O programa Domingos Vivos, enmarcado no proxecto ‘Vilas Vivas’ impulsado pola Xunta de Galicia, arranca este domingo 5 de xullo en Ribadavia cun variado menú cultural que inclúe música en vivo na sesión vermú, obradoiros, catas e rutas guiadas, ademais de compras, tanto de moda como de artesanía, ou gastronomía. A poboación poderá gozar dunha programación de calidade ademais de descubrir as novas tendas Vilas Vivas que abrirán as súas portas nas próximas semanas. “Estamos moi contentos desta iniciativa, que non só dinamiza a vida cultural e social da vila, senón que tamén amplía a oferta turística que se atopan as moitas persoas que nos visitan durante o verán”, resalta César Fernández, alcalde de Ribadavia, que agradece que a Xunta elixise a capital do Ribeiro como piloto para este programa.
Este domingo, día 5 de xullo, a proposta arranca cunha mestura de música na rúa e gastronomía. Os músicos solistas Miguel Cerqueira e Nuno Louro actuarán na Praza de San Xoán de 11,30 a 14,00 horas, ao mesmo tempo que O Curruncho do Birrán, o Colmado de Sabores e O Escaparate ofrecerán cervexas artesanais, viños do Ribeiro e petiscos galegos para o público. A programación especial, que se repetirá con diferentes protagonistas cada primeiro domingo do mes, dará comezo ás 11,30 horas. Este próximo domingo asistirán José González, conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, e Gabriel Alén, director xeral de Comercio e Consumo, que son os impulsores deste proxecto desde a Xunta de Galicia, xunto ao alcalde de Ribadavia, César Fernández, desde o Concello.
Por outra banda, neste primeiro Domingo Vivo abrirán dúas novas tendas Vilas Vivas na rúa Yáñez: a viñoteca O Escaparate, da Adega Cume do Avia, e o espazo inclusivo Pequeno Ribeiro. Nas próximas semanas tamén se sumarán á iniciativa dous novos espazos: a tenda A Cooperativa do Ribeiro, na rúa Salgado Moscoso, e Sarto, moda téxtil, na Praza Maior.
A programación continuará o domingo 2 de agosto coa actuación de Marietta e Iago Vázquez de 11,30 a 13,00 horas. O domingo 6 de setembro serán Bardo Abelardo e DJ Tibu quen poñan a banda sonora do Domingo Vivo, tamén en horario de 11,30 a 13,00 horas.
Rutas guiadas gratuítas pola vila
Desde este venres, día 4, e durante todo o mes de xullo, a poboación poderá descubrir dúas novas rutas guiadas en Ribadavia. Unha delas céntrase na pegada da época medieval e da poboación xudía no casco histórico da vila, e a outra visita os grandes mosteiros e igrexas da comarca. Por primeira vez, o público poderá acceder ao interior das igrexas fora do seu horario de actividade litúrxica. As 240 primeiras prazas serán gratuítas e poderán reservarse por teléfono (675 558 545) ou a través da páxina da empresa Genuine Galicia.
Campaña Rasca e Gaña
O programa Domingos Vivos tamén conta con sorteos e sorpresas moi especiais. A partir do 20 de xullo, os clientes dos establecementos adheridos poderán solicitar o seu rasca para entrar no sorteo de 1.000 premios que van desde descontos nas tendas, botellas de viño do Ribeiro a estancias en hoteis e balnearios. Os boletos non premiados poderán participar nun sorteo mensual que se celebrará todos os Domingos Vivos na praza de San Xoán ás 11,30 horas.
















