iso, solicitaremos a adhesión en cada un dos GDR e poder integrarnos nas respectivas asembleas en calidade de socio. 

2.- Reivindicación ao Goberno de España

Esixir que a provincia de Ourense sexa tida en conta nos procesos de descentralización administrativa e nos plans de axuda á loita contra o despoboamento, como xa foi así, co plan de descentralización de Renfe en Teruel ou Toledo; Soria e o seu centro da Seguridade Social, ou Cuenca e os seus cursos da UNED, entre outros.

3.- Reto demográfico

Creación dunha fiestra única emprendedora do rural. Para axudarlles aos concellos e facilitarlles aos emprendedores e emprendedoras proxectos de futuro na provincia rural.

4.- Modelo das brigadas de Vías e Obras

Revisión do modelo das brigadas de Vías e Obras, co fin de adaptar a organización dun servizo que atende 1.852 quilómetros de estradas provinciais ás novas necesidades, en particular á atención permanente desta rede viaria e a modernización e tecnificación da súa xestión.

5.- Marca Ourense

Creación da marca Ourense para produtos e servizos xenuinamente ourensáns. Aberto a todas as empresas que queiran adherirse coa existencia dunha auditoría que valide a procedencia ou non de contar con este plus de protección. En colaboración coa Confederación Empresarial de Ourense.

6.- Sector vitivinícola. Ribeiro

Elaborar, en colaboración co Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro e os seus adegueiros, colleiteiros e viticultores un plan de mobilización de terras para cultivo da uva que permita poñer ao dispor do sector un mínimo de 160 hectáreas de terreo para cultivo de uva. Todo isto de conformidade co marco lexislativo que proporciona a nova Lei de Recuperación de Terra Agraria de Galicia.

7.- Fondo de reconstrución para as entidades locais

Reclamar ao Goberno central un fondo de reconstrución para as entidades locais que garanta a súa participación real e transparente, facilitando aos concellos e deputacións provinciais a xestión dunha porcentaxe dos fondos europeos equivalente ao gasto local dentro do gasto público total.

8.- Plataforma de emprego

Na propia web da Deputación, con dúas simples pestanas: unha, quero traballar; dous, necesito traballadores. Tratamento dos datos recibidos. Unha ferramenta máis para empresarios e autónomos e persoas  desempregadas. Téndelle a man á pequena empresa e ás persoas autónomas.

9.- Medallas Blanco-Amor

Premio anual, en varias categorías, para recoñecer a traxectoria e os méritos de ourensáns e ourensás nunha gala anual.

10.- Ruta provincial de autocaravanas

Ordenación do turismo en autocaravanas, poñendo en valor unha ruta provincial con todas as zonas de autocaravanas sinalizadas, indicando lugares próximas de interese, as mellores formas de acceder, e cuestión positivas a valorar polos usuarios.