A Xunta e os directores de centros educativos coinciden na necesidade de ter criterios comúns de avaliación e promoción para evitar desigualdades

17,00 h.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, reunirase coa Xunta Autonómica de Directores. foto xoán crespo 22/11/2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade reuniuse hoxe coa Xunta Autonómica de Directores para analizar o novo real decreto que regula a avaliación e a promoción

Buscaranse solucións e certezas aos claustros para que o alumnado se vexa afectado o menos posible polo “caos e improvisación” do Ministerio

AVANTAR ACTIVIDADES

Escoitaranse todas as visións para tomar as mellores propostas, sempre nun marco de seguridade xurídica que o Goberno central non garante

A prioridade da Xunta é blindar os estándares de calidade de Galicia, que o levaron a postos de cabeza no informe PISA e a reducir o abandono escolar á metade

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, reuniuse esta tarde coa Xunta Autonómica de Directores de centros educativos, cos que coincidiu na necesidade de establecer criterios comúns de avaliación e promoción para evitar desigualdades entre o alumnado.

O encontro enmárcase na rolda de contactos que o Goberno autonómico está a manter cos diferentes representantes da comunidade escolar para analizar unha resposta conxunta de Galicia diante do novo real decreto que o Ministerio de Educación acaba de aprobar para regular a promoción e a avaliación e que suprime os exames de recuperación en Educación Secundaria Obrigatoria (ESO).

Román Rodríguez subliñou a necesidade de buscar solucións que dean certezas aos claustros de profesores á hora de realizar as avaliacións e promocións neste curso. O obxectivo é que o alumnado se vexa o menos prexudicado posible pola forma “caótica e improvisada” que está a manifestar o Ministerio de Educación y FP na aplicación da nova lei educativa.

A este respecto, o representante da Xunta explicou que nestes días están a chegar á Consellería innumerables dúbidas desde os centros, “que non saben como axustar o calendario escolar e como levar a acabo as avaliacións”, dixo.

O conselleiro amosou a vontade do Goberno galego de escoitar a todos nesta rolda de contactos que se abre hoxe para, despois de analizar a súa visión e necesidades diante deste “escenario insólito”, tomar as decisións oportunas nun marco de seguridade xurídica. A este respecto, lamentou que o Ministerio convidase ás comunidades autónomas a improvisar instrucións ou medidas para evadir as consecuencias do real decreto, “dado que eles mesmos non foron quen de facer o que comprometeran: incluír unha disposición transitoria que permitira ás CCAA durante este curso manter as avaliacións extraordinarias”.

Oportunidades par ao alumnado

“Mentres en Galicia reducimos o abandono escolar á metade na última década subindo a calidade e apostando pola cultura do esforzo, o Ministerio pretende apostar polo aprobado xeral”, sinalou o conselleiro, unha actitude que considerou “unha mensaxe moi perigosa para o alumnado”.

“A prioridade da Xunta –incidiu Román Rodríguez– é blindar os estándares de calidade do sistema educativo galego, que o levaron a postos de cabeza en España no informe PISA e a reducir á metade o abandono educativo”, ao tempo que se mantén o ensino galego como o máis equitativo da OCDE. “É dicir, defenderemos por riba de todo a igualdade para os nosos alumnos e ofreceremos todas as oportunidades para que ninguén quede atrás”, reafirmou.

Viabilidade dos novos currículos

A maiores o conselleiro amosou a súa preocupación despois de que a ministra de Educación anunciase que a publicación dos novos currículos de desenvolvemento da LOMLOE non será ata o primeiro trimestre de 2022, a pesares de que a Xunta leva reclamando a súa publicación desde o pasado mes de setembro.

Neste sentido recordou que a Xunta non pode comezar a tramitación administrativa da parte autonómica dos currículos ata que o Goberno do Estado publique os seus. O retraso por parte do Ministerio vai xerar unha gran problemática no desenvolvemento do vindeiro curso, tanto a nivel de planificación dos propios centros, como da elaboración dos contidos que deben elaborar as editoriais e a formación do profesorado entre outros.