O Goberno Local queda en evidencia unha vez máis con propostas xurídicamente inviables

Os nacionalistas a través do deputado no Congreso Néstor Rego e a preguntas realizadas ao Goberno do Estado certifican que a proposta lanzada por Jácome de expropiar terreos do ADIF no barrio da Ponte e na Estación de San Francisco son “xurídicamente imposíbles de levar a cabo”

 Hai algunhas semanas o Goberno Local anunciaba a súa intención de expropiar preto de 12 hectáreas da praia de vías da Estación Empalme de Ourense para polos, segundo o alcalde “ao servizo da cidade”. Desde o BNG “xa manifestamos daquela que nos parecía inviable, e que esa ocorrencia soamente obedecía á necesidade de Jácome e do PP de estender unha nova cortina de fume que tape a súa incompetencia e incapacidade”.

AVANTAR ACTIVIDADES

O que xerou dúbidas no seu día agora tórnase en certeza xa que a resposta dada polo Executivo Central á pregunta formulada polo deputado no Congreso Néstor Rego e a instancias do Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense di, “xurídicamente é imposible levar a cabo a expropiación ao tratarse de terreos con natureza de bens de dominio público ferroviario, estando afectos ao servizo ferroviario de interese xeral”.

Segundo o seu portavoz Luis Seara, “a resposta recibida confirma o que nós xa manifestamos no momento de coñecer o anuncio por parte do Goberno Local, que a expropiación non é posíbel”, e engade, “na propia resposta que nos traslada o ADIF manifestan algo que o BNG xa argumentou no seu momento, que en todo caso cómpre diálogo entre ambas partes para poder acadar un acordo de desafección dos terreos e adicalos a equipamentos públicos”.

Estación de San Francisco

O BNG tamén preguntou ao Goberno Central pola estación de San Francisco, lugar no que, tras un novo anuncio de expropiación, o Goberno Local pretendía construir un centro de saúde.

A resposta recibida por parte do ADIF é a mesma que cos terreos da estación Empalme, é dicir, “a expropiación é xurídicamente imposible ao tratarse dunha estación con natureza de dominio público ferroviario e afecta ao servizo ferroviario de interese xeral”.

Na resposta, o ADIF afirma que a súa desafectación soamente sería posíbel se eses terreos se declaran innecesarios para o servizo ferroviario, algo que non está previsto facer pois como ven confirman na resposta, fai meses que lles comunicaron aos catro inquilinos da estación que “por necesidades do servizo ferroviario, deben desaloxala”.

En ambos casos, ADIF confirma que non consta comunicación algunha por parte do Concello de Ourense interesándose por estas cuestións.

Desde o BNG volven reclamarlle ao Goberno Local “seriedade e rigor, que se deixen de facer anuncios estériles e se centren en sacar adiante o día a día do concello”.