Unha plantación de árbores para lembrar ás vítimas da violencia de xénero deste ano

IES CHAMOSO LAMAS

Femupo organiza unha plantación de árbores o vindeiro 27 de novembro en Cerdedo-Cotobade e visitará o concello de Carballo o día 25 para levar a cabo unha actividade sobre a igualdade coa biblioteca itinerante

 A Federación Pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (Femupo) continúa coas actividades programadas co gallo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

HIPER MASIDE

Durante esta fin de semana a súa campaña informativa ‘‘Femupo Preto de Ti’ visitará os concellos de Oia e Gondomar. As integrantes do colectivo percorrerán as rúas e visitarán os comercios locais repartindo información cos recursos existentes na loita contra a violencia de xénero e presentando o traballo de Femupo neste eido. A actividade realizarase o sábado, a partires das 10:30 horas en Oia e das 12:00 horas en Gondomar.

Xa pola tarde, trasladaranse ata o Concello de Bueu para participar na ‘I Andaina contra a violencia de xénero Bueu‘ organizada pola Asociación de Mujeres Ría de Pontevedra, entidade que pertence á federación. Esta andaina percorrerá seis quilómetros. A saída está prevista ás 16:00 horas desde o Parque As Lagoas.

‘Que o único que che rasgue a pel sexa unha luffa’ é o título dunha acción de concienciación na que colaboran tanto o Concello de Cerdedo-Cotobade como EVD Galicia, institución que ten como misión promover a dignidade das mulleres con discapacidade intelectual ofrecendo apoios individualizados. Esta campaña consiste no reparto gratuíto de esponxas naturais Luffaderm realizadas polas mulleres da entidade EVD Galicia nun proxecto que une integración social, ecoloxía, hixiene e saúde. As esponxas poderán recollerse nas sedes municipais de Cerdedo e Carballedo, no Concello de A Lama e na tenda Nabizas en Flor de Ponte Caldelas a partires do día 22 de novembro e ata o fin de existencias.

Esa mesma semana, Femupo trasladarase ata o concello coruñés de Carballo para participar, o xoves 25 de novembro, na ‘Carretilla violeta’ un contacontos pola igualdade destinado a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, organizado polo Centro de Información á Muller de Carballo  

A Cañiza acollerá o día 26 de novembro un ‘Acto de Conmemoración do Día Contra a Violencia de Xénero’, no que se abordará a importancia do asociacionismo feminino na loita contra a violencia de xénero. Durante esta actividade, que terá lugar ás 18:00 horas na Finca Briabí, darase a coñecer o traballo que realiza esta entidade como o acompañamento na creación de asociacións, a axuda para solicitar subvencións, a realización de proxectos personalizados, as accións formativas, a xestión e realización de eventos, a visibilización e comunicación de proxectos e entidades, e a creación de sinerxías, entre outras cousas. O peche deste acto correrá a cargo de Milagros Domínguez, coñecida activista social e colaboradora habitual en medios de comunicación que forma parte da Asociación de Mulleres en Igualdade Cerdedo-Cotobade, A Lama e Ponte Caldelas; entidade incluída en Femupo.

‘Na lembranza, da raíz á copa’

O sábado, 27 de novembro, no Lugar de Borela en Cerdedo-Cotobade celebrarase ‘Na lembranza, da raíz á copa’, un acto de recordo que consistirá na plantación de trinta e sete árbores, un por cada muller vítima da violencia de xénero en España durante 2021. Esta acción non só “é para lembrar ás vítimas”, explica a presidenta de Femupo, “senón tamén para recordarnos que debemos seguir traballando por todas as mulleres e menores que ven as súas vidas ameazadas”. A través deste acto, Femupo “quere facer partícipes ás administracións, asociacións, empresas e cidadanía en xeral da importancia da loita contra a violencia de xénero”. ‘Na lembranza, da raíz á copa’ é posible grazas ao traballo conxunto de Femupo, a asociación federada de Mulleres en Igualdade de Cerdedo-Cotobade, A Lama e Ponte Caldelas  en colaboración con CO2 Revolution, Forestalis, o Concello de Cerdedo-Cotobade e o Centro de EVD Mos.