Ribadavia súmase á campaña “En negro contra as violencias” polo 25N

O Concello de Ribadavia sumase por primeira vez nun 25N á campaña galega “En Negro Contra As Violencias”. Segundo comenta a alcaldesa, Noelia Rodríguez, súmanse a unha campaña que consiste nunha acción colectiva de sensibilización social contra as violencias machistas que xorde no 2015 en Santiago de Compostela, co impulso da Administración local, e que ano tras ano foi medrando, involucrando a máis concellos, institucións e sectores, chegando a expandirse de xeito viral mesmo fóra de Galicia. Aínda que está latente durante todo ou ano, é sobre todo no mes de novembro, e no 25N –Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller–, cando a acción desprega a súa actividade de forma máis intensa.

Precisamente, a alcaldesa tamén se suma a esta iniciativa con varios carteis en defensa da muller e da loita contra a violencia ás portas do seu despacho.

Esta semana colocaranse pancartas conmemorativas en varios edificios municipais, e procederase a iluminar a Casa do Concello e o Castelo con motivo deste día.
Ademais, o Concello ten organizada na Casa da Cultura a exposición de carteis contra a violencia de xénero realizados por alumnos e alumnas do IES, e que se pode visitar de luns a venres de mañá e tarde.

Publicidade Premer na Imaxe

No día de hoxe o Concello programou a obra de teatro “GOLPES” dirixida ao público xuvenil, á que asistiu o alumnado da ESO do IES Ribeiro.

O mércores terá lugar a lectura dos nenos e nenas do CRA Amencer que farán no Concello de Ribadavia a súa reivindicación polo día internacional.

Este ano o Concello, segundo asegurou a alcaldesa, pretende visibilizar o día internacional para a erradicación da violencia machista, e facer fincapé na sensibilización e concienciación das xeracións máis novas diante dun dos principais problemas que ameazan a liberdade na nosa sociedade.

ACTO INSTITUCIONAL.
O xoves 25 terá lugar o acto institucional arredor da lectura dun manifesto na propia Praza Maior co obxectivo de sumarse á celebración internacional do 25N.
O luns 29 de novembro celebrarase unha nova Mesa de coordinación para a mellora da atención ás vítimas de violencia de xénero do Concello de Ribadavia.