A Xunta destina 1.327.391 euros á posta en marcha de 6 programas integrados na provincia

Publicidade ASPADISI

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, reuniuse esta mañá co presidente da Asociación de Construtores , Santiago Ferreiro, para notificarlle a resolución da Consellería de Emprego e Igualdade dos programas integrados de emprego, dos que a súa  entidade é unha das beneficiadas.

O delegado territorial explicoulle que a Xunta vai destinar 1.327.391 euros á posta en marcha na provincia de 6 programas integrados de emprego que ten previsto formar a 600 alumnos.

HIPER MASIDE

Os programas foron concedidos a CIMO (Exclusivo para mulleres), a Asociación de Empresarios de San Cibrao das Viñas, a Asociación de Empresarios da Construción de Ourense, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Ourense, a APETAMCOR (Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia) e ao concello do Barco de Valdeorras.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, subliñou que a gran vantaxe destes proxectos é que deseñan un itinerario integral e individual para os participantes e inclúen accións personalizadas de diversa natureza -como información, orientación, asesoramento e formación- combinadas con prácticas laborais.

Gabriel Alén lembrou que os programas integrados de emprego, que teñen uno ano de duración, están enfocados a mellorar a ocupación das persoas desempregadas establecendo como obxectivo a inserción laboral dun mínimo do 45% dos seus participantes.

O Goberno galego, a través desta folla de ruta, vén activando ao longo destes anos diversos programas e axudas enfocados a ampliar as oportunidades laborais dos galegos e galegas como son os cursos de formación, os obradoiros ou as lanzadeiras de emprego.