Críticas do BNG a acción inconstante e trivial do Concello de Celanova en materia de igualdade

“Desde o BNG, as nacionalistas, aledámonos que haxa un departamento de Igualdade no Concello de Celanova e que a concelleira ao cargo perciba unha remuneración. O que non vemos por ningures son os resultados”, advirte un comunicado emitido este martes, a pouco máis dunha semana do 25N.

Celanova, 16 de novembro. “Aledámonos que haxa un departamento de Igualdade no Concello de Celanova e que a concelleira ao cargo perciba unha remuneración. O que non vemos por ningures son os resultados”, advirte un comunicado do BNG na semana previa ao 25N, a data na que se celebra o Día Internacional da Eliminación da violencia contra as mulleres.

As nacionalistas son moi críticas co desempeño da concelleira Teresa Barge, do PSdeG-PSOE e socia de goberno de Celanova Decide, en quen ven falta de “empatía, da intelixencia e da capacidade de traballo para aplicalos [recursos materiais] en intervencións que muden a condición das mulleres no noso ámbito”.

Alén das aptitudes das responsábel municipal, as nacionalistas cuestionan a exclusión “deliberada” da participación de colectivos e asociacións nas políticas públicas nesta materia e lembran que Barge negou en 2019 a posibilidade de constituír un consello municipal de Igualdade proposto polo BNG.

Publicidade Premer na Imaxe

A piques de completar o seu terceiro exercicio no cargo, as nacionalistas cualifican a acción institucional como “limitada, inconstante e trivial”, e lamentan que todo se teña reducido a ” intervencións simbólicas de baixa intensidade política” nun catálogo que se repite e ao que “volveremos a asistir nestas próximas semanas”.

O comunicado do BNG remata solicitando ao Concello de Celanova información sobre os recursos a disposición do CIM, o Centro de Información á Muller, “que é todo o recurso público co que se conta nestes nosos concellos por decisión expresa de Teresa Barge”; así como sobre as cifras de vítimas e atencións prestadas no ámbito do concello.